Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 21 de decembro de 2017

"La librería ambulante" de Christopher Morley, vindeira lectura do club

Dende A Coruña, cidade onde reside Fernando Ontañón, cruzamos o grande océano para dirixirnos ata Pensilvania, terra natal do escritor que nos ocupa. Estamos a falar do estadounidense Christopher Morley (1890-1957), autor do que imos ler a súa primeira novela, “La librería ambulante" (Periférica, 2012), publicada en 1917.
A obra está ambientada na segunda década do século XX, nuns Estados Unidos aínda rurais e de paisaxes idílicos, onde conviven os vellos carromatos e os novísimos automóbiles; Roger Mifflin, un libreiro ambulante que desexa regresar a Brooklyn para redactar as súas memorias, vende a súa singular librería sobre rodas (xunto á súa egua e o seu can) á xa madura señorita Helen McGill, quen decide, farta da monotonía da súa vida, lanzarse á aventura e percorrer mundo. A partir dese momento sucederanse os encontros e os desencontros, e as máis divertidas peripecias daranse a man cos grandes ensinos que proporcionan libros e libreiro.
Un libro que comentaremos en aninovo, concretamente o mércores 10 de xaneiro. Coma sempre a xuntanza será na biblioteca, a partir das 20:00 h.

luns, 18 de decembro de 2017

Horario de apertuda e servizo de préstamo durante o Nadal

A biblioteca pública municipal de Brión vai modificar o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas. Ademais dos días festivos 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os sábados 23 e 30 e o martes 26 de decembro.
Entre os días 23 de decembro e ata o 6 de xaneiro, o horario de apertura será como segue:
     - Mañás, de 10:00 a 13:30 h.
     - Tardes, de 16:00 a 20:00 h.
 Na semana do 25 ao 30 de decembro, non funcionará o servizo de préstamo a domicilio, aínda que si a devolución.

 Moitas grazas e desculpen as molestias.
FELICES FESTAS E VENTUROSO 2018!!

sábado, 9 de decembro de 2017

Lembranza importante sobre o servizo de préstamo a domicilio da biblioteca [Editado]

Con motivo do cambio de sistema de xestión cara a nova plataforma común da Rede de Bibliotecas de Galicia, a BPM de Brión modifica temporalmente o servizo de préstamo a domicilio.
De xeito temporal, nas vindeiras semanas este servizo só funcionará en horario de tarde, de 16:00 a 22:00 h. de luns a venres. Tamén os sábados pola mañá de 09:00 a 14:00 h. 
Agradecemos a súa comprensión e transmitímoslle as nosas desculpas polas molestias ocasionadas.

sábado, 2 de decembro de 2017

O Concello de Brión presenta unha nova app móbil para comunicarse coa cidadanía

Brión, un concello comprometido dende sempre coas novas tecnoloxías, ven de por en marcha unha nova ferramenta para difundir a información municipal de interese entre toda a cidadanía. Falamos do novo servizo "Brión informa".

Trátase dunha útil ferramenta de comunicación baseada nunha aplicación para dispositivos móbiles que permite recibir no teléfono intelixente ou na tablet conectados á internet: anuncios, bandos, novas e información municipal de diversa índole, de xeito directo e inmediato. Asemade, calquera cidadán poderá transmitir ao concello incidencias, consultas ou propostas, de maneira rápida e sinxela, a través de texto complementado por imaxes e localización xeográfica. E todo isto, de forma gratuíta.

A app pode descargarse totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play (buscar polo nome "Brión Informa") para os usuarios da plataforma Android ou na App Store (procurar "Bandomovil") para os dispositivos con IOS de Apple. Tamén, de xeito directo, escaneando co dispositivo móbil os códigos QR que se reproducen a pé de páxina.

Esta nova ferramenta tecnolóxica súmase á outra aplicación municipal de promoción turística xa existente, tamén dispoñible nos mencionados repositorios baixo a denominación "Concello de Brión". Nela, veciños e visitantes poderán acceder a unha completa guía con información sobre os principais atractivos turísticos do noso municipio, con datos de contacto, imaxes e localización e navegación xeográfica. Ademais conta cunha completa guía directorio de servizos municipais e de hostalaría.

Un novo xeito do concello de relacionarse coa cidadanía, unha maneira innovadora para que os veciños de Brión se comuniquen coa súa administración local.

Escanea os QR coa app dedicada do teu dispositivo móbil.

venres, 1 de decembro de 2017

Lembranza: o xoves 7 de decembro a biblioteca modificará o horario de apertura.

Informamos aos nosos usuarios e as nosas usuarias que o vindeiro xoves, 7 de decembro, a biblioteca municipal modificará de xeito extraordinario o horario de apertura ao público. Debido a necesidades do servizo, a biblioteca abrirá:
 - Mañá: de 10:00 a 13:30 h.
 - Tarde: de 16:00 a 20:00 h.
Tamén lembramos que o sábado, 9 de decembro, a biblioteca municipal abrirá no seu horario habitual.
Desculpen as molestias ocasionadas e moitas grazas pola comprensión.

sábado, 25 de novembro de 2017

Lembranza: a biblioteca municipal pechará a tarde do luns 27 de novembro

Queremos lembrar a todos os nosos usuarios e usuarias que na tarde do luns 27 de novembro a biblioteca pública municipal permanecerá pechada.
Así mesmo, recordamos que o centro abrirá normalmente en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.
Desculpas polas molestias ocasionadas e grazas pola vosa comprensión.

25 de novembro, un día para parar a violencia contra as mulleres o resto do ano

O 25 de novembro é unha data a destacar no calendario. Un día para lembrar durante o resto do ano o compromiso ineludible que todos e todas debemos asumir para loitar contra unha das lacras da nosa sociedade, a violencia contra as mulleres.
Porque é necesario tomar conciencia e actuar cando sexamos vítimas ou testemuñas de calquera actitude ou situación que consideremos de risco. O 25 de novembro é unha data para reflexionar sobre este tema e afrontalo con actitude comprometida e activa os 365 días do ano.
Fieis a esta idea, dende a biblioteca municipal do Concello de Brión dispoñemos dun punto de interese permanente sobre igualdade e contra a violencia de xénero. Nel sempre atoparás accesibles materiais bibliográficos e audiovisuais que abordan esta temática e ofrecen información para entender e previr esta problemática.

venres, 17 de novembro de 2017

Vindeira lectura do club: "El orden invisible de las cosas" de Fernandeo Ontañón

Despois de comentar “Media vida” novela de Care Santos galardoada co Premio Nadal 2017, afrontamos unha nova experiencia lectora no club. Neste caso, a obra escollida é “El orden invisible de las cosas” do escritor cántabro afincado en A Coruña Fernando Ontañón.
A novela segue os pasos de Juan Devesa en dous momentos decisivos da súa vida: os seus anos na universidade, cando coñece a Elisa, unha estudante con quen manterá unha intensa relación amorosa, e o derrubamento, lento e doloroso, do seu matrimonio vinte anos despois. A medida que a súa relación con Elisa faise máis profunda, unha sombra de inopinada violencia cérnese sobre eles: a nova da desaparición dun estudante a finais dos sesenta ponos na pista da temida Brigada Político-Social do franquismo.
Para comentala, reunirémonos o mércores 13 de decembro ás 20:00 h. na biblioteca municipal.

sábado, 4 de novembro de 2017

La Constelación Pica Pica, un contacontos sobre a mastocitosis

A Asociación Española de Mastocitosis y Enfermedades Relacionadas e Kratos Restaurante organizan en Brión o contacontos “La constalación Pica Pica”, unha actividade a cargo de Ana Paramos, socia da AEDM, na que colabora o Concello de Brión e a súa biblioteca municipal.
A serán de narración oral está baseado no conto do mesmo título escrito por Isabel de Ron e ilustrado por Deborah Jackel, e trátase dunha ferramenta marabillosa para estimular aos nenos e nenas, axuda a identificar as súas propias emocións e as dos seus compañeiros/as de aula, o cal axuda a desenvolver a empatía e a auto estima; transmite e ensina valores, de comportamento e convivencia; desenvolve a linguaxe oral, a imaxinación e a creatividade; estimula a memoria, etc.
A actividade vai celebrarse o venres, 10 de novembro, ás 18:30 h. na Sala de Exposicións Municipal, con entrada de balde ata completar o aforo. 


xoves, 26 de outubro de 2017

"Media vida" de Care Santos, vindeira lectura do club

O club de lectura inicia unha nova xeira da man da escritora Care Santos e a súa novela galardoada co Premio Nadal 2017 “Media vida”. Un relato elocuente e vital que sitúa ao lector/a no verán do ano 1950, cando cinco mozas adolescentes internas nun colexio de monxas xogan xuntas por última vez a «Acción ou Verdade» ou, como din, o xogo das pezas.
Dúas delas, as xemelgas Viñó, están a piques de empezar unha nova vida, chea de interrogantes, lonxe de alí. A ocasión é especial e sábeno, pero ningunha espera que esa noite convértase nun punto de inflexión para alguén máis e que sen sequera imaxinalo acabe marcando o seu camiño para sempre.
A través das vidas de cinco amigas ao longo de trinta anos, Care Santos retrata a unha xeración de mulleres que tiveron que construír os seus destinos nun momento en que a hipocrisía daqueles que querían manter as formas a calquera prezo enfrontouse a novas miradas sobre a amizade, o amor e a liberdade.
A barcelonesa Care Santos é xornalista e tamén recoñecida escritora, con numerosas publicacións en diferentes xéneros literarios como a novela, o relato, a poesía e a narrativa infantil e para mozos. Con “Media vida” acadou o recoñecemento do prestixioso Premio Nadal na súa edición de 2017.

martes, 24 de outubro de 2017

Celebramos o Día das Bibliotecas cos "Contos de outono" de Celtia Figueiras


A animadora Celtia Figueiras regresou á Sala Municipal de Exposicións para presentar os “Contos de outono”, outro divertido serán de animación que pecha “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade serviu para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas e estivo dirixida a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. O serán contacontos comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. No referente á asistencia de público, contabilizouse un total de 30 persoas, entre crianzas e pais/nais.
Esta actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 




 

mércores, 18 de outubro de 2017

Campaña "Estoy en la Biblio" nas redes sociais.

O Observatorio de la Lectura y el Libro, pertencente á Subdirección General del Libro, la Lectura y las Letras Españolas do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, convida a toda a cidadanía a participar nunha campaña nas redes sociais coa que pretende contribuír á celebración do Día da Biblioteca. A iniciativa, que se denomina 'Estoy en la Biblio', pode seguirse no Twitter e Instagram co hashtag #EstoyenlaBiblio.
A campaña estará activa dende o 17 de outubro ata o día 24, Día da Biblioteca. Durante esta semana pódense enviar mensaxes á conta en Twitter ou en Instagram (@observalibro) coa etiqueta #EstoyenlaBiblio indicando o nome e a localidade da biblioteca que aparece na fotografía. Entre todas as fotos remitidas, o Observatorio elixirá as 10 que máis lle gusten e entre elas farase un sorteo do que sairán os 3 gañadores, que levarán un lote de libros cada un.
Tedes todos os detalles da campaña e as bases na seguinte ligazón



 

xoves, 5 de outubro de 2017

Celebramos o Día Internacional das Bibliotecas cos "Contos de outono" de Celtia Figueiras

O 24 de outubro regresa Celtia Figueiras con novas e divertidas historias para dar a benvida ao outono e celebrar o Día Internacional das Bibliotecas. Un serán de animación dirixido a crianzas de entre 3 e 9 anos de idade que a animadora realizará a partires das 18 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. A entrada, como sempre, de balde ata completar aforo.
Un lugar acolledor para escoitar as narracións destes “Contos de outono” outra divertida sesión de “As estacións en contos” que pecha a serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano. Unha actividade organizada pola biblioteca co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

sábado, 30 de setembro de 2017

O Club Camaleón regresa en outubro

En outono, o camaleón volta á biblioteca tras gozar dunhas longas vacacións estivais. Paco Papán regresa cheo de ilusión e con moitas gañas de reencontrase cos seus amigos e amigas do club. Con eles e elas quere iniciar unha nova xeira de lecturas, xogos e actividades que se celebrarán na sala infantil da biblioteca o segundo sábado de cada mes de 12 a 13 h.
Como en cursos anteriores, o Club Camaleón vai ser unha actividade de balde dirixida a crianzas de entre 3 e 8 anos de idade acompañadas dun adulto. Impartida por unha monitora, os pequenos e pequenas participarán en xogos, traballos de plástica, conta contos, etc. que terán lugar unha vez ao mes ata o vindeiro mes de xuño.
Para inscribirse, os interesados e interesadas deberán dirixirse a BPM de Brión solicitando a alta na actividade de forma gratuíta, ben telefonicamente ou a través do correo electrónico. Serán necesarios un mínimo de 10 participantes para a realización da actividade. No caso de que a inscrición sexa numerosa, formaranse grupos atendendo a criterios de idade e agrupamento familiar.
Para máis información, contacta coa biblioteca a través dos medios habituais. Se queres coñecer a Paco Papán, o camaleón da BPM de Brión, e formar parte da súa cuadrilla, a que esperas? Únete xa ao seu club! 


xoves, 21 de setembro de 2017

Romaría de Santa Minia 2017. Horarios da biblioteca [Editado]

Con motivo da celebración da Romaría de Santa Minia, a BPM de Brión adaptará o seu horario de apertura ao público os días 25, 26 e 27 de setembro. Unha modificación que se debe á programación de eventos festivos que vai desenvolverse na Carballeira de Santa Minia con motivo desta popular festa.
Os días 25, 26 e 27 de setembro, a biblioteca permanecerá pechada.
Moitas grazas.
Desculpen as molestias.

xoves, 7 de setembro de 2017

A maxia dos monicreques regresa a Brión co IV Festival Monecadas

Os monicreques regresan en setembro á Carballeira de Santa Minia da man do IV Festival Monecadas, unha actividade que se celabrará os días 15, 16 e 17 de setembro, organizada por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión. A programación deste evento lúdico, que ten o teatro de monifates como protagonista, traeranos unha función por día que se representará ao aire libre.
O festival comeza o venres 15 ás 18:00 h. cun obradoiro de monicreques a cargo de A Xanela do Maxín. De seguido, ás 19:30 h., Mircromina Teatro de Títeres presentará "Vacacións no mar", un espectáculo de monifates de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachaporra cuns caracteres e situacións renovados para o público de hoxe en día. A Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro "Ovos con patacas"... pero nun descoido o pirata "Ollo Virollo" toma prestada a nave e bótase ao mar.
O sábado 16 de setembro, ás 13:00 h., A Xanela do Maxín representará "A Caixa de Nuk", unha apaixonante historia chea de maxia, tenrura e amor que nos transportará ao mundo da natureza e dos seres elementais como trasgos, fadas e dragóns. Nesta obra, un trasgo chamado Nuk é enganado por unha malvada serpe que quere facerse coa caixa que pode cambiar o futuro dos trasgos e toda a humanidade. O noso protagonista, cego de amor, sucumbe aos enganos da serpe e veremos como non sempre son quen esperamos os que poden dar un xiro ás historias máis incribles.
Para rematar, o domingo 17 de setembro, ás 13:00 h., Títeres Alakrán representarán a función "Circo galaico", un espectáculo de variedades conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo. Un circo único onde a maxia e o fantástico se mestura co autóctono, onde os acróbatas e malabaristas serán animais da fauna galega coma o xabaril, o lobo ou a pita do monte.
Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, con entrada libre para nenos e adultos, novos e vellos, altos e baixos. Porque para asistir, so é necesario querer pasar un entretido serán cheo de diversión a esgalla para toda a familia. Non faltedes!

luns, 31 de xullo de 2017

Club Camaléon e Club de lectura adultos, actividades anuais da biblioteca para o curso 2017-2018

O Concello de Brión acaba de publicar a nova programación cultural e deportiva coas actividades formativas, deportivas, culturais e de lecer para curso 2017-2018.
A biblioteca oferta como actividades anuais o Club Camaléon (3 a 8 anos) e o Club de lectura para adultos (+16 anos). Xa podes consultar a información sobre estas e outras propostas na Programación Cultura e Deportiva para o curso 2017-2018.

mércores, 26 de xullo de 2017

Horario de verán: Meses de agosto e setembro

Nos meses de agosto e setembro a biblioteca municipal de Brión adapta o seu horario á tempada estival.
Dende o martes 1 e ata o venres 11 de agosto, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:
Luns a venres:
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Tardes: Pechada
Sábados: Pechada. 


Do 14 de agosto ao 3 de setembro a biblioteca permanecerá pechada.

Do luns 4 ao venres 15 de setembro, a biblioteca municipal abrirá no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Sábados: Pechada

Dende o luns 18 de setembro a biblioteca retomará o seu horario habitual:
Luns a venres: de 09:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 22:00 h.
Sábados: de 09:00 a 14:00 h.

luns, 17 de xullo de 2017

Música en vivo na Carballeira con Xoán Curiel e a banda Son+de2

O venres 14 de xullo a Carballeira de Santa Minia vibrou coa música en directo de Xoán Curiel e a banda Son+de2 que presentaron en Brión o espectáculo “Estamos no verán”. Un recital que parte do libro-disco do mesmo título, a cargo do músico e a escritora Charo Pita. Unha novela-CD que podes atopar na biblioteca municipal.
O concerto, dirixido a público infantil e familiar, comezou ás nove do serán e prolongouse pouco máis dunha hora, cunha afluencia de público máis que satisfactoria; sobretodo,  tendo en conta as datas estivais nas que se celebrou, onde moitos veciños e veciñas se atopan de vacacións lonxe do concello. Más de 90 persoas, entre nenos e adultos, acudiron a esta entretida cita musical ao aire libre.
Cun guión marcado pola historia que Charo Pita narra no libro, o recital desenvolve, entre peza e peza musical, a historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza. O seu máis grande soño é formar un grupo de música, entre todos vanno acadar. Mesturando músicas animadas e letras pegadizas, Xoán Curiel e o seu grupo convidaron ao público asistente a participar no espectáculo, cantando e bailando coma un membro máis da agrupación.

Ligazón coa galería de imaxes do recital.

sábado, 24 de xuño de 2017

Horarios de verán da biblioteca: mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o sábado día 1 e ata o luns 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario: 
Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada. (Dende o sábado día 1 de xullo)

venres, 23 de xuño de 2017

Estamos no verán!!!, espectáculo de Xoán Curiel para toda a familia

O venres 14 de xullo, a Carballeira de Santa Minia en Brión acollerá o espectáculo de Xoán Curiel “Estamos no verán”. O artista e a banda Son+d2 presentarán este proposta lúdica dirixida a público infantil e familiar, chea de música, historias, danza e coreografías que fan participar ao público e mergullan aos rapaces e rapazas nun soño de verán.
O espectáculo musical baséase na novela-CD editada por Galaxia que narra a historia duns amigos que no verán, queren formar un grupo de música. Un libro no que participa Charo Pita e que está acompañado das fermosas ilustracións de Iván R.
O espectáculo comezará ás 21 h. no antedito espazo, con acceso libre e de balde para todas e todos. Non faltedes!

Chega o verán acompañado dos contos de Celtia Figueiras


A animadora Celtia Figueiras regresou á Sala Municipal de Exposicións para presentar os seus “Contos de verán”, outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade, organizada pola BPM de Brión, estivo dirixida a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. O serán contacontos comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. A asistencia de público non foi tan numerosa coma en anteriores sesións, probablemente debido á coincidencia en data cos festivais de fin de curso dos centros escolares.
Esta actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 


 

xoves, 22 de xuño de 2017

"Una historia de Nueva York" de Washington Irving, vindeira lectura do club

Despois de ler unha novela contemporánea, “El desorden que dejas” de Carlos Montero, afrontamos no club a lectura dun clásico da literatura estadounidense, o inesquecible Washington Irving.
Un salto no tempo e no espazo para viaxar ata 1809, á Nova York natal dun mozo escritor de apenas 30 anos que sorprendeu a todo o mundo coa publicación de “Una historia de Nueva York”, unha sátira onde os feitos e a ficción mestúranse ata volverse indistinguibles un doutro, é tamén unha elaborada farsa, se cadra unha das primeiras boubas literarias.
O autor narra unha historia das orixes de Nova York desapiadadamente aceda, dende a época na que a cidade levaba o nome Nova Amsterdam e estaba habitada polos colonos neerlandeses, é dicir, os antepasados de importantes familias neoiorquinas que atoparon ofensivas as burlas e caracterizacións presentadas no libro.
Con todo, entre tanta chanza hai tamén moita seriedade nesta Historia de Nova York. Washington Irving escribiu a obra nunha época en que a cidade enfrontaba unha crise de identidade e na que aínda non había moito material escrito sobre ela. O autor emprega o humor e a imaxinación, pero tamén forxa dun xeito notable e rigoroso a historia da primeira metade do S. XVII desta notoria cidade.

martes, 20 de xuño de 2017

Contos de verán con Celtia Figueiras

O venres 23 de xuño regresa á biblioteca Celtia Figueiras con divertidas historias para dar a benvida ao verán. Unha estación que chega acompañada de moita calor e novos contos dirixidos a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade que a animadora vai narrar a partires das 18 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. A entrada, como sempre, de balde ata completar aforo.
Un lugar fresquiño para escoitar as narracións destes “Contos de verán” outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano. Unha actividade organizada pola biblioteca co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

sábado, 10 de xuño de 2017

Trinketrinke trouxo á biblioteca aos Ratiños da caixa

O venres 9 de xuño os ratiños de TrinkeTrinke visitaron a biblioteca de Brión. O Rato máis grande trouxo nunha caixa tres ratiños máis novos moi trastes e desobedientes, e non lle quedou outra que aturalos. E para entretelos narroulles contos especiais para ratiños.
Historias que conformaron un entretido serán contacontos dirixido a público infantil de 3 a 9 anos de idade. Unha sesión de animación da biblioteca que se celebrou na Sala de Exposicións da Casa da Cultura por necesidades de espazo. O espectáculo comezou ás 18:00 h. e reuniu a aproximadamente 50 asistentes, entre nenos e pais, que gozaron cos divertidos contos de ratiños.
Esta actividade estivo organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ligazón coa galería de imaxes da actividade.

venres, 2 de xuño de 2017

Os ratiños da caixa visitan a biblioteca de Brión

Os ratiños de TrinkeTrinke regresan á biblioteca de Brión. O Rato máis grande tráeos nunha caixa; pero, como os tres ratiños máis novos son moi trastes e desobedientes, tenos que coidar. Para entretelos vailles narrar contos especiais para ratiños, pero non é doado!
Se queres coñecer aos Ratiños da caixa e escoitar os seus contos, non te esquezas acudir o venres 9 de xuño á Sala de Exposicións Municipal, espazo onde terá lugar este divertido serán contacontos dirixido a público infantil de 3 a 9 anos de idade. A sesión comezará ás 18:00 h. e a entrada será de balde ata completar aforo.
Esta actividade está organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

xoves, 1 de xuño de 2017

O espectáculo "Chíos" de Teatro da Semente pecha a Feira do Libro-Maio Cultural 2017

Despois de case un mes cheo de actividades, a Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2017 chega á súa fin. As encargadas de pór o punto final á programación deste ano foron as integrantes de Teatro da Semente Raquel Queizás e Chus Álvarez que presentaron en Brión “Chíos”, un espectáculo dirixido aos nenos e as nenas da Escola Infantil Municipal.

Foi o mércores, 31 de maio, cando o Centro Social de Brión acolleu no seu espazo multiusos esta entretida función á que asistiron aproximadamente 80 pequenos e pequenas acompañados de mestres e mestras. “Chíos” é un espectáculo de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos consistente nunha montaxe músico-teatral con cantigas, bailes, música, poemas visuais, xogos e estimulación olfactiva e táctil para os máis pequechos. 

Con esta actividade péchase por este ano unha programación lúdico-cultural que comezou o día 8 de maio e serviu para conmemorar en Brión o mes das Nosas Letras, este ano dedicado ao escritor e editor Carlos Casares.

luns, 29 de maio de 2017

"El desorden que dejas" de Carlos Montero, nova lectura do club

Despois de ler “Ilustrísima” de Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, afrontamos unha nova lectura no club obra doutro escritor galego, nesta ocasión en lingua castelá. Estamos a falar do celanovés Carlos Montero que con “El desorden que dejas” gañou o XX Premio Primavera de Novela.
Un intenso “thriller” psicolóxico publicado polo selo Espasa e protagonizado por Raquel, unha profesora de literatura en horas baixas que acepta unha suplencia nun instituto de Novariz, a vila de onde, casualmente, procede o seu marido. A moza decátase de que Elvira, a súa predecesora, suicidouse e ao finalizar as clases atopa no seu bolso unha nota que di: “E ti canto vas tardar en matarte?” Decidida, Raquel tentará pescudar quen está detrás desa ameaza, e inevitablemente empezarase a obsesionar coa antiga profesora.
Para comentar a novela, reunirémonos o vindeiro 21 de marzo; como de costume, ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

mércores, 24 de maio de 2017

Xarope Tulú presenta "A miña primeira viaxe" na Feira do Libro-Maio Cultural 2017

O grupo Xarope Tulú presentou no espazo multiusos do Centro Social de Brión “A miña primeira viaxe”. A peza teatral, que estivo dirixida ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (primeira función) e das escolas unitarias de Bastavales, Luaña e Os Ánxeles (segunda función), xorde da adaptación do libro-álbum do mesmo título escrito por Paloma Sánchez Ibarzábal e publicado por OQO editora en febreiro de 2012.
As representacións celebráronse o mércores 24 de maio, ás 10:30 e 12:20 h., e forman parte do amplo programa de actividades da XXVII Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2017, organizada pola Casa da Cultura e biblioteca municipal do Concello de Brión.

luns, 22 de maio de 2017

O mago Martín Camiña trae a maxia de Carlos Casares a Brión

O espazo polivalente do Centro Social de Brión acolleu o luns 22 de maio unha función de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. Co título de "A maxia de Carlos Casares" o coñecido artista presentou un espectáculo máxico e literario, cargado de ilusións sustentadas na narrativa, ensaio e as sorpresas da vida e a obra de Carlos Casares.
Nesta ocasión, o auditorio estivo conformado por alumnado de 1º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Máis de 150 nenos e nenas divertíronse durante 60 min. cos xogos e ilusións que Martín Camiña teceu mesturando a súa maxia co encantamento das palabras de Carlos Casares.

sábado, 20 de maio de 2017

"A Noite en Branco" achega a música á biblioteca

Un ano máis “A Noite en Branco da Magariños” reivindica o talento dos intérpretes novos da Escola de Música de Brión cunha serie de recitais en diferentes espazos públicos municipais. Na edición de 2017, o amplo programa musical iniciouse nas instalacións da Escola de Música, continuou na Biblioteca Pública, Sala de Exposicións municipal e Salón de Plenos da Casa Consistorial. O serán musical rematou no espazo multiuso do Centro Social Polivalente, cun último concerto a cargo da Banda de Música Municipal de Brión. 
Na biblioteca pública celebrouse o concerto “Adagio”, que comezou ás 22:30 h. Nel alumnado da escola interpretou fragmentos de “Los chicos del coro”, “Stay with me” de S. Smith ou “Pasodobre dos cabezudos”, entre outros.
Unha noite para gozar da boa música interpretada polos novos valores dun centro de estudos musicais que, unha vez máis, colabora co programa cultural da “Feira do Libro-Maio Cultural 2017”.

"Contando a Carlos Casares" aos mozos de Brión

O alumnado de 2º Ciclo de Secundaria do IES de Brión asistiu á presentación en Brión do documental “Contando a Carlos Casares” do realizador Carlos Veloso. A actividade, que formou parte da programación da Feira do Libro-Maio Cultural 2017, celebrouse o venres 19 de maio no Centro Social ás 11:20 h.
O audiovisual introduce ao espectador na vida e na obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, a través de distintas entrevistas con diferentes persoas vinculadas persoal ou profesionalmente con Carlos Casares. O evento contou coa presenza do director do documental que presentou o proxecto e pechou o acto someténdose a unha rolda de preguntas dos asistentes.

martes, 16 de maio de 2017

Festa das Nosas Letras na Carballeira de Santa Minia

O martes 16 de maio a Carballeira de Santa Minia converteuse nun grande auditorio ao aire libre para celebrar por segundo ano consecutivo a festa das Nosas Letras, dedicada nesta ocasión a Carlos Casares.
Arredor de 650 alumnos e alumnas dos ciclos de Educación Infantil e Primaria do concello participaron nun gran festival organizado polas escolas unitarias de Os Ánxeles, Bastavales e Luaña e o CEIP de Pedrouzos. Un evento que contou colaboración do Concello de Brión, a través da súa Casa da Cultura e biblioteca municipal.
Con recitais, música e danza tradicionais, esta gran festa das Letras e da Lingua celebrou a nosa identidade cultural única a través da lembranza dun dos representantes máis senlleiros da Literatura galega: o profesor, escritor, político e académico Carlos Casares. Un autor homenaxeado ao longo de toda a xeografía galega no Día das Letras Galegas 2017 e que esta mañá estivo moi presente en Brión. 

Ligazón coa galería de imaxes da actividade.

luns, 15 de maio de 2017

Fran Rei trae a Brión "A galiña azul" de Carlos Casares

O cómico Fran Rei achegouse ata o espazo multiusos do Centro Social Polivalente para presentar en Brión a “A Galiña Azul”, un espectáculo creado a partir da coñecida obra literaria de Carlos Casares.
Seguindo a súa habitual liña, o recoñecido artista mesturou narración oral, moito humor, un chisco de maxia e os seus divertidos monicreques para mergullar aos máis pequenos no particular universo que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017 creara na súa popular obra infantil.
O espectáculo, que forma parte da programación da XXVII Feira do Libro-Maio Cultural 2017, estivo dirixido ao alumnado de 2º e 3º Ciclos de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Preto de 350 nenos e nenas asistiron a esta representación que, por mor do limitado aforo do auditorio, estivo dividida en dúas funcións que comezaron respectivamente ás 10:30 h. e 12:15 h.

venres, 12 de maio de 2017

Contos de primavera en Brión con Celtia Figueiras

A animadora Celtia Figueiras presentou na Sala Municipal de Exposicións “Contos de primavera”, outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade, incluída na programación da Feira do Libro-Maio Cultural 2017, estivo dirixido a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. A sesión comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. A asistencia de público foi notable, contabilizándose a presenza de aproximadamente 32 nenos/as e 23 adultos.
A actividade estivo organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 
Ligazón coa galería de imaxes da actividade.

Dous brioneses premiados no XIV Certame Literario de Narrativa e Poesía do Concello de Ames

O alumnado do IES de Brión volta a ser noticia, nesta ocasión, pola excelencia en creación literaria dos rapaces brioneses Daniel Souto Pazó e Manuel Xiráldez Leal. Ámbolos dous veñen de acadar máximos recoñecementos no XIV Certame Literario de Narrativa e Poesía celebrado no veciño Concello de Ames.

Daniel Souto Pazó recibiu o 1º Premio na categoría de narrativa, modalidade de ata 13 anos, coa obra "Vía Libre". Pola súa banda, Manuel Xiráldez Leal destacou en poesía, modalidade 14 a 17 anos, onde obtivo o 1º Premio desta categoría coa obra "De amor en vela".

O xurado deste popular certame estivo composto nesta ocasión pola profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra Fernández, que exerce o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela. Asemade forma parte do consello de redacción da revista Grial e dirixe a sección de crítica literaria. Outro dos membros do xurado foi o escritor e profesor, Manuel Portas. O terceiro membro do xurado foi o filólogo e poeta Ismael Ramos Castelo gañador en varias ocasións no Certame Literario de Ames.

Parabéns aos premiados!

xoves, 11 de maio de 2017

Celtia Figueiras regresa con "Contos de primavera", segundo espectáculo de "As estacións en contos"

O venres 12 de maio a animadora Celtia Figueiras regresa a Brión para presentar “Contos de primavera” outro entretido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
Despois dos “Contos de inverno” a Sala de Exposición Municipal acollerá as novas e primaverais historias que Celtia ten preparadas para público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. A sesión iniciarase ás 18:00 h. con entrada de balde ata completar o aforo.
A actividade, que forma parte da programación da Feira do Libro-Maio cultural 2017, está organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

martes, 9 de maio de 2017

Arranca a XXVII Feira do Libro-Maio cultural cun recital dramatizado a cargo de Serafín Marcos

O luns 8 de maio iniciouse en Brión a programación especial que un ano máis conmemora o Día das Letras Galegas, unha destacada efeméride cultural que este ano se dedica ao escritor Carlos Casares. Baixo a denominación “Feira do Libro-Maio Cultural”, unha ampla selección de actividades achega á cidadanía de Brión, e en especial ao alumnado dos centros educativos do municipio, e pon en valor a figura e a obra do autor homenaxeado no mes das Nosa Letras. E todo isto a través de recitais, conta contos, música e teatro para todas as idades.
O encargado de inaugurar a “XXVII Feira do Libro-Maio Cultural 2017” foi Serafín Marcos que presentou no espazo escénico do Centro Social o recital dramatizado “Carlos Casares”, dirixido ao alumnado do 1º Ciclo de Secundaria do IES de Brión. Un total de 72 rapaces e rapazas participaron nun serán de animación que durante aproximadamente 60 min. presentou diversos aspectos da vida e obra do autor ourensá.
A Feira do Libro-Maio Cultural é unha actividade organizada pola Biblioteca e Casa da Cultura do Concello de Brión. 

mércores, 3 de maio de 2017

XXVII Feira do Libro de Brión-Maio Cultural

Un ano máis, a Feira do Libro de Brión-Maio cultural acode puntual a súa cita coa promoción do libro e a lectura no mes que celebramos a gran festa das nosas Letras. Como de costume, nesta 27ª edición, a Feira do Libro presenta unha programación cultural dirixida especialmente aos máis novos, ofrecendo unha variada oferta lúdica-educativa, con conta contos, recitais, música e teatro.
A ampla e variada programación, que se inicia o día 8 e remata o 31 de maio, está orientada a lembrar e conmemorar a figura de Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas que se celebra o 17 de maio.
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Un intelectual que máis alá do seu talento literario implicouse activamente na vida cultural, política, social e institucional de Galicia, amosando un compromiso inquebrantables coa nosa lingua.
O cartel da Feira do Libro-Maio cultural 2017, co programa completo de actividades, pode consultarse premendo na seguinte ligazón.

Manuel Iglesias Turnes presentou en Brión "Que non te aten"

O venres 28 de abril, a biblioteca municipal e a Casa da Cultura de Brión organizaron na Sala de Exposicións municipal a presentación no concello da última novela do escritor Manuel Iglesias Turnes: "Que non te aten", publicada en 2016 por Edicións Xerais de Galicia.
O evento, que comezou pasadas as 20:30 h., serviu para conmemorar o Día do Libro, unha efeméride que se celebrou en todo o mundo uns días antes, o domingo 23 de abril.
Manuel Iglesias acudiu acompañado a Brión pola historiadora Encarna Otero que participou activamente ao longo do acto. O serán centrouse na última publicación do autor, "Que non te aten", aínda que tamén estivo moi presente a súa anterior novela, "As rapazas de Xan"
Esta última recupera de forma conmovedora a memoria dunha aldea galega dos anos cincuenta do século XX; mentres "Que non te aten" narra a historia de Marcos, un mozo de hoxe que traballa nunha pequena explotación leiteira de cincocentas cabezas que a súa familia rexenta en Cabanas, unha parroquia do Concello da Baña.
Dúas obras moi recomendables que coñecen ben os integrantes do club de lectura da biblioteca municipal, unha actividade de promoción da lectura onde se leron e comentaron ambas novelas en dous seráns que contaron coa presenza do autor.