Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

martes, 31 de maio de 2016

En xuño, nova xuntanza do Club Camaleón

O xoves 2 xuño, Paco Papán convoca outra xuntanza de todas as súas amigas e todos os seus amigos do Club Camaleón. A partires das 18:00 h., na sala infantil da biblioteca, estades todas/os invitados a participar nun novo serán lúdico dirixido a nenos de 3 a 8 anos de idade acompañados dun adulto.
Se estás interesada/o en participar, diríxete a biblioteca municipal ou chama ao teléfono 981 50 99 69 en horario de tarde (de 16 a 22 h.) para inscribirte e pasalo ben. Se xa o fixeches, revisa a caixa de entrada do teu correo electrónico.

sábado, 28 de maio de 2016

Titereficcións presentou na Feira do Libro de Brión "Chove!"

A XXVI Feira do Libro-Maio Cultura de Brión chega ao seu fin. Tras case un mes de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor Manuel María, pecha esta programación cultural coa actuación de Titereficciós que presentaron diante dos nenos/as a Escola Infantil Municipal o espectáculo “Chove!”. 
A actividade celebrouse no Centro Social Polivalente ás 10:30 h., e consistiu nunha función teatral feita especialmente para a primeira infancia respectando os seus estímulos, tempos e xeitos de asimilación, duración e achegamento aos elementos empregados na representación.

xoves, 26 de maio de 2016

"Babacontos con Manuel María" na biblioteca da man de Larraitz Urruzola

O xoves 26 de maio, Larraitz Urruzola visitou a biblioteca municipal de Brión para presentar o espectáculo “Babacontos con Manuel María”. Unha actividade de animación especialmente dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade. O serán iniciouse pasadas ás 18:00 h. na sala infantil da biblioteca pública brionesa, cunha duración aproximada de 50 min.
Diante dun auditorio de aproximadamente 22 persoas, entre nenos e adultos acompañantes, Larraitz, empregando as ferramentas da narración oral tradicionais, presentou algunhas das poesías de “Os soños na gaiola” de Manuel María; e o conto “O bigote de Mimí” do mesmo autor.
Esta proposta lúdica, que conta co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia, formou parte da máis ampla programación da XXVI Feira do Libro-Maio Cultural, un conxunto de actividades organizadas dende a Casa da Cultura e a biblioteca pública do Concello de Brión que ao longo de maio celebra o mes das nosas Letras, lembrando ao escritor chairego Manuel María. 



luns, 23 de maio de 2016

O Coelliño Branco visita a Feira do Libro de Brión

Trinke Trinke teatro presentou no Centro Social Polivalente o espectáculo “O coelliño branco”, dirixido ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos e das Escolas de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales.
As funcións celebráronse, unha ás 10:30 h. (CEIP de Pedrouzos) e outra ás 12:15 h. (Escolas unitarias), cunha mestura de cancións, números de maxia e o famoso conto dramatizado do simpático coelliño que contou coa colaboración de nenos e adultos presentes.
A actividade integrase na máis ampla programación da XXVI Feira do Libro-Maio Cultural de Brión, que celebra no mes das nosas Letras a figura e obra do escritor Manuel María. 


venres, 20 de maio de 2016

Gran festa das Letras na Carballeira en homenaxe a “Manuel María”

O venres, 20 de maio, a Carballeira de Santa Minia acolleu unha gran festa dedicada ao escritor chairego Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. Un evento que reuniu no emblemático espazo brionés a case 700 alumnos e alumnas das escolas unitarias do Concello, do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión.
O serán cultural, organizado polo CEIP de Pedrouzos coa colaboración do Concello de Brión, comezou arredor das once da mañá, prolongándose aproximadamente unha hora e cuarto. Un tempo no que polo escenario deste macro festival escolar pasaron pequenos, mozos e adultos para recitar poesías e interpretar cancións inspiradas nos versos de Manuel María. Tampouco faltaron a música e a danza tradicional, a cargo das agrupacións das Escolas Municipais do Concello de Brión.
Ao remate da festa, o palco de música que serviu de espazo escénico, quedou adornado con case unha vintena de orixinais e coloristas gaiolas construídas polo alumnado participante no festival. Unha instalación que fai referencia alegórica a unha das máis coñecidas obras do poeta, dramaturgo e narrador nado en Outeiro de Rei e celebrado estes días en toda Galicia.

mércores, 18 de maio de 2016

Títeres Alakrán regresa con "Os soños na gaiola" á Feira do Libro de Brión-Maio Cultural

Despois do Día das letras Galegas, continúan as actividades dedicadas a Manuel María na Feira do Libro de Brión – Maio Cultura 2016. O mércores 18 de maio, Títeres Alakrán regresou ao Centro Social Polivalente para representar unha nova función de “Os soños na gaiola”.

Esta orixinal adaptación teatral, baseada nos versos do autor chairego, foi estrada neste mesmo espazo hai pouco máis dun mes. Agora regresa, especialmente dirixida ao alumnado de 3º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos, dentro da programación dedicada as Letras Galegas.


Tal como presentan a obra na propia compañía, “Os soños na gaiola”, ”...constitúe, ademais dunha homenaxe a Manuel María, unha forma distinta de achegar a súa palabra poética, grazas aos recursos escénicos e dramáticos que proporciona o teatro de títeres. Na obra, o propio Manuel María transfórmase en monicreque para  interactuar cos nenos” 

Xunto cos monifates do monicrequeiro, actor e escultor Borja Ínsua, na obra cabe destacar destaca a dirección de escena do dramaturgo, poeta e crítico teatral Roi Vidal  Tamén a forte presenza da música, grazas a cal poemas como "O Soñador", "Galicia" ou "O Río" convértense en cancións.

Galería de imaxes da representación

luns, 16 de maio de 2016

Luís Vallecillo e A Banda do Cuberto presentan en Brión "O bigote de Mimí"

Continúan as actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a homenaxear a figura e obra do escritor chairego Manuel María. Dentro da máis ampla programación da XXVI Feira do Libro – Maio Cultural 2016, que organizan a Casa da Cultura e a biblioteca pública do Concello de Brión, na véspera do 17 de maio o artista Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto presentaron en Brión “O Bigote de Mimí”, un espectáculo baseado na obra infantil de Manuel María.
A representación, que se celebrou no Centro Social Polivalente, estivo dirixida ao alumnado de 1º e 2º Ciclo de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos. Os pequenos/as estudantes do centro de Primaria asistiron a dúas funcións celebradas ás 10:30 e ás 12:15 h. O espectáculo mesturou música, monicreques e teatro para narrar a historia do gato Mimí: "quen padeceu as consecuencias dunha pésima decisión. Dende a perspectiva do gato, cando xa é vello, as cousas vense diferentes e involucrará a todo un grupo de música para que lle axude a contar polo mundo adiante as súas peripecias"


Ligazón coa galería de imaxes da función.

sábado, 14 de maio de 2016

Recital de "A Noite en Branco da Magariños" na biblioteca

A biblioteca pública municipal acolleu o venres, 13 de maio, un dos recitais de A Noite en Branco 2016, unha actividade organizada pola ESMU Magariños de Brión. Unha velada musical que busca a participación dos veciños e veciñas de Brión con concertos en distintos espazos culturais e sociais do Concello.
Un destes locais foi a biblioteca municipal, que por un momento se converteu en espazo escénico onde un grupo de novos pero talentosos intérpretes da escola executaron un concerto “Adagio”. O recital comezou ás 22:30 h. e prolongouse aproximadamente 15 min. Neste tempo, diante dun numeroso auditorio, o alumnado da escola de música interpretou cinco pezas musicais especialmente escollidas para o lugar e a ocasión. 


xoves, 12 de maio de 2016

Nova lectura para o club: "O gardián invisible" de Dolores Redondo

Despois da evocadora viaxe literaria pola Luisiana de finais do S. XIX da man de Kate Chopin, regresamos ao presente da man doutra muller, a escritora vasca de ascendencia galega Dolores Redondo. Unha autora que se deu a coñecer en 2009 coa novela que imos ler, unha obra que inicia a triloxía do Baztán.
Falamos de “El guardián invisible = O gardián invisible”, a súa segunda novela; un thriller orixinal que mestura a investigación policial co suspense e a mitoloxía das lendas navarras. Nela a inspectora Amaia Salazar, da Policía Foral navarra, investiga o asasinato dunha rapaza adolescente que aparece nunha mesta fraga. A investigación criminal conducirá a protagonista ata a súa vila natal, onde se verá obrigada a se enfrontar co seu pasado.

Conferencia de Darío Xohán Cabana no IES de Brión sobre Manuel María

O xoves 12 de maio, o escritor Darío Xohán Cabana visitou o IES de Brión, onde impartiu unha charla-coloquio sobre a figura e obra de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016.
A conferencia, dirixida a alumnado de bacharelato do Instituto brionés, estaba programada para o luns 9 de maio no Centro Social Polivalente; data que tivo que ser modificada a última hora. Finalmente celebrouse na aula de usos múltiples do centro de Secundaria, polo que os rapaces e rapazas non tiveron que desprazarse ata as mencionadas instalacións municipais.
Esta actividade forma parte dunha máis ampla programación dedicada as Letras Galegas 2016 organizada pola Casa da Cultura e a biblioteca pública do Concello de Brión.

mércores, 11 de maio de 2016

Serafín Marco con Manuel María na Feira do Libro-Maio Cultura de Brión

O mércores 11 de maio, o alumnado de primeiro ciclo de Secundaria do IES de Brión participou nun serán de animación a cargo de Serafín Marco. O artista recreou diante dun auditorio de case 140 persoas retallos da vida e obra de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Combinando narración, música e recitado de poemas cunha posta en escena orixinal e divertida, Serafín gañouse dende nada máis comezar o espectáculo aos rapaces e rapazas do Instituto brionés. O sentido do humor que caracteriza ao artista estivo presente en todo momento ao longo dos máis de 60 min. que durou a actividade.


O espectáculo, organizado pola Casa da Cultura e a biblioteca pública do Concello de Brión, forma parte dunha máis ampla programación da Feira do Libro-Maio Cultura, especialmente deseñada para conmemorar o Día das Letras Galegas 2016. 

luns, 9 de maio de 2016

Atraso da charla sobre Manuel María a cargo de Darío Xohán Cabana

A charla coloquio "Manuel María" que ía celebrarse hoxe no Centro Social Polivalente ás 11:20 h. non vai poder impartirse na data prevista. Trátase dun atraso, non dunha cancelación; Darío Xohán Cabana, que ía impartila diante dun auditorio formado por alumnado de Bacharelato do IES de Brión, non pode comparecer por un imprevisto de última hora.

A actividade trasladarase a unha nova data da que informaremos nos vindeiros días. Grazas e desculpen as molestias.

mércores, 4 de maio de 2016

Feira do Libro-Maio Cultural 2016

Tras celebrar vinte e cinco anos de vida, a Feira do Libro de Brión regresa puntual a súa cita coa promoción do libro e a lectura no mes que celebramos a gran festa das nosas Letras. Na súa 26ª edición, a Feira do Libro-Maio Cultural centra as actividades programadas na figura de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.

A maioría están dirixidas aos máis novos, os nenos/as e rapaces/as que cursan estudos nos centros educativos de Brión, que ao longo do mes de maio van asistir a contacontos, recitais e teatro.



 PROGRAMACIÓN:

LUNS, 9 DE MAIO
Charla Coloquio "Manuel María" impartida por Darío Xohán Cabana. Dirixida ao alumnado de Bacharelato do IES de Brión. Centro Social Polivalente ás 11:20 h.

MÉRCORES, 11 DE MAIO
Recital Dramatizado sobre Manuel María con Serafín Marco. Para alumnado do 1º Ciclo de Secundaria do IES de Brión. Centro Social Polivalente ás 11:20 h.

VENRES, 13 DE MAIO
A Noite en Branco da ESMU Magariños de Brión. Recitais en varios locais municipais a cargo de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.

LUNS, 16 DE MAIO
Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto presentan "O Bigote de Mimí" de Manuel María. Dirixida ao alumnado de 1º e 2º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Funcións ás 10:30 e 12:15 h. No Centro Social Polivalente.

MÉRCORES, 18 DE MAIO
Títeres Alakrán presenta "Os soños na gaiola" de Manuel María. Para alumnado de 3º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Ás 12:30 h. no Centro Social Polivalente.

VENRES, 20 DE MAIO
Festa das Letras na Carballeira dedicada a Manuel María. Participará alumnado do CEIP de Pedrouzos, Escolas unitarias e IES de Brión; con poesía, música, baile e canto tradicional e instalacións arredor da obra do autor chairego.

LUNS, 23 DE MAIO
Trinketrinke Teatro presenta "O coelliño branco" Dirixida ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (10:30 h.) e o das Escolas de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales (12:15 h.)

MÉRCORES, 25 DE MAIO
Fantoches Baj presenta "O asombro con Manuel María". Para alumnado de 2º Ciclo Secundaria do IES de Brión. 11:20 h. No Centro Social Polivalente.

XOVES, 26 DE MAIO
Larraitz Urruzola presenta "Babacontos con Manuel María". Ás 18 :00 h. Na biblioteca pública municipal de Brión. (Actividade co apoio do programa ?Ler conta moito? da Rede de Bibliotecas de Galicia)

VENRES, 27 DE MAIO
Titereficciós presenta "Chove!" (obriña de teatro para bebés) dirixida aos nenos/as da Escola Infantil Municipal de Brión. Ás 10:30 h. no Centro Social Polivalente

Un ano máis, a Feira do Libro de Brión-Maio Cultural está organizada pola Casa da Cultura e a biblioteca pública do Concello de Brión, coa colaboración dos centros educativos do municipio e o apoio do programas "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.