O mércores 11 de maio, o alumnado de primeiro ciclo de Secundaria do IES de Brión participou nun serán de animación a cargo de Serafín Marco. O artista recreou diante dun auditorio de case 140 persoas retallos da vida e obra de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Combinando narración, música e recitado de poemas cunha posta en escena orixinal e divertida, Serafín gañouse dende nada máis comezar o espectáculo aos rapaces e rapazas do Instituto brionés. O sentido do humor que caracteriza ao artista estivo presente en todo momento ao longo dos máis de 60 min. que durou a actividade.
O espectáculo, organizado pola Casa da Cultura e a biblioteca pública do Concello de Brión, forma parte dunha máis ampla programación da Feira do Libro-Maio Cultura, especialmente deseñada para conmemorar o Día das Letras Galegas 2016.
0 comentarios :
Publicar un comentario