Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 13 de novembro de 2026

Encontros literarios: presentación en Brión da novela “Vacaciones en Lisboa”, de María Cao López

O venres 11 de decembro a Sala Municipal de Exposicións de Brión acollerá a presentación do libro “Vacaciones en Lisboa”, escrito pola veciña de Brión María Cao López e publicado pola editorial Letrame.

“Vacaciones en Lisboa” é unha novela que narra a historia de Victoria, unha moza barcelonesa que viaxa a Lisboa en compañía da súa familia e unha amiga. Alí coñecerá e namorarase de João, aínda que axiña descubrirá o desamor ao verse interrompida a relación sentimental pola oposición ao romance dos pais do mozo. Unha nova viaxe a Edimburgo e unha carta fan que Victoria descubra sen querer a verdade.

María Cao López é unha autora consagrada, con varias publicacións editadas nos últimos anos. Veciña de Os Ánxeles, parroquia onde naceu e se criou, marchou de nova a Barcelona, cidade na que reside dende hai anos. Iso si, sen esquecer a súa terra nin perder as estreitas ligazóns que a unen a Brión. No seu concello xa presentara as obras “Rosas y espinas” e “Vivencias en el puente”, novelas publicadas pola editorial Letrame.

Dende a biblioteca municipal convidamos a toda a veciñanza a participar neste encontro literario que será de acceso libre ata completar a capacidade da sala.


 

martes, 3 de novembro de 2026

Presentación en Brión de "Os paxaros que non puideron voar" de Alberto Pérez Riera

O ferrolán de nacemento e brionés de adopción, Alberto Pérez Riera, presentará o vindeiro 26 de novembro o seu último libro, Os paxaros que non puideron voar, un poemario publicado recentemente pola editorial Toxosoutos.

A obra parte dunha reflexión crítica sobre os tempos actuais, marcados polas consecuencias dun sistema capitalista centrado na produtividade e no lucro, contraposto coa necesidade de recuperar a humanidade, a natureza, a arte e o pensamento crítico. O autor propón unha viaxe cara á esperanza e á liberdade colectiva, onde as barreiras sociais e psicolóxicas queden atrás.

O encontro literario, organizado pola biblioteca municipal coa colaboración da Casa da Cultura, celebrarase na Sala Municipal de Exposicións de Brión o xoves 26 deste mes ás 20:00 h. , con acceso libre ata completar a capacidade da sala.



venres, 30 de outubro de 2026

A biblioteca municipal modifica o seu horario

A partir de novembro, a biblioteca municipal de Brión vai modificar o seu horario de apertura ao público. Dende o luns, día 2, o horario de apertura será o seguinte:

Mañás: 9:30 – 13: 30 h.
Tardes: 16:00 – 21:00 h.
De luns a venres.

Asemade, os martes e os xoves, en horario de mañá, a biblioteca municipal funcionará exclusivamente como sala de estudo. Se ben se poderá efectuar a devolución de materiais prestados, non se realizará préstamo a domicilio nin outros servizos habituais do centro (renovación de préstamos, altas de usuarios na Rede, consultas bibliográficas, servizo de referencia, etc.).

xoves, 22 de outubro de 2026

Un serán contacontos para celebrar o Día das Bibliotecas con Frumario o bibliotecario

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha efeméride sempre reivindicativa que este ano, baixo o lema “Sen profesionais, non hai bibliotecas”, desexa dar visibilidade ao traballo de todas as persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un conxunto de recursos, andeis e espazos.

Para conmemorar esta data tan especial, a biblioteca municipal organizou un serán contacontos a cargo de Manuel Pombal que presentou en Brión o espectáculo “Frumario o bibliotecario”. Unha sesión de narración oral dirixido a público de seis a doce anos.

A través do personaxe de Frumario, un bibliotecario moi singular e especial, a obra convida ás crianzas a mergullarse e a brincar no máxico mundo dos libros a través das bibliotecas. Lugares cheos de misterios ocultos e milleiros de tesouros agochados nos andeis. So hai que saber atopalo. E os bibliotecarios, poden axudarche a encontralos.

O espectáculo comezou ás 18:00 h. e prolongouse preto de 45 min. Historias, libros e música en combinación, na procura de espertar na audiencia o interese e a curiosidade polas bibliotecas, os libros e a lectura.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.