mércores, 25 de xuño de 2025

“Contos de aquí para ti” , unha actividade para dar a benvida ao verán

Co comezo do verán e das vacacións escolares, chega tamén un tempo de descanso e lecer que cómpre aproveitar ao máximo. Por este motivo, dende a Biblioteca Pública Municipal propoñemos unha actividade lúdica dirixida ao público familiar, coa que dar a benvida á nova estación.

O martes 2 de xullo, ás 12:00 h, terá lugar en Brión a representación do espectáculo “Contos de aquí para ti”, a cargo de Olga Abad e Carmen Domech. Trátase dunha proposta que combina narración oral e teatro de monicreques, especialmente pensada para nenas e nenos maiores de 4 anos.

A obra preséntanos dúas pedras como protagonistas, situadas no principio dos tempos, nun espazo no que todo está por crear. A través desta historia, introdúcense valores como a paz, a igualdade e a alegría, convidando a reflexionar de forma lúdica e creativa.

A actividade desenvolverase no patio do CEIP de Pedrouzos, co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten ás actividades municipais de conciliación e da piscina cuberta. Por suposto, a asistencia está aberta a todas as persoas interesadas. Se o desexas, podes reservar praza para participar a través do seguinte formulario.

Esta actividade está organizada pola Biblioteca Pública Municipal e conta co apoio do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.





0 comentarios :

Publicar un comentario