HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta contacontos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contacontos. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de xuño de 2026

Xa chegou o verán coas "Historias de bicharracos"

Xa chegou o verán e con el, a calor... moita calor! Aínda que hoxe, a choiva e un gratificante fresquiño acompañaron a Marcos Dios Aguado que presentou en Brión “Historias de bicharracos”
 
Un espectáculo teatral, de narración oral e musical para público infantil e familiar (recomendado para crianzas de 3 a 11 anos) que quere sensibilizar cara a dependencia dos máis pequenos polas pantallas e a perda do hábito lector.

A función celebrouse ás 12:00 h. no patio cuberto do CEIP de Pedrouzos. Durante aproximadamente 50 min., o artista combinou sobre o escenario improvisacións, mímica, canto, música e monicreques. A participación nesta actividade acadou as 94 persoas, entre crianzas e adultos acompañantes.

O lugar escollido para a actividade, un pouco máis lonxe da biblioteca municipal do habitual, non foi casual. O obxectivo perseguido coa escolla desta localización non foi outro que facilitar a participación das crianzas que asisten ás actividades municipais do Concilia Verán e as organizadas na piscina municipal cuberta. Por suposto, o contacontos estivo aberto ao resto da cidadanía.
 
Esta actividade estivo patrocinada polo programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 


 

venres, 12 de xuño de 2026

"Historias de bicharracos" : un contacontos para recibir o verán

Por fin chegou o verán! E con el o sol, as vacacións escolares e moito tempo de lecer para gozar. É o momento perfecto para deixar por un tempo os libros de texto e mergullarse noutras lecturas: historias cheas de aventuras, misterios intrigantes ou relatos tan divertidos que nos farán botar máis dunha gargallada.

Na Biblioteca Municipal seguiremos agardando por ti. Queremos que este verán sigas descubrindo o pracer da lectura, pero tamén que participes nas actividades de animación que estamos a preparar para estas vindeiras semanas. Porque a época estival é tamén unha excelente oportunidade para gozar da narración oral e compartir momentos inesquecibles arredor das historias.

Como a finais de xuño comezan as actividades municipais do Concilia Verán e as organizadas na piscina cuberta, e co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten a estes programas, a Biblioteca Municipal organizará dous espectáculos especialmente pensados para elas. Con todo, estas actividades estarán abertas a todas as crianzas do concello que desexen participar.

"Historias de bicharracos" un contacontos con Marcos Dios Aguado

O primeiro deles xa ten data. Trátase de “Historias de bicharracos”, un espectáculo teatral, contacontos e musical para público infantil e familiar (recomendado para crianzas de 3 a 11 anos). Un serán que quere sensibilizar cara a dependencia dos máis pequenos polas pantallas e a perda do hábito lector.

Cunha duración aproximada duns 50 min., Marcos Dios Aguado presenta unha entretida sesión que combina improvisacións, mímica, canto, música e monicreques. Celebrarase o día 25 de xuño ás 12:00 h. no CEIP de Pedrouzos. A entrada será libre. Se queres facer reserva, podes inscribirte neste formulario.

Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

xoves, 23 de outubro de 2025

"As peripecias de Xurxo", un espectáculo de títeres e clown para conmemorar o Día das Bibliotecas

Para conmemorar a celebración do Día das Bibliotecas (24 de outubro), a biblioteca municipal presentou en Brión “As peripecias de Xurxo” con Jouse García. Un serán de animación destinado a público infantil e familiar que se celebrou o xoves, 23 de outubro, ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións. Un espectáculo de narración oral con monicreques que tratou a temática do “bullying”, o acoso escolar e a autoestima, empregando os títeres e o clown.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal, tivo unha moi boa recepción, cunha asistencia de público que superou as trinta persoas, entre crianzas e adultos acompañantes. O espectáculo contou co patrocinio do programa Ler conta moito.





mércores, 1 de outubro de 2025

Celebramos o Día das Bibliotecas con "As peripecias de Xurxo"

Para celebrar o 24 de outubro, Día das Bibliotecas, en Brión queremos convidarte a participar nunha actividade que mestura a narración oral e o teatro de títeres, dirixida a crianzas de 3 a 8 anos de idade.

O día 23 de outubro, ás 18:00 h., a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acollerá “As peripecias de Xurxo”, un espectáculo de Malasombra Producións con Jouse García. Un texto de Jose Prieto e Xoque Carbajal dirixida por este último.

Unha comedia de autor e monicreques dirixido a público infantil de Jouse García. Espectáculo que fala de maltrato escolar, fala de acoso ao diferente, pero tamén fala de empatía, de respecto e de amizade e faino situando a acción nunha contorna natural próxima, recoñecible.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Reserva de localidades neste formulario

 


 

mércores, 2 de xullo de 2025

"Contos de aquí para ti", un espectáculo de narración oral e monicreques para dar a benvida ao verán en Brión

Que mellor que dar a benvida ao verán cun espectáculo de monicreques e narración oral e celebrar que chegaron as vacacións escolares. Coa axuda de Olga Abad e Carmen Domech logramos argallar un entretido serán dirixido ás crianzas de Brión e as súas familias.

Aconteceu o martes 2 de xullo, ás 12:00 h. Olga e Carmen presentaron o espectáculo “Contos de aquí para ti”. Unha proposta que combinou narración oral e teatro de monicreques, dirixida a nenas e nenos maiores de 4 anos.

A obra presentounos dúas pedras como protagonistas, situadas no principio dos tempos, nun espazo no que todo está por crear. A historia presentou valores como a paz, a igualdade e a alegría, convidando a reflexionar de forma lúdica e creativa.

A actividade desenvolveuse no patio do CEIP de Pedrouzos, co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten ás actividades municipais de conciliación e da piscina cuberta. Por suposto, a asistencia estivo aberta a todas as persoas interesadas en acudir. Aproximadamente 180 persoas, maioritariamente crianzas, gozaron do serán de animación.

O espectáculo, organizada pola Biblioteca Pública Municipal, contou co apoio do programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.



 

mércores, 25 de xuño de 2025

“Contos de aquí para ti” , unha actividade para dar a benvida ao verán

Co comezo do verán e das vacacións escolares, chega tamén un tempo de descanso e lecer que cómpre aproveitar ao máximo. Por este motivo, dende a Biblioteca Pública Municipal propoñemos unha actividade lúdica dirixida ao público familiar, coa que dar a benvida á nova estación.

O martes 2 de xullo, ás 12:00 h, terá lugar en Brión a representación do espectáculo “Contos de aquí para ti”, a cargo de Olga Abad e Carmen Domech. Trátase dunha proposta que combina narración oral e teatro de monicreques, especialmente pensada para nenas e nenos maiores de 4 anos.

A obra preséntanos dúas pedras como protagonistas, situadas no principio dos tempos, nun espazo no que todo está por crear. A través desta historia, introdúcense valores como a paz, a igualdade e a alegría, convidando a reflexionar de forma lúdica e creativa.

A actividade desenvolverase no patio do CEIP de Pedrouzos, co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten ás actividades municipais de conciliación e da piscina cuberta. Por suposto, a asistencia está aberta a todas as persoas interesadas. Se o desexas, podes reservar praza para participar a través do seguinte formulario.

Esta actividade está organizada pola Biblioteca Pública Municipal e conta co apoio do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.





luns, 9 de xuño de 2025

"Cantaruxa, Catuxa", un espectáculo de narración oral para reivindicar o papel das nosas cantareiras

A biblioteca municipal pechou o pasado venres a programación do Maio Cultural-Letras Galegas 2025 de Brión cun espectáculo de narración oral para toda a familia a cargo da artista Aida Cobas que presentou “Cantaruxa, Catuxa”.

Un entretido serán contacontos para reivindicar o labor das avoas que preservaron e transmitiron a poesía oral tradicional galega e o papel das nosas cantareiras na súa difusión. Unha posta en valor que ocupou este ano a programación das actividades do Día das Letras Galegas.

Aida iniciou o seu espectáculo pasadas as 18:00 h., reunindo un grupiño de pais e crianzas que gozaron coa historia de Catuxa e a súa avoa Adolfina que tenta cunha serie de xogos e historias que a súa neta poña en valor o patrimonio inmaterial custodiado por ela e por tantas outras mulleres ás que se lle dedican este ano as Letras Galegas. 

O contacontos, organizado pola biblioteca municipal, contou co apoio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.




domingo, 17 de novembro de 2024

A Apalpadora vai visitar Brión polo Nadal

Este Nadal, vai visitar Brión a Apalpadora. Dende as montañas orientais da nosa terra chega a filla do lendario Apalpador, que recolle a testemuña do seu pai e baixa nesas datas tan especiais para visitar aos nenos e nenas do concello.

Unha visita que aproveitará para contarnos como é a vida na alta montaña e narrar as súas marabillosas lendas. Para desexarvos un Bo Nadal, trae froitos que recolle durante todo o ano e agasallos que fabrica ela mesma. Ven co seu irmán músico André para mergullarse con cancións na súa misteriosa historia onde a Natureza será a gran protagonista.

Se queres coñecer á Apalpadora, marca na túa axenda o xoves 19 de decembro ás 18:00 h. Achégate ata a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) e toma asento. A entrada é libre ata completar a capacidade do local. Se o desexas, podes reservar cadeira a través deste formulario.

O espectáculo de narración oral (con música) estará dirixido a público familiar, especialmente pensado para crianzas de 4 a 10 anos de idade. Prolongarase aproximadamente durante 60 min. Un serán de animación organizado pola biblioteca municipal onde se porá en valor a vida rural, as tradicións, a igualdade e o respecto pola natureza e a vida san.


 

mércores, 2 de outubro de 2024

Un espectáculo contacontos con Vero Rilo para celebrar o Día da Biblioteca

En outubro celebramos o Día da Biblioteca. Unha efeméride que conmemoraremos o vindeiro 24 de outubro. Baixo o lema de “Por un futuro sostible”, este ano desexamos destacar o papel fundamental que desempeñan tódalas tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

A través das súas coleccións, servizos e actividades cos usuarios, as bibliotecas desexamos contribuír a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.

Para celebralo, a biblioteca municipal desexa convidarche a un serán contacontos a cargo da narradora Vero Rilo que vai presentar en Brión o seu espectáculo “E a ti... que che contaban?” Vero achegará ao público unha escolma de contos de autor, tradicionais e de recollida xunto con xogos cotiás. Un achegamento á memoria tradicional e familiar compartida da man dunhas das voces máis persoais da nova narración oral galega.

Non te esquezas, esperamos por ti o vindeiro xoves 24 de outubro ás 18:00 h., na Sala Municipal de Exposicións de Brión. A entrada é libre, con acceso ata completar a capacidade do local. Podes reservar a túa butaca a través deste formulario.

Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.


xoves, 11 de xullo de 2024

Sole Felloza presentou en Brión o espectáculo de narración oral "As chaves do tempo de Luísa Villalta"

Este mediodía, Sole Felloza presentou en Brión o seu espectáculo “As chaves do tempo de Luísa Villalta”, un contacontos dedicado á figura homenaxeada o Día das letras Galegas deste ano. Unha actividade inicialmente programada para o mes de maio que tivo que ser reprogramada por cuestións técnicas.

A espera pagou a pena, pois o numeroso público asistente gozou dun serán de narración oral que xirou arredor da figura de Luísa Villalta, poeta, violinista, dramaturga, ensaísta que tamén fixo incursións na narrativa. Nesta obra, Luísa conta unha historia marabillosa que pode acontecer hoxe e sempre. Poden dúas chaves, creadas por Merlín, salvar o mundo? Poden unha raíña, unha xograresa e unha criada, sobrevivir nun mundo de homes? Abre a porta do conto e terás a resposta.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, comezou ás 12:00 h., prolongándose durante aproximadamente 45 min. Realizouse no pavillón polideportivo municipal co gallo da participación na mesma dun grupo de crianzas inscritas nas actividades de conciliación municipais e da piscina municipal cuberta. Por suposto, tamén estivo aberta a todas as familias que quixeron participar na mesma. O éxito de asistencia estivo garantido, cunha participación de 114 persoas, sumando o maioritario publico infantil e os adultos acompañantes.

Con este espectáculo, a biblioteca municipal pecha programación de actividades de animación para este verán. Regresaremos en outono con novos contacontos e encontros literarios. Boas vacacións e un verán cheo de grandes lecturas!

xoves, 2 de maio de 2024

Maio, mes das nosas Letras: contacontos con Sole Felloza [ACTIVIDADE ADIADA ATA NOVO AVISO]

Maio é un mes moi especial, cando celebramos o Día das Letras Galegas. Unha data na que este ano imos homenaxear a Luísa Villalta, filóloga, violinista e escritora galega. Unha autora que nos deixou unha obra conformada por múltiples achegas en xéneros diversos como a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio ou o xornalismo, sen esquecer o seu traballo como tradutora.

Dentro da programación presentada polo Departamento de Cultura, a biblioteca municipal desexa convidarnos a participar nun serán de narración oral moi especial. O xoves 30 de maio, a biblioteca municipal organiza un serán contacontos protagonizado pola narradora Sole Felloza que presenta en Brión o espectáculo “As chaves do tempo de Luísa Villalta”.

Luísa foi poeta, dramaturga, ensaísta e tamén fixo incursións na narrativa. Nesta obra, Luísa conta unha historia marabillosa que pode acontecer hoxe e sempre. Poden dúas chaves, creadas por Merlín, salvar o mundo? Poden unha raíña, unha xograresa e unha criada, sobrevivir nun mundo de homes? Abre a porta do conto e terás a resposta.

Un contacontos especialmente dirixido a crianzas dende os 8 anos de idade que comezará ás 18:00 h. e celebrarase na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) con acceso libre ata completar a capacidade do local. Esta actividade, organizada pola biblioteca municipal conta co apoio do programa Ler conta moito da rede de Bibliotecas de Galicia.

A actividade adíase ata unha nova data que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.


 

martes, 23 de abril de 2024

Día do Libro coa Bibliotecaria estrafalaria 2.0 e Cris de Caldas

Hoxe, Cris de Caldas acompañounos nun serán moi especial para conmemorar connosco o 23 de abril, data na que celebramos o Día do Libro os Dereitos de Autor. E que mellor que facelo coa maxia dos libros e as historias que atesouran en compañía da “Bibliotecaria estrafalaria 2.0”

Unha sesión contacontos especialmente pensada para crianzas dende os catro ata os doce anos de idade. Cris de Caldas veu acompañada por Candelaria, a bibliotecaria estrafalaria, a que máis sabe de contos sorprendentes, ás veces soña co París dos surrealistas pois namorou dun dos seus lemas "máis xogar e menos pensar". Outras, soña con ser o Alicia e levar un sombreiro tolo...pero sempre rodeada das historias máis sorprendentes e dos libros máis alucinantes.

Un divertido espectáculo organizado pola biblioteca municipal que contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. Grazas por asistir e feliz Día do Libro!





luns, 18 de marzo de 2024

"O mundo ao revés", un contacontos para conmemorar o 8M

O venres 15 de marzo, a Sala Municipal de Exposicións acolleu un novo espectáculo de animación organizado pola biblioteca municipal e a cargo da compañía Trémola Teatro que presentou en Brión o espectáculo de narración oral “O mundo ao revés”.

Un evento vinculado coa conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, dirixido a público familiar, aínda que especialmente pensado para crianzas de entre 5 e 11 anos de idade.

Durante aproximadamente 45 min. as persoas asistentes coñeceron a historia de Jaime, un neno entusiasta do fútbol, o mellor xogador do seu cole ata que se muda a Revelandia. Alí todas as deportistas son rapazas, tamén no fútbol! E pasa a ser o único rapaz deportista.

 


luns, 4 de marzo de 2024

Un contacontos sobre igualdade para celebrar o 8M, Día da Muller: "O mundo ao revés" con Trémola Teatro

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

O venres, 15 de marzo, as crianzas de Brión poderán gozar dun novo serán de narración oral a cargo de Trémola Teatro que presenta en Brión o espectáculo “O mundo ao revés”. Trátase dunha sesión contacontos que se celebrará na Sala Municipal de Exposicións a partir das 18 h. Durante 45 min. coñeceremos a Jaime, un neno entusiasta do fútbol, o mellor xogador do seu cole ata que se muda a Revelandia. Alí todas as deportistas son rapazas, tamén no fútbol! E pasa a ser o único rapaz deportista.

Unha historia onde os valores da igualdade estarán presentes; un contacontos para toda a familia, especialmente dirixido a crianzas maiores de 5 anos. Como sempre, a entrada será libre ata completar a capacidade do local.

 




venres, 20 de outubro de 2023

A biblioteca municipal conmemora por adiantado o Día das Bibliotecas cos Contos de Pablísimo

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que baixo o lema “Tecendo comunidades”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de ligazóns fortes dentro das nosas comunidades. Porque as bibliotecas queremos ser centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.

De xeito anticipado, a biblioteca municipal quixo convidar a toda a cidadanía a participar nun espectáculo de narración oral dirixido especialmente ás crianzas. Os Contos de Pablísimo achegouse a Brión para presentar “O Paroleiro”, un serán de divertidas historias a cargo de Pablo Sánchez que, como todos os seus espectáculos, tomou como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia.

O contacontos comezou ás 18:00 h. e reuniu na Sala Municipal de Exposicións a 18 persoas, entre crianzas, nais e pais. Un serán de lecer no que o público se amosou moi participativo e entregado cos contos e posta en escena de Pablo.

Este espectáculo, organizado pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.





xoves, 5 de outubro de 2023

Celebramos o Día da Biblioteca con Os Contos de Pablísimo e "O Paroleiro"

Cada 24 de outubro celebraremos o Día das Bibliotecas. Unha data conmemorativa para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Para celebralo, uns días antes, a biblioteca municipal de Brión convídanos a participar nun serán de narración oral dirixido especialmente a crianzas con idades comprendidas entre 4 e 10 anos. Será o venres 20 de outubro cando a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acolla Os Contos de Pablísimo que presentará en Brión espectáculo “O Paroleiro”, un personaxe moi amigo de parolar... que gusta de laretar, enredar, falar e de contar historias e contos que leva na memoria, nas maletas, nos petos e nos zapatos.
Un contacontos a cargo de Pablo Sánchez que, como todos os seus espectáculos, toma como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia. Un serán para non perdelo, que comezará puntual ás 18:00 h. Non te esquezas. O acceso e libre ata completar a capacidade da sala. Podes reservar a túa butaca neste formulario.
Este espectáculo conta co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 


 

luns, 24 de abril de 2023

Día do Libro 2023: Marisa Irimia presentou en Brión "O libro dos pos máxicos"

O venres 21 de abril, Marisa Irimia visitou Brión para presentar o espectáculo de narración oral “O libro dos pos máxicos”. Un contacontos dirixido a crianzas de 4 a 11 anos de idade, encadrado dentro da programación especial para conmemorar o 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de autor.

O serán comezou ás 18:00 h. e prolongouse pouco máis de 50 min., enlazando historias onde a maxia dos libros e a lectura actuaron como fío condutor. Na sala, máis de vinte persoas, asistiron a un espectáculo que adiantou a celebración do Día do Libro.


Galería de imaxes da actuación:





venres, 10 de marzo de 2023

A osa Maruxiña visitou Brión para celebrar o 8M connosco

Esta tarde a actriz Olga Abad visitou Brión para presentar o seu espectáculo de narración oral “A viaxe da osa Maruxiña”. Un contacontos destinado a crianzas de 4 a 12 anos que se celebrou na Sala Municipal de Exposicións ás 18:00 h.

A protagonista desta historia é unha osa moi curiosa que, chea de decisión, parte nunha viaxe na procura do legado das escritoras, activistas, pintoras, campesiñas, mestras de todo o mundo. Con este espectáculo, que mestura a narración oral coa manipulación de obxectos, Olga Abad non só desexa entreter e divertir ao auditorio, tamén transmitir os valores da igualdade.

A evento enmarcouse na conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

Galería de imaxes: 







 



luns, 6 de marzo de 2023

A viaxe da osa Maruxiña: un contacontos para celebrar o 8M, Día da Muller

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

Para celebrar esta data tan significativa, o venres 10 de marzo ás 18:00 h., a BPM de Brión convídanos a un espectáculo de narración oral a cargo de Olga Abad que presentará en Brión o seu espectáculo “A viaxe da Osa Maruxiña”.

Un contacontos dirixido a crianzas de entre 4 e 12 anos de idade que ten como protagonista a unha osa moi curiosa que, chea de decisión, parte nunha viaxe na procura do legado das escritoras, activistas, pintoras, campesiñas, mestras de todo o mundo. Con este espectáculo, que mestura a narración oral coa manipulación de obxectos, Olga Abad non só desexa entreter e divertir ao auditorio, tamén transmitir os valores da igualdade.

Un serán de animación para toda a familia con entrada de balde ata completar o aforo.

Cartel do espectáculo "A viaxe da osa Maruxiña" de Olga Abad



sábado, 17 de decembro de 2022

O Apalpador visita Brión antes do Nadal

Este venres, 16 de decembro, un entrañable personaxe do Nadal galego visitou Brión da man do noso amigo Caxoto. Foi o Apalpador, un carboeiro das montañas orientais de Galicia que, pándego e falangueiro, conversou durante case unha hora coas crianzas brionesas para resolver todas as dúbidas sobre quen é e a que se dedica.

Na actividade participaron arredor de 30 persoas, sumando crianzas e adultos acompañantes. Aproximadamente durante unha hora, o Apalpador, este afable xigantón que apaña castañas e talla xoguetes en anacos de madeira que atopa nos seus paseos polos montes, contou ás crianzas cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día … e, o que é máis importante, deu consellos a seguir para que cando nos visite deixe unha presada de castañas e algún dos agasallos que el mesmo fai.

O serán de animación, organizado pola biblioteca municipal, enmárcase nas actividades de animación que o centro está realizando con periodicidade. Nesta caso, cunha temática estreitamente ligada coas vindeiras celebracións do Nadal.