xoves, 5 de outubro de 2023

Celebramos o Día da Biblioteca con Os Contos de Pablísimo e "O Paroleiro"

Cada 24 de outubro celebraremos o Día das Bibliotecas. Unha data conmemorativa para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Para celebralo, uns días antes, a biblioteca municipal de Brión convídanos a participar nun serán de narración oral dirixido especialmente a crianzas con idades comprendidas entre 4 e 10 anos. Será o venres 20 de outubro cando a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acolla Os Contos de Pablísimo que presentará en Brión espectáculo “O Paroleiro”, un personaxe moi amigo de parolar... que gusta de laretar, enredar, falar e de contar historias e contos que leva na memoria, nas maletas, nos petos e nos zapatos.
Un contacontos a cargo de Pablo Sánchez que, como todos os seus espectáculos, toma como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia. Un serán para non perdelo, que comezará puntual ás 18:00 h. Non te esquezas. O acceso e libre ata completar a capacidade da sala. Podes reservar a túa butaca neste formulario.
Este espectáculo conta co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 


 

0 comentarios :

Publicar un comentario