luns, 2 de outubro de 2023

María Antonia Cao presentou en Brión a súa última novela, Vivencias en el puente

O venres 29 de setembro, María Antonia Cao López presentou en Brión o seu último libro, “Vivencias en el puente”, unha novela con elementos autobiográficos recentemente publicada pola editorial Letrame.

Aínda que na actualidade reside en Barcelona , María Antonia naceu e pasou os seus primeiros anos na parroquia de Os Ánxeles, lugar que visita con frecuencia e onde conserva familia e numerosas amizades. Por iso, as súas ligazón afectivas con Brión son estreitas, algo que a motivou para realizar a primeira presentación da súa segunda novela en Brión.

Despois de acadar recoñecemento con “Rosas y espinas”, María Antonia regresa ás librarías con “Vivencias en el puente”, un libro onde as experiencias vitais da autora son inspiradoras dunha obra que continúa a senda iniciada coa súa anterior publicación.

Enmarcado dentro dos Encontros Literarios que organizada regularmente a biblioteca municipal, o acto do venres celebrouse na Sala Municipal de Exposicións. Nel participaron a autora, que estivo acompañada na mesa polo seu marido, José Eduardo Limiñana, e a súa amiga, Vanesa Castro, que exerceu como presentadora. María Antonia tamén contou coa colaboración de Loli Lema Carballo e Isaura Iglesias Ares. O serán literario, enormemente concorrido, tamén contou coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da concelleira María Rosa Romero.

Ao remate, moitas das persoas asistentes achegáronse ata a escritora cun exemplar do seu libro na man, aproveitando a ocasión para saúdala, felicitala e solicitar unha dedicatoria. Un libro que xa forma parte do catálogo da biblioteca municipal e se atopa a disposición de todas as lectoras e todos os lectores por cortesía de María Antonia.

 




 

0 comentarios :

Publicar un comentario