venres, 12 de xuño de 2026

"Historias de bicharracos" : un contacontos para recibir o verán

Por fin chegou o verán! E con el o sol, as vacacións escolares e moito tempo de lecer para gozar. É o momento perfecto para deixar por un tempo os libros de texto e mergullarse noutras lecturas: historias cheas de aventuras, misterios intrigantes ou relatos tan divertidos que nos farán botar máis dunha gargallada.

Na Biblioteca Municipal seguiremos agardando por ti. Queremos que este verán sigas descubrindo o pracer da lectura, pero tamén que participes nas actividades de animación que estamos a preparar para estas vindeiras semanas. Porque a época estival é tamén unha excelente oportunidade para gozar da narración oral e compartir momentos inesquecibles arredor das historias.

Como a finais de xuño comezan as actividades municipais do Concilia Verán e as organizadas na piscina cuberta, e co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten a estes programas, a Biblioteca Municipal organizará dous espectáculos especialmente pensados para elas. Con todo, estas actividades estarán abertas a todas as crianzas do concello que desexen participar.

"Historias de bicharracos" un contacontos con Marcos Dios Aguado

O primeiro deles xa ten data. Trátase de “Historias de bicharracos”, un espectáculo teatral, contacontos e musical para público infantil e familiar (recomendado para crianzas de 3 a 11 anos). Un serán que quere sensibilizar cara a dependencia dos máis pequenos polas pantallas e a perda do hábito lector.

Cunha duración aproximada duns 50 min., Marcos Dios Aguado presenta unha entretida sesión que combina improvisacións, mímica, canto, música e monicreques. Celebrarase o día 25 de xuño ás 12:00 h. no CEIP de Pedrouzos. A entrada será libre. Se queres facer reserva, podes inscribirte neste formulario.

Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

0 comentarios :

Publicar un comentario