O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que baixo o lema “Tecendo comunidades”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de ligazóns fortes dentro das nosas comunidades. Porque as bibliotecas queremos ser centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.
De xeito anticipado, a biblioteca municipal quixo convidar a toda a cidadanía a participar nun espectáculo de narración oral dirixido especialmente ás crianzas. Os Contos de Pablísimo achegouse a Brión para presentar “O Paroleiro”, un serán de divertidas historias a cargo de Pablo Sánchez que, como todos os seus espectáculos, tomou como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia.
O contacontos comezou ás 18:00 h. e reuniu na Sala Municipal de Exposicións a 18 persoas, entre crianzas, nais e pais. Un serán de lecer no que o público se amosou moi participativo e entregado cos contos e posta en escena de Pablo.
Este espectáculo, organizado pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
0 comentarios :
Publicar un comentario