mércores, 2 de xullo de 2025

"Contos de aquí para ti", un espectáculo de narración oral e monicreques para dar a benvida ao verán en Brión

Que mellor que dar a benvida ao verán cun espectáculo de monicreques e narración oral e celebrar que chegaron as vacacións escolares. Coa axuda de Olga Abad e Carmen Domech logramos argallar un entretido serán dirixido ás crianzas de Brión e as súas familias.

Aconteceu o martes 2 de xullo, ás 12:00 h. Olga e Carmen presentaron o espectáculo “Contos de aquí para ti”. Unha proposta que combinou narración oral e teatro de monicreques, dirixida a nenas e nenos maiores de 4 anos.

A obra presentounos dúas pedras como protagonistas, situadas no principio dos tempos, nun espazo no que todo está por crear. A historia presentou valores como a paz, a igualdade e a alegría, convidando a reflexionar de forma lúdica e creativa.

A actividade desenvolveuse no patio do CEIP de Pedrouzos, co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten ás actividades municipais de conciliación e da piscina cuberta. Por suposto, a asistencia estivo aberta a todas as persoas interesadas en acudir. Aproximadamente 180 persoas, maioritariamente crianzas, gozaron do serán de animación.

O espectáculo, organizada pola Biblioteca Pública Municipal, contou co apoio do programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.



 

0 comentarios :

Publicar un comentario