luns, 4 de marzo de 2024

Un contacontos sobre igualdade para celebrar o 8M, Día da Muller: "O mundo ao revés" con Trémola Teatro

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

O venres, 15 de marzo, as crianzas de Brión poderán gozar dun novo serán de narración oral a cargo de Trémola Teatro que presenta en Brión o espectáculo “O mundo ao revés”. Trátase dunha sesión contacontos que se celebrará na Sala Municipal de Exposicións a partir das 18 h. Durante 45 min. coñeceremos a Jaime, un neno entusiasta do fútbol, o mellor xogador do seu cole ata que se muda a Revelandia. Alí todas as deportistas son rapazas, tamén no fútbol! E pasa a ser o único rapaz deportista.

Unha historia onde os valores da igualdade estarán presentes; un contacontos para toda a familia, especialmente dirixido a crianzas maiores de 5 anos. Como sempre, a entrada será libre ata completar a capacidade do local.

 




0 comentarios :

Publicar un comentario