venres, 8 de marzo de 2024

Celebramos o 8M, Día Internacional da Muller

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, únese ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

Baixo o lema “Investir nas mulleres: acelerar o progreso” a conmemoración deste ao fai fincapé en que garantir os dereitos de mulleres e nenas en todos os eidos da vida é a único xeito de asegurar un desenvolvemento sostible. Porque un dos principais obstáculos para acadar a tan desexada igualdade de xénero en 2030 é a alarmante falta de financiamento, cun abafador déficit anual de 360.000 millóns de dólares. (segundo a ONU). Por iso que, este 8 de marzo, hai que sumarse á mobilización no Día Internacional da Muller destacando o mencionado lema.

Programación conmemorativa especial do Concello de Brión

- Xoves, 7 de marzo:

  • Teatro: “As damas de Ferrol” da compañía Teatro do Noroeste.

Ás 20:30 h. no Centro Social de Brión.

- Venres, 8 de marzo:

  • Iluminación das fachadas da Casa do Concello e da Casa da Cultura
  • Lectura do manifesto institucional do Concello de Brión.
    Ás 12:00 h. Praza do Concello. Acompañada dunha exposición elaborada polo alumnado do CEIP Pedrouzos que pon en valor a diversas mulleres referentes no campo da saúde e o deporte e a súa aportación na mellora do benestar e a calidade de vida.

- Venres, 15 de marzo

  • Contacontos "O mundo ao revés" con Trémola Teatro.
    Ás 18:00h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

Un contacontos, unha exposición bibliográfica e “Mulleres de Brión” Vol. 4: a achega da biblioteca municipal

A celebración do 8M prolongarase ata o venres 15 de marzo. A BPM de Brión convídanos a participar nun espectáculo de narración oral a cargo de Trémola Teatro que presentará en Brión “O mundo ao revés”. Un serán contacontos, dirixido a crianzas a partir de 5 anos de idade, onde coñeceremos a Jaime, un neno entusiasta do fútbol, o mellor xogador do seu cole ata que se muda a Revelandia. Alí todas as deportistas son rapazas, tamén no fútbol! E pasa a ser o único rapaz deportista. A entrada será de balde ata completar a capacidade do local. Celebrarase a partir das 18:00 h., cunha duración aproximada de 45 min. A entrada será libre ata completar a capacidade do local.

A temática feminista e de igualdade tamén estará presente nunha pequena selección de obras que forman parte do punto de interese sobre igualdade que ten a biblioteca. O material escolmado poderá consultarse nun dos expositores de novidades da biblioteca ata o día 15 de marzo.

A través das redes sociais da biblioteca, regresan as “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”. Un proxecto de difusión que comparte en liña imaxes do arquivo de fotografías antigas, todas elas de temática vencellada ao 8M Día Internacional da Muller. Como novidade, este ano incorporamos Instagram ao proxecto, que tamén se poderá seguir no Facebook e no Twitter da biblioteca.

Feliz 8M!, Día Internacional da Muller e da Nena.

0 comentarios :

Publicar un comentario