O venres, 20 de maio, a Carballeira de Santa Minia acolleu unha gran festa dedicada ao escritor chairego Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. Un evento que reuniu no emblemático espazo brionés a case 700 alumnos e alumnas das escolas unitarias do Concello, do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión.
O serán cultural, organizado polo CEIP de Pedrouzos coa colaboración do Concello de Brión, comezou arredor das once da mañá, prolongándose aproximadamente unha hora e cuarto. Un tempo no que polo escenario deste macro festival escolar pasaron pequenos, mozos e adultos para recitar poesías e interpretar cancións inspiradas nos versos de Manuel María. Tampouco faltaron a música e a danza tradicional, a cargo das agrupacións das Escolas Municipais do Concello de Brión.
Ao remate da festa, o palco de música que serviu de espazo escénico, quedou adornado con case unha vintena de orixinais e coloristas gaiolas construídas polo alumnado participante no festival. Unha instalación que fai referencia alegórica a unha das máis coñecidas obras do poeta, dramaturgo e narrador nado en Outeiro de Rei e celebrado estes días en toda Galicia.
0 comentarios :
Publicar un comentario