Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 29 de abril de 2022

Maio Cultural-Letras Galegas: encontro literario con Úrsula Heinze

O venres 13 de maio a recoñecida escritora Úrsula Heinze de Lorenzo achegarase á Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) para presentar en Brión o libro “Flashes”. No encontro literario, que comezará ás 20:30 h., participarán o escritor, editor e investigador Luís Alonso Girgado; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG e a profesora Dolores Vilavedra.
“Flashes” é un conxunto de relatos a xeito de instantáneas, onde a autora plasma momentos da súa vida, con interesantes anécdotas que incluso implican a persoeiros moi coñecidos. Unha traxectoria vital que comezou na Alemaña para logo trasladarse a Galicia en 1968, cando a autora fixa a súa residencia na cidade de Compostela.
Ursula Heinze é unha destacada escritora, con numerosas novelas, ensaios e relatos dirixidos tanto a público infantil, xuvenil como adulto. Tamén destaca polas súas composicións poéticas, escritas indistintamente en galego e alemán. Tampouco debemos esquecer o seu labor como tradutora de autores alemáns ao galego e castelán. 




Maio Cultural-Letras galegas: Cantando as Nosas Letras con Xoán Curiel

O venres 13 de maio, ás 18:00 h., a Sala Municipal de Exposicións vai acoller o espectáculo de Xoán Curiel “Cantando as Nosas Letras”. Un divertido serán de música e narración oral, dirixido a crianzas de 6 a 12 anos de idade, para celebrar que maio é o mes das Nosas Letras.
Durante aproximadamente 55 minutos, Xoán Curiel vai cantar a Xela Arias, Antonio Fraguas, Carvalho Calero, Florencio Delgado Gurriarán e algunhas/uns outras/os autoras/es das Nosas Letras. Xoán fará un percorrido musical para falar das súas obras e das súas experiencias vitais, co obxectivo de achegar estas figuras ao público asistente.
Se desexas participar, xa podes reservar de balde as túas entradas enviando unha mensaxe de correo electrónico ao enderezo bibliotecadebrion@briondixital.org indicando: o nome dun adulto, un teléfono de contacto e o número de localidades que precises. Date presa, porque o aforo é limitado.
 
 

 

xoves, 28 de abril de 2022

"Los días luminosos" de Zsuzsa Bánk, nova lectura do club

Tras ler e comentar “A lúa da colleira”, unha novela da galega Anxos Sumai, trasladámonos agora ata unha localidade do sur de Alemaña onde tres raparigos gozan da amizade e dos días luminosos tentando deixar atrás a súa historia familiar, marcada pola dor e a perda. Vinte anos máis tarde, convertidos xa en estudantes universitarios, deciden viaxar xuntos a Roma, onde o seu vínculo vese sometido ás duras probas do amor, a traizón e a culpabilidade.

Este é o argumento que Zsuzsa Bánk presenta en “Los días luminosos”, unha novela publicada pola editorial Acantilado que versa sobre a amizade e a traizón, o amor e a mentira, os segredos do pasado e os decisivos instantes que poden cambiar as nosas vidas. Unha nova lectura para o club na que descubriremos o estilo desta escritora e xornalista alemá de orixe Húngaro. 

Para comentala, reunirémonos o vindeiro 23 de maio; como de costume, na biblioteca municipal.

martes, 5 de abril de 2022

Horario da biblioteca municipal en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará o seu horario de atención ao público nas seguintes datas:

Días 11 e 12 de abril, a biblioteca abrirá:

- Mañás: de 10:00 a 13:00 h.
- Tardes: de 16:00 a 20:00 h. 

Días 13, 14, 15 e 16 de abril:

A biblioteca permanecerá PECHADA.

Día 18 de abril:

- Mañá: de 09:00 a 14:00 h.

 

A partir do martes, 19 de abril, retomaremos o horario habitual.

Desculpen as molestias e moitas grazas.

sábado, 2 de abril de 2022

Abril, mes do libro e a lectura

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores.

Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual.

A B.P.M. de Brión desexa conmemorar esta efeméride tan especial con toda a cidadanía a través dunha programación especial de actividades nas que destacan un espectáculo de narración oral, unha presentación bibliográfica, unha pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo a través dos libros, unha solta de libros, así coma varias propostas e contidos virtuais a través das redes sociais da biblioteca. Se queres coñecelas con máis detalles, continúa lendo.

“Aprendendo a querer” con Trinketrinke Teatro

Os ratos e ratiñas de Lonxedetodo saben da importancia de tratárense os uns aos outros con respecto,
coidado e cariño. Saben que isto é fundamental para teren unha boa saúde afectiva e para establecer cos demais relacións afectivas sas, arredándose de relacións de dominio, dependencia ou abuso. E hai contos que nos axudan a identificar unhas e outras.

Baixo esta premisa, a compañía TrinkeTrinke Teatro presentará en Brión un espectáculo de narración oral destinado a crianzas de entre 4 e 10 anos de idade. Un serán contacontos que se celebrará o venres 22 de abril ás 18:00 h. na Sala municipal de Exposicións (Casa da Cultura).

A entrada será de balde ata completar aforo. Se desexas reservar unha butaca, xa podes facelo enviando unha mensaxe de correo ao enderezo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.org. Nela só deberás indicar o nome dun adulto, un número telefónico de contacto e a cantidade de localidades a reservar.

Presentación do libro "Sobrevivindo" de Arantza Portabales

En abril, retomamos as presentacións bibliográficas, unha actividade que botábamos en falla e que regresará a Brión no mes do libro e a lectura.
 
Nesta ocasión o encontro literario programado achegará ata Brión o último libro da recoñecida autora Arantza Portabales que presentará na Sala Municipal de Exposicións a nova versión ampliada de "Sobrevivindo", unha obra publicada pola Editorial Galaxia en 2022 que xa vai pola súa 2ª edición.

O serán literario celebrarase o venres 22 de abril ás 20:30 h. no mencionado espazo, localizado na planta baixa da Casa da Cultura de Brión. Ademais da autora, o acto contará coa presencia de Mercedes Corbillón da coñecida libraría "Cronopios". No evento colaboran  Galaxia e  libraría Mainomen

Homenaxe a Isaac Díaz Pardo a través da arte e a lectura

En colaboración co artista brionés Fran Lareo, a biblioteca municipal realizará unha pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo cunha exposición bibliográfica vertebrada arredor dunha peza artística de Fran Lareo inspirada na figura do intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario compostelán. A mostra exhibirase na biblioteca dende o día 20 de abril.

“Colle o teu libro e corre”: Solta de libros

Tralas experiencias moi positivas de “Libros para sermos libres” (en colaboración coa Deputación da Coruña) en 2018, “Libros libres” en 2019 e “Libros desconfinados” en 2021, iniciativas coas que se repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal retoma unha vez máis esta actividade. Baixo a denominación “Colle o teu libro e corre”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller en calquera dos dous puntos de recollida que habilitaremos para a ocasión.

O día 22 de abril, a entrada da Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acollerá un punto de recollida de 10:00 a 13:00 h. Pola tarde, de 16:00 a 22:00 h., as usuarias e os usuarios da biblioteca municipal poderán retirar exemplares nun punto que se atopará na entrada do centro. O sábado 23 de abril volveremos atopar o punto de recollida na biblioteca municipal en horario de 9:00 a 13:30 h.

Por mor da situación sanitaria, cando nos acheguemos aos puntos de solta de libros, deberemos respectar todas as medidas de prevención establecidas para evitar a transmisión da COVID-19: desinfección de mans con xel hidroalcólico nos expendedores habilitados, uso de máscara facial en interiores, distancia interpersoal e consulta dos fondos da exposición de xeito individual (salvo grupos de persoas que convivan).

Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.

Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.

Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros dos días 22 e 23, entre o 18 e o 30 de abril compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e feliz Día do Libro 2022!