O venres 11 de setembro ás 19:00 h. o Centro Social Polivalente de Brión acolle o espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”, unha entretida función para todos os públicos onde esta divertida familia creada por Pepe Carreiro propón a nenos e maiores unha actividade que mestura o teatro cun concurso.
Como nos adiantan os Bolechas na súa páxina web, o espectáculo comeza co descubrimento dun estraño aparello que resulta ser… unha máquina do tempo! Alguén terá que estreala pero todos teñen medo así que rífano e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous métense nela e os outros irmáns comezan a premer botóns para mandalos ao futuro: van saír feitos uns mozos! E así é. A máquina do tempo funciona!
Carlos e Pili non queren ser maiores; teñen as pernas e os brazos moi longos e a cabeza moi grande… e a Carlos mesmo lle saíu barba. Agggg! Queren usar a máquina de novo para volver a ser nenos. Pero entón aparece o dono do aparato, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Pili e Carlos volvan a ser nenos… Os Bolechas van a precisar de todo o público para regresar ao presente.
O obxectivo desta proposta lúdica e didáctica, que mestura o formato de monicreques con actores reais, é achegar aos nenos nocións básicas de Historia, dun xeito ameno e divertido, empregando a Lingua galega, a través dun formato que fomenta a participación. O espectáculo, que se prolongará aproximadamente durante unha hora, é gratuíto para todos os asistentes ata completar aforo. Está patrocinado polo programa FalaRedes da Xunta de Galicia.