Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 20 de abril de 2020

Celebramos a semana do libro e a lectura na Biblioteca de Brión. Este ano na rede: ánimate a participar

Por mor da crise sanitaria que estamos a vivir, as bibliotecas públicas atopámonos pechadas ao público temporalmente. Unha situación que fixo que trasladaramos gran parte dos servizos que prestamos á cidadanía dende o habitual modo presencial ao virtual empregando as ferramentas dixitais das que dispoñemos, coma son as nosas webs, blogs, plataformas de préstamo dixital (GaliciaLe, ebibliodacoruna) e redes sociais.

Esta semana celebramos O Día Internacional do Libro, unha efeméride que vai ter lugar o xoves 23 de abril. Os habituais programas de animación que viñamos realizando en anos pasados (contacontos, solta de libros, presentacións bibliográficas, etc.) nesta ocasión, por mor da situación actual, substituirémolos por actividades, propostas e contidos que iremos lanzando nas redes sociais ao longo da semana, dende hoxe ata o vindeiro venres.

Solta de libros virtuale recomendacións de lectura

Como vimos facendo nas últimas semanas, partillaremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer na procura de facer o confinamento máis lene. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Xa sabedes que fican abertas a todas as usuarias e todos os usuarios da biblioteca que teñan o carné da Rede de Bibliotecas. Se aínda non o tendes, a que esperades, podedes solicitalo xa e acceder a estes servizos. Máis información nesta ligazón.

Tamén faremos unha particular solta de libros virtual con e-books de libre distribución que compartiremos convosco para que os descargades e poidades ler, incorporar á vosa biblioteca dixital e compartíndoos cando queirades con outros usuarios.

Contacontos para crianzas e adultos

Como as/os usuarias/os non poden ir a biblioteca, a biblioteca vai levar a narración oral a todos os fogares a través das redes sociais. Para celebrar o Día do Libro, partillaremos seráns de contos para crianzas e adultos grazas á colaboración de profesionais da narración oral galega como o Colectivo NOGA ou os amigos de Mancuco animación.

Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Trátase dunha proposta que lanzaremos a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca. Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a que compartades as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler durante estas semanas de confinamento. Sexa en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer  mundo neste tempo de confinamento. Un título que vos serve de apoio e vos da forza nestes días difíciles de corentena. Non hai limite...

Estade atentas/os ás nosas redes sociais. Dende hoxe iremos partillando recursos todos os días. Pequenas cousas que esperamos fagan máis lene a corentena e convertan esta semana do libro e a lectura nun tempo que nos achega un pouco máis á vitoria sobre a enfermidade e o desacougo. Ánimo, saúde e afouteza.

mércores, 15 de abril de 2020

15 de abril, celebramos o Día Mundial da Arte

Hoxe, 15 de abril, celebramos o Día Mundial da Arte. Unha efeméride que este ano vivimos en confinamento pero que podemos gozar a través dos milleiros de recursos que atopamos en liña grazas ao traballo de institucións e particulares.

Dende a biblioteca municipal, e a través das súas redes sociais Twitter (@bibliobrion) e Facebook (@bibliotecadebrion) estamos a compartir ao longo da xornada recursos para celebrar, cada quen nos seus fogares, esta data tan especial.

Dende o ano 2012, esta efeméride quere dar a coñecer a importancia que ten a arte e sobre todo o pensamento creativo, para a evolución do pensamento humano e a resolución dos problemas que nos afectan.

Celebrámola o 15 de abril, por ser a data de nacemento dun dos maiores artistas da humanidade. Falamos do xenio do Renacemento Leonardo da Vinci, un home que foi pintor, escultor, deseñador, arquitecto, poeta, biólogo e un longo etcétera.

Dende sempre, o Concello de Brión está comprometido coa arte e coa difusión dos seus valores culturais entre a cidadanía. Na actualidade, ademais das exposicións e outras actividades organizadas polo Departamento de Cultura na Sala Municipal de Exposicións, o gran referente da arte en Brión son os Encontros que se veñen celebrando no municipio dende hai catorce anos. Unhas xornadas de  creación e convivencia artísticas nas que participan pintores, fotógrafos, escultores e músicos procedentes de distintos puntos do Estado.

Ver a galería de imaxes do Encontro coa Arte 2019
 

mércores, 8 de abril de 2020

A biblioteca aberta na Rede, agora tamén no Facebook

Unha boa nova para as/os nosas/os usuarias/os que prestan atención ás redes sociais, a BPM de Brión agora tamén está no Facebook. Se dende 2008 compartiamos avisos, novidades, suxestións literarias, novas e curiosidades exclusivamente a través do Twitter, dende agora ímolo facer tamén por medio desta popular rede social que empregan milleiros de persoas.
Polo de agora estamos en fase “beta”, probando cousas e adaptándonos a este novo recurso no que ceibaremos, ademais de no Twitter, contidos e recursos variados para levar de xeito máis lene o confinamento obrigado polo actual estado de alarma.

Se queres seguirnos, aquí estamos xa:

mércores, 1 de abril de 2020

#Quedanacasa e celebra no Twitter o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2020

O xoves 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro infantil e xuvenil, unha efeméride establecida en honor do escritor dinamarqués Hans Christian Andersen, que naceu tal día de 1805. Un autor que creou algúns dos contos para crianzas máis célebres de todos os tempos, como “A sereíña”, “O Soldadiño de chumbo” ou o “Parrulo feo”, entre outros.
Nestes días de confinamento obrigado e para conmemorar esta data tan especial, nas recomendacións lectoras que publicamos diariamente a través do Twitter da biblioteca: @bibliobrion, prestaremos especial atención ao público máis novo.
 Asemade, propoñemos ás nosas/os seguidoras/os que respondan e se sumen a esta iniciativa no Twitter chiando coa etiqueta #Diadolibroinfantilbrion os títulos das obras literarias e audiovisuais que máis os marcaron cando eran crianzas ou mozas/os.
Aínda que quedemos na casa, a nosa imaxinación non ten límites grazas á lectura, ao cinema ou a música. Anímate a comenta no Twitter que lecturas, películas, series, etc. te marcaron máis e recordas con nostalxia de cando eras máis novo.

Seguenos en @bibliobrion

Manifesto. Preme para ampliar:

#briónquedanacasa: concurso de fotografías tomadas sen saír da casa

O Concello de Brión quere unirse ás diferentes iniciativas que outros concellos están a lanzar nestes días de confinamento. Dende o Departamento de Cultura, propoñemos a toda a cidadanía participar nun concurso para facer máis lenes estas semanas nas que debemos permanecer nas nosas casas para frear a expansión do coronavirus e acabar con esta emerxencia sanitaria o antes posible.

A nosa proposta é un concurso fotográfico consistente en que nos fagades chegar fotos de Brión con imaxes que vedes a diario dende as vosas fiestras, balcóns, xardíns, hortas, etc...



Condicións para poder participar:

- As persoas participantes deberedes subir as fotos ao voso facebook co cancelo: #briónquedanacasa e etiquetar nela ao Concello de Brión (@concellodebrion)
- Pódense pendurar tantas fotos como queirades.
- Na descrición da foto, ademais do cancelo, debe incluír o lugar onde está tomada e o autor/a da mesma.
- As imaxes non deben conter persoas que se poidan identificar.
- As imaxes non poderán ter contidos sexistas ou que danen a sensibilidade das persoas.

Entre todos os participantes que publiquen as fotos coas condicións establecidas sortearanse 3 lotes de libros o vindeiro día 29 de maio.

Moita saúde, ánimo e a fotografar Brión!. Eso si, sen saír da casa.