Por mor da crise sanitaria que estamos a vivir, as bibliotecas públicas atopámonos pechadas ao público temporalmente. Unha situación que fixo que trasladaramos gran parte dos servizos que prestamos á cidadanía dende o habitual modo presencial ao virtual empregando as ferramentas dixitais das que dispoñemos, coma son as nosas webs, blogs, plataformas de préstamo dixital (GaliciaLe, ebibliodacoruna) e redes sociais.
Esta semana celebramos O Día Internacional do Libro, unha efeméride que vai ter lugar o xoves 23 de abril. Os habituais programas de animación que viñamos realizando en anos pasados (contacontos, solta de libros, presentacións bibliográficas, etc.) nesta ocasión, por mor da situación actual, substituirémolos por actividades, propostas e contidos que iremos lanzando nas redes sociais ao longo da semana, dende hoxe ata o vindeiro venres.
Solta de libros virtuale recomendacións de lectura
Como vimos facendo nas últimas semanas, partillaremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer na procura de facer o confinamento máis lene. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Xa sabedes que fican abertas a todas as usuarias e todos os usuarios da biblioteca que teñan o carné da Rede de Bibliotecas. Se aínda non o tendes, a que esperades, podedes solicitalo xa e acceder a estes servizos. Máis información nesta ligazón.
Tamén faremos unha particular solta de libros virtual con e-books de libre distribución que compartiremos convosco para que os descargades e poidades ler, incorporar á vosa biblioteca dixital e compartíndoos cando queirades con outros usuarios.
Contacontos para crianzas e adultos
Como as/os usuarias/os non poden ir a biblioteca, a biblioteca vai levar a narración oral a todos os fogares a través das redes sociais. Para celebrar o Día do Libro, partillaremos seráns de contos para crianzas e adultos grazas á colaboración de profesionais da narración oral galega como o Colectivo NOGA ou os amigos de Mancuco animación.
Os libros da nosa vida | #librosdanosavida
Trátase dunha proposta que lanzaremos a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca. Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida.
Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula
Neste caso convidámosvos a que compartades as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler durante estas semanas de confinamento. Sexa en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de confinamento. Un título que vos serve de apoio e vos da forza nestes días difíciles de corentena. Non hai limite...
Estade atentas/os ás nosas redes sociais. Dende hoxe iremos partillando recursos todos os días. Pequenas cousas que esperamos fagan máis lene a corentena e convertan esta semana do libro e a lectura nun tempo que nos achega un pouco máis á vitoria sobre a enfermidade e o desacougo. Ánimo, saúde e afouteza.
0 comentarios :
Publicar un comentario