mércores, 15 de abril de 2020

15 de abril, celebramos o Día Mundial da Arte

Hoxe, 15 de abril, celebramos o Día Mundial da Arte. Unha efeméride que este ano vivimos en confinamento pero que podemos gozar a través dos milleiros de recursos que atopamos en liña grazas ao traballo de institucións e particulares.

Dende a biblioteca municipal, e a través das súas redes sociais Twitter (@bibliobrion) e Facebook (@bibliotecadebrion) estamos a compartir ao longo da xornada recursos para celebrar, cada quen nos seus fogares, esta data tan especial.

Dende o ano 2012, esta efeméride quere dar a coñecer a importancia que ten a arte e sobre todo o pensamento creativo, para a evolución do pensamento humano e a resolución dos problemas que nos afectan.

Celebrámola o 15 de abril, por ser a data de nacemento dun dos maiores artistas da humanidade. Falamos do xenio do Renacemento Leonardo da Vinci, un home que foi pintor, escultor, deseñador, arquitecto, poeta, biólogo e un longo etcétera.

Dende sempre, o Concello de Brión está comprometido coa arte e coa difusión dos seus valores culturais entre a cidadanía. Na actualidade, ademais das exposicións e outras actividades organizadas polo Departamento de Cultura na Sala Municipal de Exposicións, o gran referente da arte en Brión son os Encontros que se veñen celebrando no municipio dende hai catorce anos. Unhas xornadas de  creación e convivencia artísticas nas que participan pintores, fotógrafos, escultores e músicos procedentes de distintos puntos do Estado.

Ver a galería de imaxes do Encontro coa Arte 2019
 

0 comentarios :

Publicar un comentario