Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 19 de decembro de 2024

A Apalpadora visitou ás crianza brionesas polo Nadal

Anticipándose ao Nadal, chegou a Brión a Apalpadora. Dende as montañas do oriente galego, veu visitarnos a filla do lendario Apalpador. Unha moza que remuda a seu pai nas tarefas de visitar ás crianzas galegas e contarlles como é a vida na montaña e narrar algunha das súas marabillosas lendas.

En compañía do seu irmán músico, André, a Apalpadora non so trouxo contos, tamén cancións, conformando un completo espectáculo de animación que comezou pasadas as 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). Un serán entretido e pándego no que participaron arredor de cincuenta persoas, entre crianzas e adultos.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal, inclúese dentro da máis ampla programación de actividades que o Concello de Brión ten prevista para este Nadal. As persoas asistentes ao espectáculo, moitas grazas por participar. E a toda a veciñanza, Felices festas e venturoso Aninovo!









martes, 17 de decembro de 2024

Horario de Nadal da biblioteca municipal

Como é costume no Nadal, a biblioteca pública municipal de Brión modifica o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas.

Do 23 de decembro ao 1 de xaneiro, o centro permanecerá pechado.
O día 2 de xaneiro, retomaremos o horario habitual.

Calquera préstamo pendente de devolución nestas datas poderá ser entregado en Aninovo.

Moitas grazas pola comprensión e desculpas polas molestias.
Felices festas e venturoso 2025!


martes, 26 de novembro de 2024

"Hotel Silencio" de Auður Ava Olafsdóttir, nova lectura do club

Despois de ler a Paul Auster, un dos máis destacados autores norteamericanos contemporáneos, cruzamos o Atlántico Norte para arribar ás costas de Islandia. Alí espéranos a nova lectura do club, unha novela asinada pola autora islandesa Auður Ava Olafsdóttir.

Falamos de “Hotel Silencio”, unha obra que Luís Alonso Girgado definía como “Novela moderna, esencialmente nórdica, que lemos cunha sensación de estrañeza [...] Inquietante, perturbadora, de implacable dureza”. Ou cualificada como "Emocionante, excéntrica e escuramente divertida" polo xornal Sunday Times.

Despois de enfrontarse a unha separación conxugal, á demencia de súa nai e a un descubrimento perturbador, Jonas decide agarrar a súa caixa de ferramentas e facer unha viaxe só de ida a un país estraño e devastado pola guerra para desaparecer e darlle un fin definitivo a esta triste existencia. Pero os danos no Hotel Silencio no que se aloxa comezan a requirir as súas atencións, e tamén fano os hospedes, e os habitantes da cidade, e o seu plan apraza unha e outra vez.

A autora, Ava Olafsdóttir, é unha recoñecida escritora nada en Reiquiavik, profesora de Historia da Arte e directora do Museo da Universidade de Islandia. Entre os premios acadados, destacan o Premio de Literatura de Islandia, o Premio de Literatura do Consello Nórdico (2018) ou o Premio Médicis Estranxeiro (2019).

Para por en común esta nova experiencia lectora do club, reunirémonos o xoves 9 de xaneiro ás 20:00. Como sempre, na biblioteca municipal.

A biblioteca municipal deixa de publicar en X (Twitter)

Dende o cambio na dirección da plataforma X (antigo Twitter), cunha evidente torna cara a unha política de menor control dos contidos que favorecen a desinformación, a promoción de teorías de índole conspiradora, o racismo, etc... a libre circulación de boatos, mentiras e discursos de odio son habituais nesta rede social. Unhas prácticas que contradín os valores de respecto, convivencia e transparencia que defendemos como institución pública encargada de preservar a acceso universal ao coñecemento e a unha información imparcial e veraz.

Por iso que abandonamos X como medio de difusión da información vinculada ao funcionamento do servizo. Continuaremos informando de todas as novidades e actividades a través das nosas canles oficiais:

Agradecemos a súa fidelidade a tódalas persoas que nos seguiron nesta plataforma e convidámolas a continuar vinculadas connosco a través destes outras canles. Seguiremos tentando construir unha comunidade informada, participativa e libre de contidos que fomenten divisións ou prexuízos que poidan danar a convivencia e o respecto mutuo.

venres, 22 de novembro de 2024

Brión polo #BoTrato. 25N

Con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a biblioteca municipal desexa sensibilizar a toda a cidadanía sobre esta terrible eiva contra a que debemos loitar ata erradicala da sociedade.

A información é a mellor arma para atinxir neste albo, porque con educación podemos previr e reverter un fenómeno que afecta a milleiros de mulleres ao longo de todo o planeta. Por iso, na semana do 25 de novembro, comprometémonos máis que nunca a dar visibilidade e liberarnos das violencias machistas. 

Asemade, desexamos convidarvos a descubrir o noso punto de interese permanente sobre o tema que atoparás na sala principal da biblioteca.


domingo, 17 de novembro de 2024

A Apalpadora vai visitar Brión polo Nadal

Este Nadal, vai visitar Brión a Apalpadora. Dende as montañas orientais da nosa terra chega a filla do lendario Apalpador, que recolle a testemuña do seu pai e baixa nesas datas tan especiais para visitar aos nenos e nenas do concello.

Unha visita que aproveitará para contarnos como é a vida na alta montaña e narrar as súas marabillosas lendas. Para desexarvos un Bo Nadal, trae froitos que recolle durante todo o ano e agasallos que fabrica ela mesma. Ven co seu irmán músico André para mergullarse con cancións na súa misteriosa historia onde a Natureza será a gran protagonista.

Se queres coñecer á Apalpadora, marca na túa axenda o xoves 19 de decembro ás 18:00 h. Achégate ata a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) e toma asento. A entrada é libre ata completar a capacidade do local. Se o desexas, podes reservar cadeira a través deste formulario.

O espectáculo de narración oral (con música) estará dirixido a público familiar, especialmente pensado para crianzas de 4 a 10 anos de idade. Prolongarase aproximadamente durante 60 min. Un serán de animación organizado pola biblioteca municipal onde se porá en valor a vida rural, as tradicións, a igualdade e o respecto pola natureza e a vida san.


 

venres, 15 de novembro de 2024

Encontro literario: Noela Rivas presentou en Brión "Poder non é querer"

A biblioteca municipal de Brión celebrou este xoves, 14 de novembro, un novo serán literario. Un encontro onde tivemos a oportunidade de coñecer a obra dunha escritora novel cunha carreira moi prometedora.

Falamos da moza brionesa Noela Rivas Cantelar que onte, ás 20:00 h., presentou na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) “Poder non é querer”, unha novela publicada en 2023 pola Editorial Galaxia, na colección “Costa Oeste”. Unha obra coa que Noela debuta nas nosas letras retratando con fidelidade e entusiasmo a mocidade galega actual, para reflectir como son, como pensan, desexan e actúan os novos.

O acto, que se estendeu durante aproximadamente corenta minutos, tivo unha moi boa recepción, cunha participación destacada de público, que seguiu con atención a presentación que desenvolveu a escritora.

Se queres coñecer a obra, podes mercala en librarías ou achegarte á biblioteca municipal para descubrila, nun exemplar dedicado pola autora a todas as lectoras e a todos os lectores de Brión. Un lugar onde Mariña, a protagonista da historia, tamén atopou o seu fogar.
 

mércores, 30 de outubro de 2024

Arranca a nova temporada do Club de lectura con Paul Auster

Coa chegada do outono, iniciamos unha nova etapa do Club de Lectura. Unha temporada que comezamos agora e que prolongaremos, como de costume, ata o verán.

Arrancamos a temporada de lecturas con Paul Auster e “Un home na escuridade”

Finado a finais de abril de 2024, Paul Auster é un dos escritores norteamericanos contemporáneos de maior recoñecemento internacional. Poeta, ensaísta, novelista, escritor de guións, as súas narrativas adoitan explorar temas como a identidade, a soidade e o azar, reflectindo unha visión profundamente reflexiva e escura sobre a vida urbana moderna.

A obra escollida nesta ocasión,“Un home na escuridade" (“Man in the Dark”, 2008) publicada pola editorial Galaxia con tradución ao galego de Eva Almazán, é unha novela na que Paul Auster explora a soidade, a perda e a complexidade da realidade a través dunha narrativa que mestura a introspección persoal co suspense e a fantasía.

A historia céntrase en August Brill, un crítico literario xubilado que, convalecente, pasa as noites sen durmir imaxinando mundos alternativos. Nun destes mundos, os Estados Unidos están inmersos nunha guerra civil, reflectindo temas de división e violencia que lembran as tensións políticas contemporáneas.

Unha temática moi de actualidade, e máis no vindeiro mes de novembro, cando se celebran eleccións presidenciais nos EE. UU. cunha polarización social crecente que, de seguro, nos dará moito que comentar na xuntanza para por en común esta lectura.

venres, 25 de outubro de 2024

En novembro, encontro literario coa escritora brionesa Noela Rivas

Mariña esperta aos seus 17 anos nun hospital e non lembra nada do que pasou na tola festa do Samaín da noite anterior. A través das interesadas confesións dos amigos do instituto e dos familiares que a visitan, vai apañando os anacos do que aconteceu e da espiral auto destrutiva en que estivo inmersa nos últimos meses.
Este é o fío argumental que da inicio á novela “Poder  non é querer” de Noela Rivas Cantelar, unha moza brionesa que debuta como nova escritora con esta obra, publicada pola editorial Galaxia en 2023.

Un libro que Noela presentará en Brión o vindeiro 14 de novembro, nun encontro literario organizado pola Biblioteca Municipal ao que todas/os estamos convidados. Celebrarase na Sala Municipal de Exposición, na mencionada data, ás 20:00 h., con entrada libre ata completar a capacidade do local.

A pesar da súa mocidade, Noela xa ten unha destacada traxectoria no mundo das letras: en 2016 foi seleccionada como gañadora autonómica da 8ª edición do Concurso Coca-Cola “Novos Talentos de Relato Curto” por “Bágoas de madrugada”, e foi finalista da edición en castelán co relato “Susurro de nostalgia”. Unha nova escritora á que, de seguro, agarda unha longa traxectoria chea de éxitos.

xoves, 24 de outubro de 2024

Celebramos o Día das Bibliotecas cun contacontos de Vero Rilo

O 24 de outubro é unha data moi especial para as bibliotecas. Porque estamos de celebración e queremos que todas as persoas participen do espírito do Día das Bibliotecas, unha efeméride que este ano destaca o papel fundamental que desempeñan todas as bibliotecas na construción dunha sociedade mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.

Dende a biblioteca de Brión convidamos ás persoas usuarias a participar nun espectáculo de narración oral dirixido especialmente a crianzas a partir dos catro anos de idade. Un contacontos a cargo da narradora Vero Rilo que presentou “E a ti... que che contaban”. Un serán que se iniciou ás 18:00 h. e se prolongou durante case unha hora, acadando unha notable aceptación e participación de público infantil e adulto.

Vero achegou ao público unha escolma de contos de autor, tradicionais e de recollida xunto con xogos cotiás. Un achegamento á memoria tradicional e familiar compartida da man dunhas das voces máis persoais da nova narración oral galega.

O espectáculo, organizado pola biblioteca municipal, contou co apoio do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.




Feliz 24 de outubro, Día das Bibliotecas

Hoxe, 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas. Baixo o lema: "Por un futuro sostible", desexamos destacar o papel fundamental que desempeñan todas as bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

Porque, grazas as nosas coleccións, servizos e actividades con usuarios/as, as bibliotecas contribuímos a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.

Máis alá dos ODS relacionados coa Cultura e o Coñecemento, a educación de calidade, a igualdade de xénero, a consolidación de institucións máis democráticas, a difusión de información veraz, a redución da pobreza, o coidado do medio ambiente… son obxectivos cos que as bibliotecas nos implicamos de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e desenvolvida.

Esta tarde convidamosche a participar en familia no 𝐜𝐨𝐧𝐭𝐚𝐜𝐨𝐧𝐭𝐨𝐬 𝐝𝐞 𝐕𝐞𝐫𝐨 𝐑𝐢𝐥𝐨 que ás 18:00 h. celebraremos na Sala Municipal de Exposicións. Logo, se o desexas, achégate á biblioteca municipal e decubre tódolos servizos que podemos ofrecerche. 𝐅𝐞𝐥𝐢𝐳 𝐃𝐢́𝐚 𝐝𝐚𝐬 𝐁𝐢𝐛𝐥𝐢𝐨𝐭𝐞𝐜𝐚𝐬.

xoves, 3 de outubro de 2024

Homenaxe ao antropólogo Carlos R. Brandão

En 1993 visitou Brión o antropólogo brasileiro Carlos Rodrigues Brandão, deixando entre a veciñanza unha profunda pegada que aínda hoxe perdura na memoria dos brioneses e das brionesas que conviviron con el e partillaron experiencias na súa viaxe de descubrimento por terras de Ons e Negreira.

Trinta e un anos despois, o Concello de Brión quere render homenaxe á memoria e ao legado académico do profesor Brandão, falecido a mediados de 2023, a través dunha xornada moi especial.

 
Data: venres, 11 de outubro de 2024
Hora: 20:00 h.
Lugar de celebración: Centro Social Polivalente (Pedrouzos, Brión)

Programa:

  • Conferencia: “A pegada de Brandão en Brión” por Amancio Liñares Giraut
  • Conferencia: “Carlos Rodrigues Brandão. A Partilha da Vida” por Ivan Vilela
  • Concerto homenaxe: Mat[R]iz. Ivan Vilela, viola brasileira & Pablo Castaño, saxo
  • Inauguración da exposición: “Brandão 1993: Brión a ollo de antropólogo” Con imaxes do Arquivo fotográfico Brandão.
Acto conducido por Luciano Pena Andrade.

Entrada libre ata completar a capacidade do local.

mércores, 2 de outubro de 2024

Un espectáculo contacontos con Vero Rilo para celebrar o Día da Biblioteca

En outubro celebramos o Día da Biblioteca. Unha efeméride que conmemoraremos o vindeiro 24 de outubro. Baixo o lema de “Por un futuro sostible”, este ano desexamos destacar o papel fundamental que desempeñan tódalas tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

A través das súas coleccións, servizos e actividades cos usuarios, as bibliotecas desexamos contribuír a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.

Para celebralo, a biblioteca municipal desexa convidarche a un serán contacontos a cargo da narradora Vero Rilo que vai presentar en Brión o seu espectáculo “E a ti... que che contaban?” Vero achegará ao público unha escolma de contos de autor, tradicionais e de recollida xunto con xogos cotiás. Un achegamento á memoria tradicional e familiar compartida da man dunhas das voces máis persoais da nova narración oral galega.

Non te esquezas, esperamos por ti o vindeiro xoves 24 de outubro ás 18:00 h., na Sala Municipal de Exposicións de Brión. A entrada é libre, con acceso ata completar a capacidade do local. Podes reservar a túa butaca a través deste formulario.

Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.


Comeza unha nova temporada do club de lectura

Trala pausa estival, en breve regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de compartir experiencias lectoras con outras persoas.

Funcionamento da actividade

Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá (de xeito alternativo), realizaremos unha xuntanza na biblioteca para unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade. 

Inscrición na actividade

Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Se precisas máis información ou queres inscribirte na actividade, por favor, diríxete á biblioteca a través do correo electrónico ou chama ao tfno. 981 50 99 69.

 



xoves, 19 de setembro de 2024

Romaría de Santa Minia 2024. Horarios da biblioteca municipal

Con motivo da celebración da Romaría de Santa Minia, a BPM de Brión adaptará o seu horario de apertura ao público os días 26 e 27 de setembro. Unha modificación que se debe á programación de eventos festivos que vai desenvolverse na contorna da Carballeira de Santa Minia con motivo desta popular festa.

Os días 26 e 27 de setembro, a biblioteca permanecerá pechada.
Moitas grazas.
Desculpen as molestias.

xoves, 11 de xullo de 2024

Sole Felloza presentou en Brión o espectáculo de narración oral "As chaves do tempo de Luísa Villalta"

Este mediodía, Sole Felloza presentou en Brión o seu espectáculo “As chaves do tempo de Luísa Villalta”, un contacontos dedicado á figura homenaxeada o Día das letras Galegas deste ano. Unha actividade inicialmente programada para o mes de maio que tivo que ser reprogramada por cuestións técnicas.

A espera pagou a pena, pois o numeroso público asistente gozou dun serán de narración oral que xirou arredor da figura de Luísa Villalta, poeta, violinista, dramaturga, ensaísta que tamén fixo incursións na narrativa. Nesta obra, Luísa conta unha historia marabillosa que pode acontecer hoxe e sempre. Poden dúas chaves, creadas por Merlín, salvar o mundo? Poden unha raíña, unha xograresa e unha criada, sobrevivir nun mundo de homes? Abre a porta do conto e terás a resposta.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, comezou ás 12:00 h., prolongándose durante aproximadamente 45 min. Realizouse no pavillón polideportivo municipal co gallo da participación na mesma dun grupo de crianzas inscritas nas actividades de conciliación municipais e da piscina municipal cuberta. Por suposto, tamén estivo aberta a todas as familias que quixeron participar na mesma. O éxito de asistencia estivo garantido, cunha participación de 114 persoas, sumando o maioritario publico infantil e os adultos acompañantes.

Con este espectáculo, a biblioteca municipal pecha programación de actividades de animación para este verán. Regresaremos en outono con novos contacontos e encontros literarios. Boas vacacións e un verán cheo de grandes lecturas!

mércores, 26 de xuño de 2024

As Chaves do tempo de Luísa Villalta, un contacontos de Sole Felloza

Despois de ter que adiarmos esta actividade, que inicialmente estaba programada para o mes de maio, Sole Felloza presentará o día 11 de xullo en Brión “As chaves do tempo de Luísa Villalta”, un espectáculo contacontos dedicado á figura homenaxeada o Día das letras Galegas deste ano. 

Luísa Villalta foi poeta, violinista, dramaturga, ensaísta e tamén fixo incursións na narrativa. Nesta obra, Luísa conta unha historia marabillosa que pode acontecer hoxe e sempre. Poden dúas chaves, creadas por Merlín, salvar o mundo? Poden unha raíña, unha xograresa e unha criada, sobrevivir nun mundo de homes? Abre a porta do conto e terás a resposta.

Un contacontos especialmente dirixido a crianzas a partir dos 8 anos de idade, que comezará ás 12:00 h. no pavillón polideportivo municipal, con acceso libre ata completar a capacidade do local. Se participas na quenda correspondente da actividade de Concilia Verán 2024, asistirás sen necesidade de inscribirte. Senón, tamén poderás participar se o desexas. Neste caso, recomendámosche que te inscribas previamente neste formulario en liña.

Esta actividade, organizada pola biblioteca municipal, conta co apoio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Chegou o verán con Paco Nogueiras e "Brinca vai!"

Para celebrar que chegou o verán e, con el, as tan esperadas vacacións escolares, a biblioteca municipal convidou a todas as crianzas de Brión a participar nun espectáculo musical a cargo de Paco Nogueiras. Un artista que conxuga a súa paixón pola música coa habilidade para conectar co público máis novo.

E hoxe volveuno a demostrar co espectáculo “Brinca Vai!”; un recital cheo de enerxía, cor e ritmo que cativou ás crianzas e ás súas familias. Porque, “Brinca Vai!” é máis que un concerto, é unha experiencia onde o público é invitado a cantar, bailar e ser parte dun espectáculo baseado no libro do mesmo título, publicado pola editorial Kalandraka.

A actividade de dinamización, organizada pola biblioteca municipal co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, trasladouse nesta ocasión ata o pavillón municipal para que nela puideran participar todas as crianzas inscritas nas actividades de conciliación municipais e da piscina municipal cuberta. Asemade, estivo aberta a todas as familias que quixeron participar. O éxito de asistencia estivo garantido, cunha participación de 127 persoas, entre publico infantil e adulto.

O espectáculo comezou puntualmente pasado o mediodía, prolongándose aproximadamente durante 60 min. Paco foi intercalando entre canción e canción as súas simpáticas presentacións, que espertaron as risas entre o público máis pequeno. Nenas e nenos, dende os catro anos de idade, que gozaron coa música e o bo humor do artista.



 

luns, 24 de xuño de 2024

Horario de verán da biblioteca municipal: meses de xullo e agosto

No verán, a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival. Se no mes de xuño o horario de apertura do centro é o habitual do resto do ano, en xullo e agosto teremos cambios significativos. 

Horario do centro no mes de xullo:
Dende o día 1 e ata o 24 de xullo, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 19:00 horas.

Horario da biblioteca en agosto:
Dende o día 26 de xullo ata o 31 de agosto, a biblioteca municipal permanecerá pechada. O centro retomará a actividade a partires do luns 2 de setembro.

Unha lembranza importante, os préstamos, nos que a data de devolución coincida co período de peche, poderán ser entregados o día 2 de setembro.

venres, 7 de xuño de 2024

Celebramos a chegada do verán con Paco Nogueiras e Brinca Vai!

Onde a música e a tradición se entrelazan, atopamos a Paco Nogueiras, un artista que conxuga a súa paixón pola música coa habilidade para conectar co público máis novo. E no mes de xuño, unha vez máis, Paco visitará Brión para presentar o espectáculo “Brinca Vai!”; un recital cheo de enerxía, cor e ritmo que, de seguro, cativará ás crianzas e ás súas familias. “Brinca Vai!” é máis que un concerto, é unha experiencia onde o público é invitado a cantar, bailar e ser parte dun espectáculo baseado no libro do mesmo título, publicado pola editorial Kalandraka.

En breve, coa chegada do verán, comezarán as tan esperadas vacacións escolares. E, para celebralo, a biblioteca municipal quere convidarte a participar nun espectáculo musical para coller o ritmo do estío e do tempo de lecer que chega con el. Será o vindeiro 26 de xuño ás 12.00 h., no Pavillón Polideportivo Municipal. Un recital musical recomendado para crianzas a partir dos catro anos de idade.

Se participas na quenda correspondente da actividade de Concilia Verán 2024, xa estás incluída/o. Senón, se o desexas, tamén podes participar. O acceso é de balde ata completar a capacidade do local. Recomendámosche que te inscribas previamente neste formulario en liña.

Esta actividade está organizada pola biblioteca pública municipal de Brión co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 


 

martes, 4 de xuño de 2024

"Una libreria en Berlín" de Françoise Frenkel, vindeira lectura do club

Deixamos atrás “Aqueles días en que eramos malas”, a novela de Inma López Silva, para continuar cunha nova lectura coa que imos a pechar a temporada do club. Viaxamos agora ata o período de entre guerras, para descubrir o amor polos libros e a lectura de Françoise Frenkel, unha moza apaixonada pola linguas e cultura francesas que funda a primeira libraría francesa de Berlín, alá polo 1921.

"Una librería en Berlín" céntrase na vida de Frenkel, unha muller xudía polaca, e o seu soño realizado. O seu establecemento, “La Maison du Livre”, convértese rapidamente nun faro de cultura e coñecemento, atraendo a unha clientela diversa e apaixonada pola literatura. A través das súas páxinas, Frenkel introdúcenos na efervescencia intelectual da época, marcada polas visitas de escritores e artistas, e o intercambio constante de ideas.

Non obstante, o ascenso do nazismo transforma radicalmente a súa vida e a da súa libraría. A atmosfera vólvese opresiva e perigosa, levando a Frenkel a un camiño de fuxida e resistencia. A medida que os horrores da persecución nazi se intensifican, Frenkel narra con detalle desgarrador a súa escapada de Berlín, os seus refuxios temporais en Francia e Suíza, e as dificultades que enfronta como refuxiada.

Para por en común as nosas experiencias lectoras, reunirémonos o día 15 de xullo nunha xuntanza que, como xa é costume, será un pouco diferente.

luns, 3 de xuño de 2024

Alberto Pérez Riera presentou en Brión "De cantos y revoluciones"

O pasado 3 de maio, o pontés Alberto Pérez Riera presentou en Brión a súa “opera prima” literaria, titulada "De cantos y revoluciones: y de como el amor transforma el mundo". Un libro que combina poesía e reflexión social, abordando temas como a loita pola xustiza, a identidade cultural e a transformación social a través da arte e a palabra.


Alberto, que na actualidade reside en Brión, estivo acompañado no acto polo profesor Xabier Ron. Outro veciño do concello que foi o encargado de presentar ao autor e comentar a obra. Un libro estruturado en cincuenta cantos e outras tantas revolucións. Nos primeiros, o Alberto fala do sentido da vida ou temas máis concretos como a emigración, pero están moi conectados co amor, o cosmos e a natureza. As revolucións son unha crítica social ao capitalismo desde o punto de vista do fetichismo, entendido como que "as cousas cobran valor en por si, guíanse polas súas propias regras e acábannos dominando, como os mercados", explica o autor, que defende que é o amor, "como salvador", o que dá sentido a toda a obra. 


O libro foi publicado pola editorial Carena de Barcelona e está dispoñible á venda en librarías. Previamente fora presentado na libraría Pedreira de Santiago e na vila de As Pontes, de onde é oriúndo o escritor. Faltaba presentalo á veciñanza de Brión, algo que por fin aconteceu o pasado venres nun encontro literario, organizado pola biblioteca municipal, que puxo punto e final a programación do Maio Cultural – Letras Galegas deste ano.



 

mércores, 8 de maio de 2024

Linitacións de aceso á biblioteca municipal a través da Carballeira de Santa Minia

Por mor da caída de varias pólas e as tarefas de poda iniciadas nos carballos que conforman o arboredo brionés, a Carballeira de Santa Minia atópase actualmente pechada cun valado que impide ás persoas o acceso ao recinto.

Unha circunstancia que non é impedimento para acceder á biblioteca municipal, salvo polas limitacións de mobilidade derivadas da situación comentada. As persoas usuarias que desexen achegarse ao centro, poden facelo dende a zona de aparcamento traseira, rodeando o edificio. Tamén, dende a Casa da Cultura, arrodeando por detrás o palco de música que fica na carballeira, e dende a zona das polbeiras á beira da Rúa Gondar.

Pedimos desculpas ás persoas usuarias polos inconvenientes que estas circunstancias puidesen provocar. Lembramos que obedecen a unha situación extraordinaria de carácter temporal motivada por cuestións de seguranza.

xoves, 2 de maio de 2024

Encontro literario: Alberto Pérez Riera presenta o seu novo libro en Brión

O venres 31 de maio, ás 20:00 h., Alberto Pérez Riera presentará en Brión o seu último libro, “De cantos y revoluciones: y como el amor transforma el mundo” publicado por Ediciones Carena. Un encontro literario moi especial cun autor de Brión.

O evento celebrarase na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) con acceso libre ata completar a capacidade do local. Alberto estará acompañado no acto polo profesor Xabier Ron Fernández, doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), escritor, investigador e exdeputado autonómico.

 


 

Maio, mes das nosas Letras: contacontos con Sole Felloza [ACTIVIDADE ADIADA ATA NOVO AVISO]

Maio é un mes moi especial, cando celebramos o Día das Letras Galegas. Unha data na que este ano imos homenaxear a Luísa Villalta, filóloga, violinista e escritora galega. Unha autora que nos deixou unha obra conformada por múltiples achegas en xéneros diversos como a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio ou o xornalismo, sen esquecer o seu traballo como tradutora.

Dentro da programación presentada polo Departamento de Cultura, a biblioteca municipal desexa convidarnos a participar nun serán de narración oral moi especial. O xoves 30 de maio, a biblioteca municipal organiza un serán contacontos protagonizado pola narradora Sole Felloza que presenta en Brión o espectáculo “As chaves do tempo de Luísa Villalta”.

Luísa foi poeta, dramaturga, ensaísta e tamén fixo incursións na narrativa. Nesta obra, Luísa conta unha historia marabillosa que pode acontecer hoxe e sempre. Poden dúas chaves, creadas por Merlín, salvar o mundo? Poden unha raíña, unha xograresa e unha criada, sobrevivir nun mundo de homes? Abre a porta do conto e terás a resposta.

Un contacontos especialmente dirixido a crianzas dende os 8 anos de idade que comezará ás 18:00 h. e celebrarase na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) con acceso libre ata completar a capacidade do local. Esta actividade, organizada pola biblioteca municipal conta co apoio do programa Ler conta moito da rede de Bibliotecas de Galicia.

A actividade adíase ata unha nova data que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.


 

martes, 30 de abril de 2024

"Aqueles días en que eramos malas" de Inma López Silva, vindeira lectura do club

A escritora compostelá Inma López Silva publicou en 2016 na editorial Galaxia a obra “Aqueles días en que eramos malas”, unha lectura á que agora nos achegaremos no club. Despois do excelente sabor de boca que deixou “Una madre” de Alejandro Palomas, retomamos a lectura en galego da man desta recoñecida autora galega no mes das nosas Letras.

Catro mulleres pasan os seus días nun módulo carcerario reflexionando sobre o mal, as circunstancias que as conduciron a cometer un delito e as inxustizas, convidando a persoa lectora a reflexionar sobre estes temas. Un relato traxicómico áxil e emocionante que explora o mundo na cadea e as fascinantes experiencias vitais das súas protagonistas.

Trala lectura, chegará a posta en común da experiencia o vindeiro luns 27 de maio; como sempre, ás 20:00 h. na biblioteca municipal.

martes, 23 de abril de 2024

Día do Libro coa Bibliotecaria estrafalaria 2.0 e Cris de Caldas

Hoxe, Cris de Caldas acompañounos nun serán moi especial para conmemorar connosco o 23 de abril, data na que celebramos o Día do Libro os Dereitos de Autor. E que mellor que facelo coa maxia dos libros e as historias que atesouran en compañía da “Bibliotecaria estrafalaria 2.0”

Unha sesión contacontos especialmente pensada para crianzas dende os catro ata os doce anos de idade. Cris de Caldas veu acompañada por Candelaria, a bibliotecaria estrafalaria, a que máis sabe de contos sorprendentes, ás veces soña co París dos surrealistas pois namorou dun dos seus lemas "máis xogar e menos pensar". Outras, soña con ser o Alicia e levar un sombreiro tolo...pero sempre rodeada das historias máis sorprendentes e dos libros máis alucinantes.

Un divertido espectáculo organizado pola biblioteca municipal que contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. Grazas por asistir e feliz Día do Libro!





luns, 8 de abril de 2024

Día do Libro 2024

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores. Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual.

A B.P.M. de Brión desexa conmemorar esta efeméride tan significativa a través dunha programación especial de actividades para celebrar xuntos o poder dos libros e a lectura e, como non, o valor da creatividade.

Contacontos: “A bibliotecaria estrafalaria 2.0” con Cris de Caldas
Día 23 de abril ás 18:00 h.

Unha actividade de narración oral para toda a familia, especialmente pensada para crianzas dende os catro ata os doce anos de idade. Cris de Caldas trae a Brión a Candelaria, a bibliotecaria estrafalaria, a que máis sabe de contos sorprendentes, ás veces soña co París dos surrealistas pois namorou dun dos seus lemas "máis xogar e menos pensar". Outras, soña con ser o Alicia e levar un sombreiro tolo...pero sempre rodeada das historias máis sorprendentes e dos libros máis alucinantes.
Un serán contacontos con acceso libre ata completar a capacidade do local. Se o desexas, podes reservar a túa entrada a través deste formulario.
Actividade patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 

 “Colle o teu libro e corre”: Solta de libros
Día 23 de abril.

Tralas experiencias moi positivas de anos anteriores, onde repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal retoma unha vez máis esta actividade.
Baixo a denominación “Colle o teu libro e corre”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller no punto de recollida que habilitaremos para a ocasión no recibidor da biblioteca municipal.
A iniciativa porase en marcha o día 23 de abril durante o horario de apertura da biblioteca; e dicir, de 10:00 a 13:30 h. e de 16:30 a 21:00 h. Por certo que non será necesario traer libros de intercambio, aínda que quen desexe facelo poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares.

Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do X/Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.
Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.
 

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no X/Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros do 23 de abril, ao longo da semana, compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e eBibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e gozar dun feliz Día do Libro 2024!

xoves, 21 de marzo de 2024

Horario de apertura da biblioteca en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará o seu horario de atención ao público nas seguintes datas:

Días 25 ao 27 de marzo, a biblioteca abrirá:

- Mañás: de 10:30 a 13:30 h.
- Tardes: de 16:30 a 19:30 h.

Días 28 e 29 de marzo:

A biblioteca permanecerá PECHADA.

A partir do luns 1 de abril, retomaremos o horario habitual.

Desculpen as molestias e moitas grazas.