Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 28 de febreiro de 2020

"Seda" de Alessandro Baricco, vindeira lectura do club

Despois de por en común as impresións sobre a lectura de “La chica del cumpleaños” de Haruki Murakami, non abandonamos de todo Xapón para achegarnos deseguido a “Seda”, coñecida novela do autor italiano Alessandro Baricco e vindeira lectura do club.

Unha obra que dende a súa publicación en 1996 acadou un grande éxito editorial a nivel mundial, con traducións a varios idiomas, entre eles o galego. Porén, vai ser a tradución publicada por Rinoceronte en 2006 a versión escollida para ler e comentar esta novela.

Ambientada no S. XIX, narra a historia de Hervé Jouncour, un comerciante francés que se despraza ata Xapón para adquirir materia prima para abastecer a industria téxtil da súa vila. Unha viaxe, onde xorde o amor, descrita con sutileza e concisión, con descricións dun pais elegante e misterioso visto con asombro dende o punto de vista dos occidentais.

Para comentar a obra reunirémonos o xoves 26 de marzo na biblioteca municipal.

venres, 14 de febreiro de 2020

Rosalía, tod@s por igual: un obradoiro lúdico para celebrar o Día de Rosalía

Para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, o sábado 29 a B.P.M. de Brión organizará un obradoiro lúdico-creativo a cargo dos amigos de Tarabelos. Unha actividade centrada no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que descubriremos a súa desconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.

Da man de Esteban e Marcos Acuña, entoaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles. Narrarán un dos seus contos e proporán aos/ás asistentes unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que se plasmará de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.

A actividade, que estará dirixida a crianzas a partires dos 5 anos, celebrarase na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) a partir das 12:00 h. A asistencia será de balde ata conformar un grupo de 25 participantes, polo que será preciso inscribirse previamente para poder participar. O trámite poderá efectuarse na Casa de Cultura e na Biblioteca Pública Municipal de Brión. (Tfnos.: 981 50 99 08, mañás / 981 50 99 69, tardes)



martes, 11 de febreiro de 2020

Brión celebrará un ano máis o Día de Rosalía

A finais de mes, e co gallo de conmemorar o Día de Rosalía, o Concello de Brión disponse a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do nacemento da célebre autora. Para tal fin, a Casa da Cultura e a biblioteca municipal propoñen á cidadanía participar nas seguintes actividades:

Do 22 ao 24 de febreiro:

- Caldo de Gloria
Un ano máis, ao longo da fin de semana e ata o luns 24 de febreiro, varios establecementos de hostalaría de Brión ofrecerán aos seus clientes como petisco o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que podermos degustar de balde ao pedir unha consumición en varios establecementos hostaleiros que colaboran con esta campaña.

- Café con verso
Co fin de achegar á cidadanía a poesía de Rosalía de Castro, o seu pensamento, a súa mensaxe de rebeldía, os locais hostaleiros de Brión agasallarán á súa clientela que consuma un café tarxetas onde se recollen versos da célebre autora.

Campaña de visualización de Rosalía en Brión: Camiñando con Rosalía

Trátase dunha iniciativa que traslada aos pasos de peóns situados fronte aos centros educativos de Pedrouzos (Instituto de Secundaria e Escola de Primaria) e Campo Municipal de Fútbol versos da autora de “Campanas de Bastavales”.

Rosalía: Tod@s por igual

Para rematar esta semana tan especial, o sábado 29 de febreiro a B.P.M. de Brión organizará un obradoiro lúdico-creativo a cargo dos amigos de Tarabelos. Unha actividade centrada no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que descubriremos a súa desconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.

Da man de Esteban e Marcos Acuña, entoaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles. Narrarán un dos seus contos e proporán aos/ás asistentes unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que se plasmará de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.

A actividade, que estará dirixida a crianzas a partires dos 5 anos, celebrarase na Sala de Exposición Municipal (Casa da Cultura) a partir das 12:00 h. A asistencia será de balde ata conformar un grupo de 25 participantes, polo que será preciso inscribirse previamente para poder participar. O trámite poderá efectuarse na Casa de Cultura e na Biblioteca Pública Municipal de Brión. (Tfnos.: 981 50 99 08, mañás / 981 50 99 69, tardes)

Unha proposta gastronómica, cultural, lúdica e festiva para conmemorar a vida e obra de Rosalía de Castro, unha autora especialmente vinculada a Brión e a toda a bisbarra compostelá.

venres, 7 de febreiro de 2020

"La chica del cumpleaños" de Haruki Murakami, nova lectura do club

De Suecia ata Xapón pasando por Grecia. Unha viaxe literaria que nos traslada ata oriente para reencontrarnos coa obra dun clásico contemporáneo, Haruki Murakami.

Despois de ler a deliciosa e autobiográfica “Otra vida por vivir” do escritor Theodor Kallifatides, achegámonos agora a un fermoso relato do célebre escritor xaponés sobre o misterio e o cotiá. Falamos de “La chica del cumpleaños”, a obra escollida para ler e comentar nesta ocasión.

Unha moza que traballa como camareira cumpre vinte anos. Pero non pasa ese día rodeada de amigos ou celebrando o aniversario en familia: ten que traballar. O seu xefe, o xerente do restaurante, pídelle, ademais, que leve a cea ao dono do local. É algo novo, nunca viu ao propietario. Con ese misterioso encargo iníciase este delicioso relato que transcorre como nun soño.

Unha lectura que analizaremos na vindeira xuntanza do club o próximo 27 de febreiro. Como sempre na biblioteca municipal ás 20:30 h.

Ficha da obra:

"La Chica del cumpleaños" / Haruki Murakami

Ilustracións, Kat Menschik
Tradución do xaponés de Lourdes Porta

Editor: Tusquets , 2018 
Características: 78 p.: il. cor; 23 cm.