A finais de mes, e co gallo de conmemorar o Día de Rosalía, o Concello de Brión disponse a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do nacemento da célebre autora. Para tal fin, a Casa da Cultura e a biblioteca municipal propoñen á cidadanía participar nas seguintes actividades:
Do 22 ao 24 de febreiro:
- Caldo de Gloria
Un ano máis, ao longo da fin de semana e ata o luns 24 de febreiro, varios establecementos de hostalaría de Brión ofrecerán aos seus clientes como petisco o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que podermos degustar de balde ao pedir unha consumición en varios establecementos hostaleiros que colaboran con esta campaña.
- Café con verso
Co fin de achegar á cidadanía a poesía de Rosalía de Castro, o seu pensamento, a súa mensaxe de rebeldía, os locais hostaleiros de Brión agasallarán á súa clientela que consuma un café tarxetas onde se recollen versos da célebre autora.
Campaña de visualización de Rosalía en Brión: Camiñando con Rosalía
Trátase dunha iniciativa que traslada aos pasos de peóns situados fronte aos centros educativos de Pedrouzos (Instituto de Secundaria e Escola de Primaria) e Campo Municipal de Fútbol versos da autora de “Campanas de Bastavales”.
Rosalía: Tod@s por igual
Para rematar esta semana tan especial, o sábado 29 de febreiro a B.P.M. de Brión organizará un obradoiro lúdico-creativo a cargo dos amigos de Tarabelos. Unha actividade centrada no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que descubriremos a súa desconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.
Da man de Esteban e Marcos Acuña, entoaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles. Narrarán un dos seus contos e proporán aos/ás asistentes unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que se plasmará de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.
A actividade, que estará dirixida a crianzas a partires dos 5 anos, celebrarase na Sala de Exposición Municipal (Casa da Cultura) a partir das 12:00 h. A asistencia será de balde ata conformar un grupo de 25 participantes, polo que será preciso inscribirse previamente para poder participar. O trámite poderá efectuarse na Casa de Cultura e na Biblioteca Pública Municipal de Brión. (Tfnos.: 981 50 99 08, mañás / 981 50 99 69, tardes)
Unha proposta gastronómica, cultural, lúdica e festiva para conmemorar a vida e obra de Rosalía de Castro, unha autora especialmente vinculada a Brión e a toda a bisbarra compostelá.
0 comentarios :
Publicar un comentario