HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día de Rosalía. Amosar todas as publicacións

mércores, 21 de xaneiro de 2026

23 de febreiro, Día de Rosalía: A Xanela do Maxín presentará en Brión “Dende Rosalía”

No mes no que celebramos o Día de Rosalía, a biblioteca municipal quere convidar á cidadanía a participar nun espectáculo para toda a familia arredor da figura de Rosalía de Castro. Falamos de "Dende Rosalía", un serán a cargo de A Xanela do Maxín na que emprenderemos un emocionante percorrido pola historia literaria de Galicia da man das súas grandes creadoras.
 
Dende Rosalía de Castro (símbolo de valentía, liberdade e amor pola terra) ata Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta, cada parada permite descubrir vidas rebeldes, obras luminosas e voces que abriron camiño.  

Nunha combinación de teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas, hologramas e personaxes fantásticos conviven para mostrar que estas mulleres non só fixeron historia, senón que continúan inspirando ás xeracións máis novas. A obra é unha celebración da lingua galega, da creatividade e da forza das mulleres que a mantiveron viva, desde as escritoras máis coñecidas ata as cantareiras anónimas que transmitiron cultura de xeración en xeración.

O espectáculo celebrarase o xoves 12 de febreiro na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). Comezará ás 18:00 h. , prolongándose durante aproximadamente 45 min. O público ao que está destinado é familiar (dende os 3 anos) e a entrada será de balde ata completar a capacidade da sala.

Esta función encádrase nunha programación máis ampla que baixo a denominación “23 de febreiro, Día de Rosalía” organiza o Concello de Brión. En breve, máis información sobre a mesma.

 




 

xoves, 22 de febreiro de 2024

Carmen Domech iniciou co seu espectáculo contacontos o programa de actividades en honor a Rosalía de Castro do Concello de Brión

Mañá, 23 de febreiro, celebramos o Día de Rosalía, unha data chea de eventos culturais para homenaxear a senlleira figura dunhas das autoras máis destacadas das nosas letras. Unha oportunidade para reflexionar sobre o seu legado literario e cultural, conservalo e promovelo entre as novas xeracións.

A BPM de Brión adiantouse a esta data tan especial organizando una actividade de animación para dar a coñecer ás crianzas a poesía de Rosalía de Castro. Un serán de animación a cargo de Carmen Domech que presentou en Brión o seu espectáculo “Unha rosa cada día: xogando con Rosalía”.

O espectáculo de narración oral con monicreques comezou pouco despois das 18. H. e celebrouse na Sala Municipal de Exposicións. O evento convocou un total de 18 persoas, entre crianzas, nais e pais. Durante aproximadamente 45 min., Carmen achegouse á vida e obra da nosa senlleira escritora e poeta, tan estreitamente vinculada con Brión a través de Bastavales.

Este contacontos abriu a programación especial que o Concello de Brión dedica a Rosalía. O venres, 23 de febreiro, o adro da igrexa parroquial de S. Xiao de Bastavales acollerá un acto homenaxe cunha tradicional Alborada dedicada á poetisa, un recital de poesía coa participación de alumnado do CEIP de Pedrouzos e IES de Brión e unha ofrenda floral. Asemade, varios establecemento hostaleiros de Brión ofrecerán unha degustación do Caldo de Gloria e acompañarán os cafés con tarxetas que reproducen poemas da autora.

Feliz Día de Rosalía!





luns, 5 de febreiro de 2024

"Unha rosa cada día", un serán de animación con Carmen Domech para conmemorar a Rosalía de Castro

O xoves 22 de febreiro, Carmen Domech visita Brión acompañada dos seus monicreques para conmemorar por adiantado o Día de Rosalía. Unha efeméride que cada 23 de febreiro conmemora a vida e obra da nosa senlleira escritora e poeta, tan estreitamente vinculada con Brión a través de Bastavales.

Carmen presentará na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) o seu novo espectáculo dedicado á autora de “Campanas de Bastavales”, “Unha rosa cada día, xogando con Rosalía”. Un serán de animación con monicreques que achega os versos de Rosalía ás crianzas. A sesión comezará ás 18:00 h. e estará destinada a público familiar, con entrada de balde ata completar a capacidade do local.

Porque en Brión, febreiro é máis que nunca tempo de conmemorar e celebrar o legado eterno de Rosalía de Castro.

venres, 17 de febreiro de 2023

Raquel Queizás presentou en Brión o espectáculo "Buscando a Rosalía"

Esta tarde a actriz Raquel Queizás presentou en Brión o espectáculo “Buscando a Rosalía”, un serán contacontos no que a protagonista foi Rosalía de Castro.

Coa inestimable axuda das crianzas de Brión, a detective Queliña, que atopou unha vella maleta con follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... investiga e descubre quen fora a dona da maleta, Rosalía de Castro, a gran figura das nosas letras.

Unha actividade para difundir entre as nenas e nenos o coñecemento da obra e da figura de Rosalía no mes no que celebramos unha data tan especial como é o 23 de febreiro, aniversario do nacemento da autora.

A actividade comezou ás 18:00 h. e estendeuse durante aproximadamente 45 min. O contacontos forma parte da máis ampla programación de actividades que o Concello de Brión organiza ao longo do mes de febreiro para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.





venres, 3 de febreiro de 2023

Día de Rosalía 2023: Buscando a Rosalía con Raquel Queizás

Para conmemorar o 23 de febreiro, Día e Rosalía, a biblioteca municipal organiza un conta contos destinado a público infantil. Trátase do espectáculo "Buscando a Rosalía" de Raquel Queizás.

Un serán de narración oral con monicreques para nenas e nenos a partir de 4 anos, cunha duración aproximada de 45 minutos. A detective Queliña atopa unha vella maleta, dentro hai follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... Investigando e xogando descubre quen é a dona da maleta, Rosalía de Castro, a nosa gran poeta.

A función celebrarase o venres 17 de febreiro ás 18:00 h. na Sala municipal de Exposicións (Casa da Cultura de Brión). A actividade será de acceso libre ata completar o aforo.




Programación especial para conmemorar o Día de Rosalía de Castro

O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía, unha data para lembrar e celebrar a vida e obra dunha das figuras máis senlleiras das nosas letras. Como todos os anos, o Concello de Brión ten preparada unha programación especial con diversas actividades destinadas á difusión e promoción da obra de Rosalía de Castro.

Este ano, destaca a cantidade e variedade de eventos programados, que se estenderán ao longo do mes de febreiro. 



PROGRAMACIÓN ESPECIAL DÍA DE ROSALÍA:

11 DE FEBREIRO

CULTURACTIVA PRODUCIÓNS presenta “ROSALÍA”

Moito máis que un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro, "Rosalía" é un espectáculo necesario. Nesta montaxe, os nenos e nenas descubrirán en Rosalía a unha rapaza alegre, forte e curiosa como eles/as, que vive, xoga e goza no país da infancia. Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras.

50 min. Público Familiar. Entrada de balde.

Hora e lugar de celebración: 18:00 hrs. Centro Social Polivalente

17 DE FEBREIRO

Contacontos "Buscando a Rosalía" con RAQUEL QUEIZÁS

Espectáculo de Narración Oral arredor da figura de Rosalía de Castro.

Público infantil (Recomendada para crianzas de 4 a 10 anos). Entrada de balde.

Hora e lugar de celebración: 18:00 hrs., Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

23 DE FEBREIRO. DÍA DE ROSALÍA

ALBORADA, OFRENDA, LECTURAS: Acto Homenaxe a Rosalía de Castro no Adro da igrexa Parroquial de San Xiao de Bastavales. Ás 12:00 hrs

CALDO DE GLORIA: Homenaxe a Rosalía degustando un petisco do tradicional Caldo Galego en diferentes establecementos hostaleiros de Brión colaboradores na campaña.

CAFÉ CON VERSO: Toma un café acompañado dun poema de Rosalía en diferentes establecementos hostaleiros de Brión.

24 DE FEBREIRO

OS QUINQUILLÁNS presentan “ROSALÍA EN BASTAVALES”

Unha visita teatralizada a un dos lugares máis significativos da Ruta Rosaliana, estreitamente ligado á figura da poeta: o adro da igrexa de S. Xiao de Bastavales.

Todos os públicos. Entrada de balde.

Hora e lugar de celebración: 17:30 hrs., Igrexa parroquial de S. Xiao de Bastavales


25 DE FEBREIRO

PLANTACIÓN DUNHA FILLA DA FIGUEIRA DE ROSALÍA

Ás 16:30 hrs. procederase a plantación dunha filla da Figueira de Rosalía que está na Casa da Matanza en Padrón no entorno do adro da Igrexa de San Xiao de Bastavales..

Brión… unha historia que contar: Bastavales. 
Contos e cantos ao abeiro das campás con Rosalía de Castro.

Actividade cultural dirixida a tódolos públicos para descubrir a historia de Bastavales a través da palabra de Rosalía de Castro e da participación da comunidade veciña da parroquia.

Hora e lugar de celebración:
Ás 17:00 hrs. Igrexa de San Xiao de Bastavales.
 
 

 

mércores, 16 de febreiro de 2022

A biblioteca municipal convídanos a dous contacontos para celebrar o Día de Rosalía

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, unha data significativa na que conmemoramos a unha das figuras máis senlleiras das nosas Letras. Para festexalo, a biblioteca pública municipal desexa convidar a toda a cidadanía a asistir a dúas actividades de animación que se van a celebrar na semana en que se cumpre o 185 aniversario do nacemento da autora.

Trátase de dous espectáculos de narración oral que se celebrarán os días 21 e 23 de febreiro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura de Brión) con entrada de balde e reserva previa de localidades a través do enderezo de correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org. 

Luns 21, “A miña historia” de Trécola Teatro

A programación comeza o luns co espectáculo do grupo Trécola Teatro “A miña historia”, un contacontos destinado a público familiar de 6 anos en diante. Neste serán de animación coñeceremos mellor a vida e obra da autora a través de Andrea, unha xornalista saída do S. XIX que sabe todo de Rosalía de Castro. 

Mércores 23, “Os poderes de Rosalía" con Pedro Brandariz

O Día de Rosalía visitará Brión o actor Pedro Brandariz que presentará o espectáculo “Os poderes de Rosalía”. Un serán de narración oral destinado a público maior de 4 anos de idade que se celebrará no mencionado espazo ás 18:00 h.

A que esperas, xa podemos reservar gratuitamente as localidades para asistir a ámbolos dous espectáculos enviando unha mensaxe ao correo electrónico mencionado máis arriba indicando: o nome e apelidos dun adulto, un teléfono de contacto e o número de cadeiras que desexemos ocupar.

luns, 14 de febreiro de 2022

23 de febreiro, Día de Rosalía

O día 23 de Febreiro celebramos o Día de Rosalía, unha data moi especial na que conmemoramos a vida e obra dunha das figuras máis senlleiras das nosas Letras. Para festexalo, o Concello de Brión ten preparada unha programación con diferentes actividades que terán lugar ao longo da semana na que se cumpre 185 anos do nacemento da autora.

23 de febreiro, Día de Rosalía

Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 en Santiago, e a súa vida sempre estivo intimamente ligada coa comarca compostelá, incluídas as Terras da Maía e Brión. O poema “Campanas de Bastavales” relembra sentimentos de saudade que trasladan a Rosalía ata parroquia brionesa. Por iso, o adro da igrexa de S. Xiao de Bastavales servirá de escenario para rendelle unha homenaxe moi especial que celebraremos o mércores 23 ás 12:00 h. consistente nun acto, alborada e ofrenda floral con lectura de versos da autora.
Ao longo da xornada, e en diferentes establecementos hostaleiros de Brión, a clientela poderá gozar do “Caldo de Gloria” e do “Café con verso”. A primeira é unha iniciativa que homenaxea a Rosalía ofrecendo coas consumicións, a xeito de petisco, un tradicional caldo galego. Asemade, os cafés da xornada irán acompañados dun poema da autora.
Pola tarde, a biblioteca municipal de Brión convidará a todas as familias a participar nun contacontos a cargo de Pedro Brandariz que presentará na Sala Municipal de Exposicións ás 18:00 h. “O poder de Rosalía”. Un espectáculo de narración oral especialmente dirixido ás crianzas a partires de 4 anos de idade.

Máis contacontos na biblioteca

Ademais do espectáculo de Pedro Brandariz, a biblioteca municipal organizará outro espectáculo de animación con Rosalía como protagonista. Será o luns 21 de febreiro ás 18:00 h. na mencionada Sala Municipal. Neste caso, será Trémola Teatro o grupo encargado de presentar o espectáculo “A miña historia”, un serán onde coñeceremos mellor a vida e obra da autora a través de Andrea, unha xornalista saída do S. XIX que sabe todo de Rosalía de Castro. Unha actividade de aproximadamente 45 min. de duración recomendada para persoas maiores de 6 anos.
Para asistir aos contacontos será preciso inscrición prevía de balde. As localidades poderán reservarse solicitándoo ao enderezo de correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.com, consignando o nome e apelidos, un teléfono de contacto e o número de persoas que desexen asistir. O aforo estará limitado, polo que se atenderán as solicitudes por estrita orde de inscrición.

Concerto “Amada Rosalía” de Xoán Eiriz

O xoves 24 de febreiro, o músico e cantante Xoán Eiriz presentará en Brión o seu novo disco e fará un pequeno percorrido por algunhas das cancións máis significativas dos seus traballos anteriores. O recital celebrarase no Centro Social Polivalente ás 20:30 h. A entrada será de balde con reserva previa a través da plataforma billeteira.concellodebrion.gal. As localidades poderán solicitarse a partir do martes 15 de febreiro. 
 
Cartel coa programación conmemorativa do Día de Rosalía en Brión.

 

mércores, 17 de febreiro de 2021

Imaxes para mil versos: celebramos o 24 de febreiro, Día de Rosalía

A obra literaria de Rosalía de Castro está constituída por milleiros de palabras que evocan sentimentos fondos, lugares próximos, sons familiares. Palabras que tamén denunciaron inxustizas sociais, reclamaron a igualdade e reivindicaron o valor universal da nosa lingua. Temas aínda hoxe moi vixentes.

A prosa e os versos de Rosalía consérvanse en centos de publicacións. Asemade, a súa imaxe quedou plasmada en icónicas fotografías, debuxos e óleos que a representaron en distintos momentos da súa vida. Combinando palabras e imaxes, queremos homenaxear a Rosalía de Castro no seu día, o 24 de febreiro. Unha data na que lembramos o seu nacemento para conmemorar a vida e obra dunha figura sobranceira e clave das nosas letras.

A nosa achega, versos e imaxes na semana do 22 ao 28 de febreiro

Ao longo da última semana de febreiro, e a través das redes sociais da biblioteca pública municipal e do Concello de Brión, iremos compartindo diariamente imaxes e textos da autora. Tamén partillaremos vídeos de curta duración nos que Rosalía e a súa obra se converterán en imaxes en movemento.

Únete a nós nesta homenaxe a Rosalía

Anímate a participar nesta campaña e comparte connosco, a través das redes sociais, algunha imaxe da autora, texto ou vídeo breve (gravado co móbil) no que recites algunha estrofa ou fagas calquera reflexión sobre Rosalía de Castro. Coa etiqueta #diaderosaliaenbrion, comparte a túa achega a través do Facebook, citando @bibliotecadebrion, ou no Twitter, citando @bibliobrion. Calquera contido que subas, compartirémolo nas nosas redes para celebrar o Día de Rosalía 2021. 


 

luns, 2 de marzo de 2020

Tod@s por igual con Rosalía de Castro

O pasado sábado a BPM de Brión organizou un obradoiro lúdico que pechou por este ano á programación de actividades coas que Concello de Brión conmemorou o 24 F, Día de Rosalía de Castro.

Baixo a denominación de “Rosalía, tod@s por igual”, este entretido serán de animación con música, poesía e creación artística estivo dirixido a crianzas maiores de 5 anos. A actividade centrouse no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que os amigos de Tarabelos amosaron a desconformidade da autora diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.

O obradoiro reuniu doce participantes que dende as 12:00 h. e durante 90 min. coñeceron un pouco máis a figura da célebre poetisa e a súa mensaxe comprometida con cuestións sociais aínda hoxe moi vixentes. O resultado final da actividade plasmouse nun gran cadro realizado entre todas e todos no que se plasmou de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.



venres, 14 de febreiro de 2020

Rosalía, tod@s por igual: un obradoiro lúdico para celebrar o Día de Rosalía

Para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, o sábado 29 a B.P.M. de Brión organizará un obradoiro lúdico-creativo a cargo dos amigos de Tarabelos. Unha actividade centrada no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que descubriremos a súa desconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.

Da man de Esteban e Marcos Acuña, entoaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles. Narrarán un dos seus contos e proporán aos/ás asistentes unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que se plasmará de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.

A actividade, que estará dirixida a crianzas a partires dos 5 anos, celebrarase na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) a partir das 12:00 h. A asistencia será de balde ata conformar un grupo de 25 participantes, polo que será preciso inscribirse previamente para poder participar. O trámite poderá efectuarse na Casa de Cultura e na Biblioteca Pública Municipal de Brión. (Tfnos.: 981 50 99 08, mañás / 981 50 99 69, tardes)



martes, 11 de febreiro de 2020

Brión celebrará un ano máis o Día de Rosalía

A finais de mes, e co gallo de conmemorar o Día de Rosalía, o Concello de Brión disponse a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do nacemento da célebre autora. Para tal fin, a Casa da Cultura e a biblioteca municipal propoñen á cidadanía participar nas seguintes actividades:

Do 22 ao 24 de febreiro:

- Caldo de Gloria
Un ano máis, ao longo da fin de semana e ata o luns 24 de febreiro, varios establecementos de hostalaría de Brión ofrecerán aos seus clientes como petisco o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que podermos degustar de balde ao pedir unha consumición en varios establecementos hostaleiros que colaboran con esta campaña.

- Café con verso
Co fin de achegar á cidadanía a poesía de Rosalía de Castro, o seu pensamento, a súa mensaxe de rebeldía, os locais hostaleiros de Brión agasallarán á súa clientela que consuma un café tarxetas onde se recollen versos da célebre autora.

Campaña de visualización de Rosalía en Brión: Camiñando con Rosalía

Trátase dunha iniciativa que traslada aos pasos de peóns situados fronte aos centros educativos de Pedrouzos (Instituto de Secundaria e Escola de Primaria) e Campo Municipal de Fútbol versos da autora de “Campanas de Bastavales”.

Rosalía: Tod@s por igual

Para rematar esta semana tan especial, o sábado 29 de febreiro a B.P.M. de Brión organizará un obradoiro lúdico-creativo a cargo dos amigos de Tarabelos. Unha actividade centrada no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que descubriremos a súa desconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.

Da man de Esteban e Marcos Acuña, entoaremos os cantares de Rosalía e xogaremos con eles. Narrarán un dos seus contos e proporán aos/ás asistentes unha "rosaliada": un gran cadro entre todos no que se plasmará de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.

A actividade, que estará dirixida a crianzas a partires dos 5 anos, celebrarase na Sala de Exposición Municipal (Casa da Cultura) a partir das 12:00 h. A asistencia será de balde ata conformar un grupo de 25 participantes, polo que será preciso inscribirse previamente para poder participar. O trámite poderá efectuarse na Casa de Cultura e na Biblioteca Pública Municipal de Brión. (Tfnos.: 981 50 99 08, mañás / 981 50 99 69, tardes)

Unha proposta gastronómica, cultural, lúdica e festiva para conmemorar a vida e obra de Rosalía de Castro, unha autora especialmente vinculada a Brión e a toda a bisbarra compostelá.

luns, 11 de marzo de 2019

Buscando a Rosalía en Brión con Raquel Queizás

Para conmemorar o Día de Rosalía e o 8M Día da Muller, a biblioteca municipal convidou ás súas usuarias e aos seus usuarios de tres anos en diante a participar no contacontos “Buscando a Rosalía”, un serán de animación a cargo de Raquel Queizás.
A detective Queliña atopa unha vella maleta, dentro hai follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... Investigando e xogando descubre quen é a dona da maleta, Rosalía de Castro, a nosa gran poeta.
Na sesión de narración oral, que tivo lugar o luns 11 de marzo ás 18:00 h., participaron unhas 25 persoas, entre crianzas e acompañantes adultos. Un público que gozou do bo facer da animadora e desfrutou cunha historia que reivindica a figura dunha das autoras máis destacada das nosas letras, comprometida socialmente e muller adiantada ao seu tempo.

luns, 25 de febreiro de 2019

A biblioteca municipal celebrou o Día de Rosalía

O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía; unha data na que en toda Galicia lembramos a Rosalía de Castro, figura fundamental das nosas letras. Unha efeméride que en Brión conmemoramos cunha programación de actividades que se prolongou durante toda a fin de semana e que incluíu o “Caldo de Gloria”, o “Café con verso” e unha campaña de visualización da figura de Rosalía, con reparto entre a veciñanza en diferentes puntos de marca páxinas, chapas, folletos e unha bolsa conmemorativos da campaña As pegadas de Rosalía.

A biblioteca municipal participou desta iniciativa agasallando cos devanditos materiais ás súas usuarias e aos seus usuarios  durante os días previos ao 24 de febreiro. En total, e ao longo de todo o venres e o sábado pola mañá, a biblioteca publica de Brión repartiu 52 lotes constituídos por distintos materiais de promoción da figura de Rosalía de Castro.

Pero a celebración non remata aí. Para conmemorar a Rosalía e reivindicar o 8M, Día da Muller, o luns 11 de marzo a biblioteca municipal organizará o conta contos "Buscando a Rosalía". Un serán de narración oral a cargo de Raquel Queizás que comezará ás 18:00 h. na Sala municipal de exposicións (Planta baixa da Casa da Cultura) e que estará dirixido a crianzas a partir de 3 anos de idade. A entrada será de balde ata completar o aforo.

xoves, 21 de febreiro de 2019

Buscando a Rosalía: Un conta contos para crianzas con Raquel Queizas

Para conmemorar o Día e Rosalía e reivindicar o 8M, Día da Muller, a biblioteca municipal organiza un conta contos destinado a público infantil.
O serán de animación celebrarase o luns, 11 de marzo, a partir das 18:00 h. na Sala municipal de exposicións (Planta baixa da Casa da Cultura). Trátase dun espectáculo de narración oral con monicreques para nenas e nenos a partir de 3 anos, cunha duración aproximada de 45 minutos, dirixido e interpretado por Raquel Queizás.
A detective Queliña atopa unha vella maleta, dentro hai follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... Investigando e xogando descubre quen é a dona da maleta, Rosalía de Castro, a nosa gran poeta.
A actividade será de balde ata completar o aforo.

Brión celebra o 24 de febreiro, Día de Rosalía

Co gallo de conmemorar o Día de Rosalía, o Concello de Brión disponse a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do nacemento da célebre autora. Para tal fin, a Casa da Cultura e a biblioteca municipal propoñen á veciñanza participar en varias actividades:

Do 22 ao 24 de febreiro: Caldo de Gloria

Ao longo da fin de semana, varios establecementos de hostalaría de Brión ofrecerán como tapa - petisco aos seus clientes o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que será ofrecida nos seguinte locais colaboradores:
Café Bar BTV, Casa Filiberto, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso.

Do 22 ao 24 de febreiro: Café con verso

Co fin de achegar á cidadanía a poesía de Rosalía de Castro, o seu pensamento, a súa mensaxe de rebeldía, os locais hostaleiros de Brión agasallarán á súa clientela que consuma un café cunhas tarxetas onde se recollen versos da autora.

Asemade, durante a fin de semana do 22 ao 24 de febreiro, realizarase unha campaña de visualización da figura de Rosalía con reparto entre a veciñanza en diferentes puntos (bares, restaurantes, biblioteca, Casa da Cultura...) de marca páxinas, chapas, folletos e unha bolsa conmemorativos da campaña As pegadas de Rosalía.

A programación especial rematará o día 11 de marzo cun conta contos organizado pola biblioteca, que conmemorará ao mesmo tempo o Día de Rosalía e o 8M, Día da muller. Máis información.


venres, 2 de marzo de 2018

Unha imaxe e mil versos para homenaxear a Rosalía de Castro

Rosalía volveu ser protagonista na biblioteca con motivo da celebración do seu día, o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do seu nacemento.
Dentro da máis ampla campaña municipal de visibilización, lanzada para homenaxear a esta senlleira figura das nosas letras estreitamente vinculada con Brión a través dos seus versos inmortais, a biblioteca municipal presentou o conta contos “Contando con Rosalía” de Marisa Irimia, repartiu material de promoción entre os usuarios que fixeron uso do servizo de préstamo e devolución o sábado 24 de febreiro, e recuperou a exposición “Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro”.
Esta mostra de creación propia recolle versos seleccionados de “Cantares gallegos” e “Follas novas”, dúas das publicacións máis recoñecidas de Rosalía. Cada poema (ou fragmento) acompáñase dun retrato da poetisa tomado da selección que recolle na súa páxina web a Fundación Casa Museo de Rosalía de Castro. Un proxecto que desexa dar visibilidade á figura e á obra desta gran autora na semana que celebramos o 181 centenario do seu nacemento. Asemade, a mostra pode verse simultaneamente na biblioteca escolar do IES de Brión, froito da colaboración entre ámbolos dous centros.

xoves, 22 de febreiro de 2018

Brión celebra o Día de Rosalía cun amplo programa de actividades

O Concello de Brión, a través da Casa da Cultura e da biblioteca publica municipal, dispóñense a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Para tal fin, e co gallo de conmemorar o aniversario do nacemento da autora, ven de programar unha serie de actividades lúdicas e culturais destinadas a homenaxear a esta senlleira figura das nosas letras.
Programa de actividades:

Exposición "Unha imaxe e mil versos"

A biblioteca municipal recuperará de cara ao Día de Rosalía unha pequena exposición de seu, con imaxes e poemas de Rosalía de Castro: "Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro". Unha mostra que simultaneamente se poderá ver na biblioteca escolar "Roberto Vidal Bolaño" do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros.

"Contando con Rosalía" en Brión, con Marisa Irimia

Contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro. Un achegamento á poesía dun xeito lúdico, divertido e saboroso destinado aos nenos/as e rapaces/zas de Brión. Lugar de celebración: Sala municipal de exposicións, Casa da Cultura. Data de celebración: mércores 21 de febreiro. Hora: 18:30 h.

24 de febreiro, Día de Rosalía

O alcalde de Brión, José Luís García, e en representación do noso municipio, participará ás 11:30 h. nun acto institucional no Hostal dos Reis Católicos onde se desenvolverá unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro no lugar en que foi bautizada hai 181 anos. Nel, o rexedor brionés lerá, xunto con representantes doutras institucións, textos da autora de "Cantares gallegos" e "Follas novas".

Pola tarde, ás 17:00 h., a compañía teatral Os Quinquilláns realizarán no adro da igrexa de Bastavales unha visita guiada e teatralizada con Rosalía e a súa relación con este lugar como referencia. Será de balde e aberta a toda a cidadanía.

  2 de marzo: Homenaxe a Rosalía en colaboración co CEIP de Pedrouzos

O alumnado do centro de Primaria realizará unha pequena ruta dende o alto do Monte Rubial ata San Xiao de Bastavales. Unha visita que rematará cunha visita teatralizada, coa participación da compañía de teatro Os Quinquilláns.

  20 de marzo: Homenaxe a Rosalía co IES de Brión

Pequena ruta similar á anterior. Tamén cunha sesión teatralizada, a cargo de Os Quinquilláns.

  Campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión

Unha acción destinada a fomentar a visibilidade da figura e obra de Rosalía de Castro entre a veciñanza do municipio. Unha campaña que consiste na colocación dunha lona, cun deseño exclusivo de Xosé Vizoso, no balcón da Casa da Cultura de Brión todos os 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía.

  Os Quinquilláns Teatro: "Rosalía en Bastavales", visitas teatralizadas

Visitas guiadas e teatralizadas que difundirán entre a veciñanza a vida e a obra da inesquecible Rosalía de Castro, prestando especial atención á relación da poeta con Brión.

A primeira delas será o 24 de febreiro "Día de Rosalía". Comezará ás 17:00 h. e realizarase na contorna da igrexa de San Xiao de Bastavales. As persoas interesadas en participar só deberán acudir ao adro do templo parroquial. A actividade será de balde.

Con posterioridade a esta data, realizaranse novas visitas (ademais das destinadas ao alumnado dos centros educativos) que serán anunciadas no seu momento. Polo de agora, podemos adiantar as seguintes datas previstas: sábados de maio, días 5, 12, 19 e 26; 17 de maio: Día das Letras Galegas.

Ao tratarse dunha actividade ao aire libre, a realización de mesma quedará supeditada ao tempo atmosférico, podendo suspenderse cando as condicións meteorolóxicas non sexan as máis idóneas. Neste caso avisarase á cidadanía a través das plataformas de divulgación axeitadas: páxinas web e app Brión informa.

  Caldo de Gloria

Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, o Concello de Brión, xunto cos municipios de Ames, Padrón e a Fundación Rosalía de Castro, quere organizar o denominado "Caldo da Gloria", unha actividade na que os diferentes establecementos hostaleiros que así o desexen servirán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que sería ofrecida como tapa aos clientes nos locais adheridos á esta actividade. En Brión, os establecementos hostaleiros que participan na campaña son: BTV, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso. Poderá desgustarse toda a fin de semana do 24 de febreiro.

  Ruta Rosaliana (presentada en FITUR)

Para promover entre a cidadanía o relanzamento da nova Ruta Rosaliana presentada na feira FITUR en Madrid, o Concello de Brión procederá en breve co reparto de marca páxinas, chapas, folleto da ruta e unha bolsa conmemorativa.

xoves, 23 de febreiro de 2017

Por eso me chaman Rosa, campaña de visibilidade da figura de Rosalía

Brión conmemora o 24 de febreiro, Día de Rosalía, cunha programación especial de actividades que se estenderá ao logo do mes de marzo. Dentro da campaña para dar visibilidade á figura da nosa gran poetisa, a Casa da Cultura de Brión luce unha pancarta nunha das súas fachadas que reproduce unha ilustración obra do recoñecido artista plástico Xosé Vizoso.

Co lema “Por eso me chaman Rosa: 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro”, o deseño de Vizoso tamén ilustra un marca páxinas conmemorativo que xa está a disposición de toda a cidadanía na biblioteca municipal, Casa Consistorial e Casa da Cultura de Brión. Un pequeno complemento á lectura que tamén se repartiu entre os escolares dos diferentes centros educativos do municipio.


Se te achegas á biblioteca pública municipal, non esquezas recoller o teu marcador; é de balde. Seguro que che resultará moi útil para non perder o fío da lectura e lembrar á gran Rosalía de Castro.

mércores, 22 de febreiro de 2017

A viaxe de Rosalía fai escala en Brión

O día 10 de marzo, venres, o Centro Social Polivalente acollerá o espectáculo de monicreques “A viaxe de Rosalía” de Larraitz Urruzola. A función, dirixida a público infantil e adulto, comezará ás 18:00 h. e prolongarase durante aproximadamente 45 min. A entrada será de balde ata completar aforo.
A actriz Larraitz Urruzola combina nesta obra a interpretación persoal, os monicreques de mesa de grande talla artística así como a manipulación de obxectos acompañada dunha música moi acaída, un vestiario fermoso e dignísimo para os personaxes e das ferramentas da narración oral tradicionais para que coñezamos as pasaxes máis importantes da vida de Rosalía de Castro e a súa obra literaria.
Esta actividade forma parte da programación coa que o Concello de Brión, a través da súa biblioteca pública e Casa da Cultura, homenaxea á autora de “Campanas de Bastavales” na celebración do Día de Rosalía, o 24 de febreiro, cando se cumpre 180 anos do seu nacemento.