O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía; unha data na que en toda Galicia lembramos a Rosalía de Castro, figura fundamental das nosas letras. Unha efeméride que en Brión conmemoramos cunha programación de actividades que se prolongou durante toda a fin de semana e que incluíu o “Caldo de Gloria”, o “Café con verso” e unha campaña de visualización da figura de Rosalía, con reparto entre a veciñanza en diferentes puntos de marca páxinas, chapas, folletos e unha bolsa conmemorativos da campaña As pegadas de Rosalía.
A biblioteca municipal participou desta iniciativa agasallando cos devanditos materiais ás súas usuarias e aos seus usuarios durante os días previos ao 24 de febreiro. En total, e ao longo de todo o venres e o sábado pola mañá, a biblioteca publica de Brión repartiu 52 lotes constituídos por distintos materiais de promoción da figura de Rosalía de Castro.
Pero a celebración non remata aí. Para conmemorar a Rosalía e reivindicar o 8M, Día da Muller, o luns 11 de marzo a biblioteca municipal organizará o conta contos "Buscando a Rosalía". Un serán de narración oral a cargo de Raquel Queizás que comezará ás 18:00 h. na Sala municipal de exposicións (Planta baixa da Casa da Cultura) e que estará dirixido a crianzas a partir de 3 anos de idade. A entrada será de balde ata completar o aforo.
0 comentarios :
Publicar un comentario