xoves, 21 de febreiro de 2019

Brión celebra o 24 de febreiro, Día de Rosalía

Co gallo de conmemorar o Día de Rosalía, o Concello de Brión disponse a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do nacemento da célebre autora. Para tal fin, a Casa da Cultura e a biblioteca municipal propoñen á veciñanza participar en varias actividades:

Do 22 ao 24 de febreiro: Caldo de Gloria

Ao longo da fin de semana, varios establecementos de hostalaría de Brión ofrecerán como tapa - petisco aos seus clientes o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que será ofrecida nos seguinte locais colaboradores:
Café Bar BTV, Casa Filiberto, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso.

Do 22 ao 24 de febreiro: Café con verso

Co fin de achegar á cidadanía a poesía de Rosalía de Castro, o seu pensamento, a súa mensaxe de rebeldía, os locais hostaleiros de Brión agasallarán á súa clientela que consuma un café cunhas tarxetas onde se recollen versos da autora.

Asemade, durante a fin de semana do 22 ao 24 de febreiro, realizarase unha campaña de visualización da figura de Rosalía con reparto entre a veciñanza en diferentes puntos (bares, restaurantes, biblioteca, Casa da Cultura...) de marca páxinas, chapas, folletos e unha bolsa conmemorativos da campaña As pegadas de Rosalía.

A programación especial rematará o día 11 de marzo cun conta contos organizado pola biblioteca, que conmemorará ao mesmo tempo o Día de Rosalía e o 8M, Día da muller. Máis información.


0 comentarios :

Publicar un comentario