O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, unha data significativa na que conmemoramos a unha das figuras máis senlleiras das nosas Letras. Para festexalo, a biblioteca pública municipal desexa convidar a toda a cidadanía a asistir a dúas actividades de animación que se van a celebrar na semana en que se cumpre o 185 aniversario do nacemento da autora.
Trátase de dous espectáculos de narración oral que se celebrarán os días 21 e 23 de febreiro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura de Brión) con entrada de balde e reserva previa de localidades a través do enderezo de correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org.
Luns 21, “A miña historia” de Trécola Teatro
A programación comeza o luns co espectáculo do grupo Trécola Teatro “A miña historia”, un contacontos destinado a público familiar de 6 anos en diante. Neste serán de animación coñeceremos mellor a vida e obra da autora a través de Andrea, unha xornalista saída do S. XIX que sabe todo de Rosalía de Castro.
Mércores 23, “Os poderes de Rosalía" con Pedro Brandariz
O Día de Rosalía visitará Brión o actor Pedro Brandariz que presentará o espectáculo “Os poderes de Rosalía”. Un serán de narración oral destinado a público maior de 4 anos de idade que se celebrará no mencionado espazo ás 18:00 h.
A que esperas, xa podemos reservar gratuitamente as localidades para asistir a ámbolos dous espectáculos enviando unha mensaxe ao correo electrónico mencionado máis arriba indicando: o nome e apelidos dun adulto, un teléfono de contacto e o número de cadeiras que desexemos ocupar.