O día 23 de Febreiro celebramos o Día de Rosalía, unha data moi especial na que conmemoramos a vida e obra dunha das figuras máis senlleiras das nosas Letras. Para festexalo, o Concello de Brión ten preparada unha programación con diferentes actividades que terán lugar ao longo da semana na que se cumpre 185 anos do nacemento da autora.
23 de febreiro, Día de Rosalía
Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 en Santiago, e a súa vida sempre estivo intimamente ligada coa comarca compostelá, incluídas as Terras da Maía e Brión. O poema “Campanas de Bastavales” relembra sentimentos de saudade que trasladan a Rosalía ata parroquia brionesa. Por iso, o adro da igrexa de S. Xiao de Bastavales servirá de escenario para rendelle unha homenaxe moi especial que celebraremos o mércores 23 ás 12:00 h. consistente nun acto, alborada e ofrenda floral con lectura de versos da autora.
Ao longo da xornada, e en diferentes establecementos hostaleiros de Brión, a clientela poderá gozar do “Caldo de Gloria” e do “Café con verso”. A primeira é unha iniciativa que homenaxea a Rosalía ofrecendo coas consumicións, a xeito de petisco, un tradicional caldo galego. Asemade, os cafés da xornada irán acompañados dun poema da autora.
Pola tarde, a biblioteca municipal de Brión convidará a todas as familias a participar nun contacontos a cargo de Pedro Brandariz que presentará na Sala Municipal de Exposicións ás 18:00 h. “O poder de Rosalía”. Un espectáculo de narración oral especialmente dirixido ás crianzas a partires de 4 anos de idade.
Máis contacontos na biblioteca
Ademais do espectáculo de Pedro Brandariz, a biblioteca municipal organizará outro espectáculo de animación con Rosalía como protagonista. Será o luns 21 de febreiro ás 18:00 h. na mencionada Sala Municipal.
Neste caso, será Trémola Teatro o grupo encargado de presentar o espectáculo “A miña historia”, un serán onde coñeceremos mellor a vida e obra da autora a través de Andrea, unha xornalista saída do S. XIX que sabe todo de Rosalía de Castro. Unha actividade de aproximadamente 45 min. de duración recomendada para persoas maiores de 6 anos.
Para asistir aos contacontos será preciso inscrición prevía de balde. As localidades poderán reservarse solicitándoo ao enderezo de correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.com, consignando o nome e apelidos, un teléfono de contacto e o número de persoas que desexen asistir. O aforo estará limitado, polo que se atenderán as solicitudes por estrita orde de inscrición.
Concerto “Amada Rosalía” de Xoán Eiriz
O xoves 24 de febreiro, o músico e cantante Xoán Eiriz presentará en Brión o seu novo disco e fará un pequeno percorrido por algunhas das cancións máis significativas dos seus traballos anteriores.
O recital celebrarase no Centro Social Polivalente ás 20:30 h. A entrada será de balde con reserva previa a través da plataforma billeteira.concellodebrion.gal. As localidades poderán solicitarse a partir do martes 15 de febreiro.