Despois de ler "Un caballero en Moscú", a cativadora novela do autor estadounidense Amor Towles, abandonamos con pena o hotel Metropol de Moscú para regresar á terriña e achegarnos á obra máis recente dunha autora por todas/os coñecida, Marilar Aleixandre.
Para facelo escollemos "As malas mulleres" unha novela recoñecida en 2020 co Premio Blanco Amor. A través das súas páxinas, asistimos a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia e as do “mudo coro das malas mulleres”, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais.
A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.
A autora:
Nada en Madrid en 1947, é licenciada en Bioloxía e profesora de Didáctica das Ciencias na USC. Instalada en Galicia dende 1973, adoptou o galego como lingua literaria. As súas primeiras obras foron narracións dirixidas aos lectores máis novos e ao público adolescente. A novela que a deu a coñecer nun ámbito máis amplo foi "Tránsito dos gramáticos" (1993), unha orixinal intriga ambientada nunha Compostela futurista. En 1996 publicou a colección de relatos "Lobos nas illas". Con "A Compañía Clandestina de Contrapublicidade" gañou a IV edición do Premio Álvaro Cunqueiro de narrativa (1998). Recibiu o Premio Xerais de Novela 2001 por "Teoría do Caos". Recibiu o galardón Letra E concedido pola AELG. Na Asemblea Xeral do Congreso Ibby de Literatura Infantil e Xuvenil, celebrado en setembro de 2010 en Santiago de Compostela, foi nomeada membro do Comité Executivo da organización.
Fonte biografía: Ed. Galaxia
Imaxe autora: Wikipedia