Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de maio de 2025

"Un amor" de Alejandro Palomas, vindeira lectura do club

Presentamos unha nova lectura do club, agora dun autor en lingua castelá que nos vai resultar moi familiar. Referímonos ao barcelonés Alejandro Palomas, escritor que nos cativou a pasada temporada coa novela “Una madre”. Agora, imos achegarnos a “Un amor”, gañadora do Premio Nadal de Novela 2018, obra que continúa a historia dos personaxes xa coñecidos en “Una madre”.

A novela mergúllanos nunha montaña rusa emocional, onde o autor explora temas como o amor, a familia e os medos que nos definen. Palomas constrúe unha historia que impacta ao lector, facéndoo reflexionar sobre as relacións humanas e os sentimentos máis profundos. Ademais, a súa narrativa destaca pola capacidade de conectar co público, ofrecendo momentos de humor, dor e tenrura.

Para comentala reunirémonos o xoves 19 de xuño, coma sempre na biblioteca municipal.

venres, 28 de marzo de 2025

"Para toda a vida" de Eva Moreda, nova lectura do club

Despois dunha emotiva viaxe polo Xapón da man de Hiromi Kawakami, regresamos a paisaxes e situacións que nos resultarán máis familiares, recreadas pola pluma dunha autora do país, Eva Moreda. Porque a vindeira lectura do club vai ser "Para toda a vida", unha novela curta da mencionada escritora publicada en 2020 por Aira Editorial.

A obra narra a historia de Paula, unha muller que, tras varios anos emigrada no Reino Unido e despois dun revés na súa vida, decide regresar á súa vila natal para comezar de novo. Abandona a súa carreira na docencia e investigación universitaria para dedicarse á artesanía de instrumentos musicais. Nesta etapa da súa vida, Paula cuestiona se realmente paga a pena perseguir aquelas cousas que se consideran "para toda a vida".

A novela aborda temas como a emigración, o retorno ás raíces e a busca de sentido na estabilidade. A través dunha narrativa concisa e unha representación auténtica da oralidade, Eva Moreda explora a complexidade das relacións humanas e a constante procura de identidade e propósito.

A autora naceu na Veiga de Ribadeo. Obtivo o Premio Terra de Melide, o Narrativas Quentes, o Manuel Murguía e o San Clemente entre outros. É profesora titular de Musicoloxía na Universidade de Glasgow.

Para comentar a obra, reunirémonos o xoves 24 de abril a partir das 20:00 h. Coma sempre, na biblioteca municipal.

venres, 21 de febreiro de 2025

"El cielo es azul, la tierra blanca" de Hiromi Kawakami, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar co autor a novela “Faneca brava” de Manuel Portas (Xerais, 2013), damos un importante salto espacial, dun xeito metafórico por suposto, para reencontrarnos no club coa literatura xaponesa.

Nesta caso, da man dunha autora como é Hiromi Kawakami, coñecida polo seu estilo evocador e pola súa capacidade para capturar as emocións e relacións humanas de xeito sutil e introspectivo. A súa carreira literaria comezou nos anos 90, e rapidamente acadou recoñecemento pola súa prosa lírica e minimalista, a miúdo cargada de elementos fantásticos ou oníricos.

A obra escollida é “El cielo es azul, la tierra blanca”, onde a autora nos presenta a historia de Tsukiko, unha muller que ten 38 anos e unha vida solitaria. Un día, atopa nunha taberna ao seu vello mestre de xaponés e entre ámbolos establécese un pacto tácito para compartir a soidade.

Cunha prosa sensual e depurada, Kawakami cóntanos unha historia de amor moi especial: o achegamento sutil de dous amantes, con toda a súa íntima beleza, tenrura e profundidade. Todo un descubrimento literario que compartiremos no club de lectura e comentaremos na vindeira xuntanza.

venres, 10 de xaneiro de 2025

"Faneca brava" de Manuel Portas, vindeira lectura do Club

Trala posta en común da experiencia lectora de “Hotel Silencio”, a novela da autora islandesa Auður Ava Ólafsdóttir que vimos de ler, afrontamos unha nova xeira no Club de lectura da man dun autor galego, Manuel Portas.

A obra escollida nesta ocasión é “Faneca brava”, unha novela que afonda na vida de Carmucha, unha muller galega cunha vida marcada pola loita, os segredos e as complexidades emocionais. Ambientada nunha Galicia que se transforma co paso do tempo, “Faneca brava” convida ao lector a reflexionar sobre as raíces, as decisións vitais e a capacidade de reinventarse fronte ás adversidades. É unha obra que combina intensidade emocional e unha visión lúcida sobre a condición humana, cun estilo áxil e envolvente.

A través dunha narrativa próxima e profundamente humana, Portas retrata a evolución desta protagonista ao longo das décadas, explorando temas como a liberdade, o amor, a emigración e a resiliencia feminina. Co autor, esperamos compartir a experiencia lectora desta obra e debater estes e outros aspectos da novela nunha vindeira xuntanza do Club, que realizaremos no mes de febreiro, nunha data que anunciaremos en breve.


martes, 26 de novembro de 2024

"Hotel Silencio" de Auður Ava Olafsdóttir, nova lectura do club

Despois de ler a Paul Auster, un dos máis destacados autores norteamericanos contemporáneos, cruzamos o Atlántico Norte para arribar ás costas de Islandia. Alí espéranos a nova lectura do club, unha novela asinada pola autora islandesa Auður Ava Olafsdóttir.

Falamos de “Hotel Silencio”, unha obra que Luís Alonso Girgado definía como “Novela moderna, esencialmente nórdica, que lemos cunha sensación de estrañeza [...] Inquietante, perturbadora, de implacable dureza”. Ou cualificada como "Emocionante, excéntrica e escuramente divertida" polo xornal Sunday Times.

Despois de enfrontarse a unha separación conxugal, á demencia de súa nai e a un descubrimento perturbador, Jonas decide agarrar a súa caixa de ferramentas e facer unha viaxe só de ida a un país estraño e devastado pola guerra para desaparecer e darlle un fin definitivo a esta triste existencia. Pero os danos no Hotel Silencio no que se aloxa comezan a requirir as súas atencións, e tamén fano os hospedes, e os habitantes da cidade, e o seu plan apraza unha e outra vez.

A autora, Ava Olafsdóttir, é unha recoñecida escritora nada en Reiquiavik, profesora de Historia da Arte e directora do Museo da Universidade de Islandia. Entre os premios acadados, destacan o Premio de Literatura de Islandia, o Premio de Literatura do Consello Nórdico (2018) ou o Premio Médicis Estranxeiro (2019).

Para por en común esta nova experiencia lectora do club, reunirémonos o xoves 9 de xaneiro ás 20:00. Como sempre, na biblioteca municipal.

mércores, 30 de outubro de 2024

Arranca a nova temporada do Club de lectura con Paul Auster

Coa chegada do outono, iniciamos unha nova etapa do Club de Lectura. Unha temporada que comezamos agora e que prolongaremos, como de costume, ata o verán.

Arrancamos a temporada de lecturas con Paul Auster e “Un home na escuridade”

Finado a finais de abril de 2024, Paul Auster é un dos escritores norteamericanos contemporáneos de maior recoñecemento internacional. Poeta, ensaísta, novelista, escritor de guións, as súas narrativas adoitan explorar temas como a identidade, a soidade e o azar, reflectindo unha visión profundamente reflexiva e escura sobre a vida urbana moderna.

A obra escollida nesta ocasión,“Un home na escuridade" (“Man in the Dark”, 2008) publicada pola editorial Galaxia con tradución ao galego de Eva Almazán, é unha novela na que Paul Auster explora a soidade, a perda e a complexidade da realidade a través dunha narrativa que mestura a introspección persoal co suspense e a fantasía.

A historia céntrase en August Brill, un crítico literario xubilado que, convalecente, pasa as noites sen durmir imaxinando mundos alternativos. Nun destes mundos, os Estados Unidos están inmersos nunha guerra civil, reflectindo temas de división e violencia que lembran as tensións políticas contemporáneas.

Unha temática moi de actualidade, e máis no vindeiro mes de novembro, cando se celebran eleccións presidenciais nos EE. UU. cunha polarización social crecente que, de seguro, nos dará moito que comentar na xuntanza para por en común esta lectura.

mércores, 2 de outubro de 2024

Comeza unha nova temporada do club de lectura

Trala pausa estival, en breve regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de compartir experiencias lectoras con outras persoas.

Funcionamento da actividade

Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá (de xeito alternativo), realizaremos unha xuntanza na biblioteca para unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade. 

Inscrición na actividade

Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Se precisas máis información ou queres inscribirte na actividade, por favor, diríxete á biblioteca a través do correo electrónico ou chama ao tfno. 981 50 99 69.

 



martes, 4 de xuño de 2024

"Una libreria en Berlín" de Françoise Frenkel, vindeira lectura do club

Deixamos atrás “Aqueles días en que eramos malas”, a novela de Inma López Silva, para continuar cunha nova lectura coa que imos a pechar a temporada do club. Viaxamos agora ata o período de entre guerras, para descubrir o amor polos libros e a lectura de Françoise Frenkel, unha moza apaixonada pola linguas e cultura francesas que funda a primeira libraría francesa de Berlín, alá polo 1921.

"Una librería en Berlín" céntrase na vida de Frenkel, unha muller xudía polaca, e o seu soño realizado. O seu establecemento, “La Maison du Livre”, convértese rapidamente nun faro de cultura e coñecemento, atraendo a unha clientela diversa e apaixonada pola literatura. A través das súas páxinas, Frenkel introdúcenos na efervescencia intelectual da época, marcada polas visitas de escritores e artistas, e o intercambio constante de ideas.

Non obstante, o ascenso do nazismo transforma radicalmente a súa vida e a da súa libraría. A atmosfera vólvese opresiva e perigosa, levando a Frenkel a un camiño de fuxida e resistencia. A medida que os horrores da persecución nazi se intensifican, Frenkel narra con detalle desgarrador a súa escapada de Berlín, os seus refuxios temporais en Francia e Suíza, e as dificultades que enfronta como refuxiada.

Para por en común as nosas experiencias lectoras, reunirémonos o día 15 de xullo nunha xuntanza que, como xa é costume, será un pouco diferente.

martes, 30 de abril de 2024

"Aqueles días en que eramos malas" de Inma López Silva, vindeira lectura do club

A escritora compostelá Inma López Silva publicou en 2016 na editorial Galaxia a obra “Aqueles días en que eramos malas”, unha lectura á que agora nos achegaremos no club. Despois do excelente sabor de boca que deixou “Una madre” de Alejandro Palomas, retomamos a lectura en galego da man desta recoñecida autora galega no mes das nosas Letras.

Catro mulleres pasan os seus días nun módulo carcerario reflexionando sobre o mal, as circunstancias que as conduciron a cometer un delito e as inxustizas, convidando a persoa lectora a reflexionar sobre estes temas. Un relato traxicómico áxil e emocionante que explora o mundo na cadea e as fascinantes experiencias vitais das súas protagonistas.

Trala lectura, chegará a posta en común da experiencia o vindeiro luns 27 de maio; como sempre, ás 20:00 h. na biblioteca municipal.

martes, 19 de marzo de 2024

"Una madre" de Alejandro Palomas, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar a obra “A nosa negra” de Harriet E. Wilson, cambiamos de rexistro para achegarnos á narrativa dun autor español contemporáneo. Falamos de Alejandro Palomas e “Una madre”, unha novela que nos mergulla nun mundo de emocións intensas e relacións familiares complexas.

A historia que imos afrontar céntrase en Amalia, unha nai viúva e loitadora que trata de manter unida á súa peculiar familia. Cun estilo narrativo sutil e conmovedor, Palomas condúcenos a través dos pensamentos e sentimentos dos personaxes, explorando temas como o amor, a perda, a lealdade e a aceptación. Á medida que a trama avanza, desvélanse segredos do pasado que impactan no presente da familia, desencadeando momentos de tensión e reflexión.

Para comentala reunirémonos o luns 29 de abril, como sempre, ás 20:00 h. na biblioteca municipal.

mércores, 21 de febreiro de 2024

"A nosa negra" de Harriet E. Wilson, nova lectura do club

Despois da novela de John Banville, “La señora Osmond”, enfrontamos unha nova lectura no club. Nesta ocasión, imos ler a tradución ao galego de ”Our Nig” = “A nosa Negra”, publicada pola editorial compostelá Hugin e Munin. Trátase dunha obra literaria de gran importancia histórica, escrita por Harriet E. Wilson e publicada en 1859. Unha novela que é recoñecida por ser a primeira escrita e publicada por unha muller negra nos Estados Unidos.

A historia que presenta é a de Frado, unha moza mestiza de nai branca e pai afroamericano, que é abandonada pola súa nai e convértese en criada no fogar dunha familia branca en Massachusetts durante o século XIX. A novela é unha mestura de ficción e realidade, e inspírase na novela sentimental, a narrativa de escravos e a narrativa de conversión relixiosa.

A autora, Harriet E. Wilson, que de solteira era Adams, naceu en Milford o 15 de marzo de 1825 e faleceu en Quincy o 28 de xuño de 1900. Tras quedar orfa a unha idade temperá, traballou como "serventa contratada" e máis tarde como empregada doméstica e costureira. 

A novela "A nosa Negra" foi publicada de forma anónima e pasou moito tempo na escuridade ata que foi redescuberta en 1982 polo crítico literario e historiador Henry Louis Gates Jr.

Para comentala reunirémonos o vindeiro 18 de marzo. Como sempre, na biblioteca municipal.


martes, 9 de xaneiro de 2024

"La señora Osmond", vindeira lectura do club

Trala lectura de “A fiestra valdeira” de Rafel Dieste, retomamos a senda da narrativa internacional para achegarnos deseguido á obra do escritor John Banville a través da lectura de “La señora Osmond”, novela publicada en 2017.

Unha historia que se centra en Isabel Osmond, unha dama que foxe de Roma e un matrimonio devastador para repoñerse en Londres tras descubrir a traizón do seu esposo. A novela aborda temas como a deslealdade, a corrupción e a viaxe de Isabel para superar a revelación da traizón do seu marido.

John Banville, que tamén emprega o pseudónimo de Benjamin Black para as obras de xénero negro que publica, é un recoñecido escritor irlandés en lingua inglesa que en 2005 acadou o Premio Booker e en 2014 o Premio Princesa de Asturias de las Letras, entre outros. Tras de si ten unha longa traxectoria como novelista, dramaturgo, guionista critico literario e xornalista.

Para comentar a obra, reunirémonos na biblioteca o vindeiro día 19 de febreiro.

Imaxe: CC: Unai Arnaz Imaz 

luns, 4 de decembro de 2023

"A fiestra valdeira" de Rafael Dieste, vindeira lectura o club

Despois de ler a Isabel Allende, recuperamos a un dos grande autores da nosa literatura, Rafael Dieste. O escritor de Rianxo publicou en 1929 unha das súas obras máis recoñecidas, “A fiestra valdeira”, unha comedia de ambiente mariñeiro e fonda reflexión social.

A obra, partillada en tres actos, reflicte a defensa do espírito e a cultura do país cun matiz cómico, pero que non renuncia á crítica social. Unha peza que encaixa no estilo innovador e experimental que achegou o autor á dramaturxia galega.

Don Miguel, un mariñeiro retirado, volta adiñeirado da emigración no Brasil. Encárgalle a un pintor que lle faga un retrato, no que aparece unha fiestra. No cadro vese o ambiente mariñeiro da vila, mais a súa muller prefire que apareza de fondo unha paisaxe máis señorial, coma a dos xardíns dun pazo. Ela quere renegar do pasado mariñeiro da home para aparentar riqueza a facilitar as relacións sociais da súa filla, mais don Miguel síntese orgulloso das súas orixes.

Tras esta lectura, a primeira de xénero teatral que facemos no club, realizaremos unha posta en común o vindeiro día 8 de xaneiro ás 20:30 h. Como sempre, na biblioteca municipal.

mércores, 25 de outubro de 2023

"Violeta" de Isabel Allende, primeira lectura da temporada do club

Iniciamos unha nova xeira do Club de lectura da biblioteca municipal. E para comezar esta nova etapa, a obra escollida para ler e por en común é “Violeta” da escritora chilena Isabel Allende.

Unha recoñecida autora que en 2022 publicou esta novela que narra a historia épica e emocionante dunha muller dende 1920, coa “gripe española” ata a pandemia de 2020. Unha vida que será moito máis que a historia dun século.

Para comentar a experiencia lectora, reunirémonos na biblioteca municipal o vindeiro 27 de novembro ás 20: 00 h.

luns, 16 de outubro de 2023

Comeza unha nova temporada do club de lectura

Trala pausa estival, regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de ler e compartir experiencias lectoras con outras persoas. 

Funcionamento da actividade

Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá (de xeito alternativo), realizaremos unha xuntanza na biblioteca para unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade.

Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca a través do seus correos electrónicos ou chama ao tfno. 981 50 99 69 para participar nesta actividade.

Cartel Club de lectura 23-24

 


 

 

xoves, 25 de maio de 2023

"Os biosbardos" de Eduardo Blanco Amor, nova lectura do club

Despois da somerxernos na emotiva historia que nos narra Khaled Hosseini en “Cometas en el cielo = The Kite Runner”, co pano de fondo da recente e convulsa historia de Afganistán, regresamos aos escenarios máis recoñecibles e familiares que conforman o pano de fondo dos relatos que compoñen unha das obras máis destacadas de Eduardo Blanco Amor, “Os biosbardos”. Un clásico das nosas letras onde un narrador infantil distinto en cada conto nos traslada ata Auria, transposición literaria de Ourense, cidade natal do autor. 

Publicada en 1962, recolle sete contos (oito na segunda edición) onde a infancia é a protagonista, pois todos están postos en boca de sete rapaces de diferentes idades que van contando experiencias persoais do intenso e ás veces dramático mundo infantil. Estes relatos pertencen, sen dúbida, ao núcleo das mellores páxinas que nos deixou este mestre da moderna narrativa galega. 

Para comentalos reunirémonos na biblioteca municipal o martes 27 de xuño, como sempre, ás 20:00 h.

mércores, 19 de abril de 2023

"Cometas en el cielo" de Khaled Hosseini, nova lectura do club

Despois de ler os relatos que conforman “Retratos en branco e negro", a última publicación da escritora e narradora oral Charo Pita, afrontamos unha nova lectura no club. Tras esta experiencia lectora, que incluíu un encontro literario coa autora, achegámonos a unha historia que nos sitúa lonxe da nosa inmediata realidade xeográfica, cronolóxica e cultural para conducirnos ata o Afganistán de 1975, xusto antes dos convulsos acontecementos que marcarían a historia deste pais no último terzo do S. XX e comezos do actual.
Trátase da novela de Khaled Hosseini, “The Kite Runner”, traducida ao castelán como “Cometas en el cielo”, a súa primeira obra e un extraordinario éxito de vendas a nivel internacional. Unha novela que relata a conmovedora historia de dous pais e dous fillos, a súa amizade e de como a casualidade pode converterse nun fito inesperado no destino.
Con apenas doce anos, Amir proponse gañar a competición anual de cometas da forma que sexa, mesmo á conta do seu inseparable Hassan, un hazara de clase inferior que foi o seu servente e compañeiro de xogos desde a máis tenra infancia. Así, empeñado en demostrarlle ao seu pai que xa é todo un home, Amir poñerá en perigo unha amizade fraguada ao longo de anos de enfrontarse a todos os perigos imaxinables, e aprenderá unha verdade que o acompañará o resto da súa vida.

martes, 18 de abril de 2023

A escritora Charo Pita acompañounos na xuntanza do club de lectura

Onte luns, 17 de abril, a xuntanza do club de lectura para comentar e por en común as nosas experiencias lectoras sobre a obra “Retratos en branco e negro” de Charo Pita converteuse nun interesante e ameno encontro literario coa súa autora.

Charo, de xeito amable e desinteresado, achegouse ata a biblioteca municipal para participar na reunión e partillar connosco detalles sobre o proceso creativo da súa última obra, un libro de relatos publicado en 2022 pola editorial Galaxia (que, por certo, presentamos en Brión o pasado ano).

Un enriquecedor e entretido serán no que compartimos impresións e coñecemos, polo miúdo e de primeira man, unha interesante obra que recomendamos ler a todo o mundo.
Moitas grazas, Charo!


 

martes, 7 de marzo de 2023

Club de lectura: "Retratos en branco e negro" de Charo Pita

Abandonamos o Madrid de finais so S. XIX, descrito maxistralmente por Benito Pérez Galdós nas páxinas da novela “Miau”, para retomar a lectura da man dunha autora galega, a coruñesa Charo Pita, recoñecida escritora e narradora oral.

A lectura escollida para esta ocasión é unha das súas ultimas publicacións da escritora, “Retratos en branco e negro”. Un libro editado por Galaxia en 2022 no que Charo recorre ao xénero literario do relato curto para plasmar retratos fantasmais onde o extraordinario e o cotián, a fotografía e a palabra, o branco e o negro van da man para construír realidades que, dalgún xeito, acaban apuntando á nosa.

Para comentar o libro, reunirémonos o vindeiro 14 de abril ás 20:30 h. na biblioteca municipal. Será un serán moi especial, pois, nesta ocasión, contaremos na xuntanza coa presencia da autora, Charo Pita, que nos acompañará para participar no coloquio e compartir impresións sobre o proceso creativo desta obra.

xoves, 9 de febreiro de 2023

"Miau" de Benito Pérez Galdós, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar “Vivir sen permiso e outras historias de Oeste” de Manuel Rivas, regresamos aos clásicos da man dun dos escritores españois decimonónicos máis recoñecidos, Benito Pérez Galdós.
Nesta ocasión, achegámonos á obra do autor canario a través de “Miau”, unha novela de xénero realista publicada en 1888, onde o autor satiriza o Madrid burocrático de finais del século XIX a partir das vicisitudes vitais do seu protagonista, Ramón Villaamil, un competente exempregado do Ministerio de Hacienda, ao que una serie de intrigas deixaron cesante do seu posto.
Ambientada na época da Restauración monárquica, dúas familias do contorno da Administración del Estado comparten éxitos e fracasos. Nun escenario doméstico entran e saen, ademais de Villaamil: Dona Pura, a súa muller, que desbalda o minguante orzamento familiar e forma coro de inútiles con Milagros, súa irmá, e Abelarda, a apoucada e inestable filla do protagonista. O contrapunto póñeno dous varóns antitéticos: Víctor Cadalso, viúvo, funcionario en ascenso grazas ao seus vicios persoais, e o seu fillo Luisito.
Trala lectura da obra, reunirémonos para comentala o luns 6 de marzo ás 20:00 h. na biblioteca municipal.