mércores, 21 de febreiro de 2024

"A nosa negra" de Harriet E. Wilson, nova lectura do club

Despois da novela de John Banville, “La señora Osmond”, enfrontamos unha nova lectura no club. Nesta ocasión, imos ler a tradución ao galego de ”Our Nig” = “A nosa Negra”, publicada pola editorial compostelá Hugin e Munin. Trátase dunha obra literaria de gran importancia histórica, escrita por Harriet E. Wilson e publicada en 1859. Unha novela que é recoñecida por ser a primeira escrita e publicada por unha muller negra nos Estados Unidos.

A historia que presenta é a de Frado, unha moza mestiza de nai branca e pai afroamericano, que é abandonada pola súa nai e convértese en criada no fogar dunha familia branca en Massachusetts durante o século XIX. A novela é unha mestura de ficción e realidade, e inspírase na novela sentimental, a narrativa de escravos e a narrativa de conversión relixiosa.

A autora, Harriet E. Wilson, que de solteira era Adams, naceu en Milford o 15 de marzo de 1825 e faleceu en Quincy o 28 de xuño de 1900. Tras quedar orfa a unha idade temperá, traballou como "serventa contratada" e máis tarde como empregada doméstica e costureira. 

A novela "A nosa Negra" foi publicada de forma anónima e pasou moito tempo na escuridade ata que foi redescuberta en 1982 polo crítico literario e historiador Henry Louis Gates Jr.

Para comentala reunirémonos o vindeiro 18 de marzo. Como sempre, na biblioteca municipal.


0 comentarios :

Publicar un comentario