xoves, 22 de febreiro de 2024

Carmen Domech iniciou co seu espectáculo contacontos o programa de actividades en honor a Rosalía de Castro do Concello de Brión

Mañá, 23 de febreiro, celebramos o Día de Rosalía, unha data chea de eventos culturais para homenaxear a senlleira figura dunhas das autoras máis destacadas das nosas letras. Unha oportunidade para reflexionar sobre o seu legado literario e cultural, conservalo e promovelo entre as novas xeracións.

A BPM de Brión adiantouse a esta data tan especial organizando una actividade de animación para dar a coñecer ás crianzas a poesía de Rosalía de Castro. Un serán de animación a cargo de Carmen Domech que presentou en Brión o seu espectáculo “Unha rosa cada día: xogando con Rosalía”.

O espectáculo de narración oral con monicreques comezou pouco despois das 18. H. e celebrouse na Sala Municipal de Exposicións. O evento convocou un total de 18 persoas, entre crianzas, nais e pais. Durante aproximadamente 45 min., Carmen achegouse á vida e obra da nosa senlleira escritora e poeta, tan estreitamente vinculada con Brión a través de Bastavales.

Este contacontos abriu a programación especial que o Concello de Brión dedica a Rosalía. O venres, 23 de febreiro, o adro da igrexa parroquial de S. Xiao de Bastavales acollerá un acto homenaxe cunha tradicional Alborada dedicada á poetisa, un recital de poesía coa participación de alumnado do CEIP de Pedrouzos e IES de Brión e unha ofrenda floral. Asemade, varios establecemento hostaleiros de Brión ofrecerán unha degustación do Caldo de Gloria e acompañarán os cafés con tarxetas que reproducen poemas da autora.

Feliz Día de Rosalía!





0 comentarios :

Publicar un comentario