venres, 21 de febreiro de 2025

"El cielo es azul, la tierra blanca" de Hiromi Kawakami, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar co autor a novela “Faneca brava” de Manuel Portas (Xerais, 2013), damos un importante salto espacial, dun xeito metafórico por suposto, para reencontrarnos no club coa literatura xaponesa.

Nesta caso, da man dunha autora como é Hiromi Kawakami, coñecida polo seu estilo evocador e pola súa capacidade para capturar as emocións e relacións humanas de xeito sutil e introspectivo. A súa carreira literaria comezou nos anos 90, e rapidamente acadou recoñecemento pola súa prosa lírica e minimalista, a miúdo cargada de elementos fantásticos ou oníricos.

A obra escollida é “El cielo es azul, la tierra blanca”, onde a autora nos presenta a historia de Tsukiko, unha muller que ten 38 anos e unha vida solitaria. Un día, atopa nunha taberna ao seu vello mestre de xaponés e entre ámbolos establécese un pacto tácito para compartir a soidade.

Cunha prosa sensual e depurada, Kawakami cóntanos unha historia de amor moi especial: o achegamento sutil de dous amantes, con toda a súa íntima beleza, tenrura e profundidade. Todo un descubrimento literario que compartiremos no club de lectura e comentaremos na vindeira xuntanza.

0 comentarios :

Publicar un comentario