luns, 10 de febreiro de 2025

Xosé Vizoso. In memoriam

Este domingo espertamos coa triste nova do repentino falecemento do ilustre veciño de Brión e benquerido amigo Xosé Vizoso. Un home xentil, afable e xeneroso. Un incansable traballador que destacou dende neno polas súas habilidades artísticas que o converterían, da man de Isaac Díaz Pardo, en alma mater da prestixiosa cerámica de Sargadelos.

Ceramista e ilustrador, a súa extensa obra léganos numerosos carteis, ilustración de libros, viñetas, caricaturas, cadros e murais. Neles Vizoso inspírase na nosa tradición e cultura popular para crear o inconfundible estilo que o caracteriza e que o inmortalizou como inigualable ilustrador e deseñador.


Premio Nacional de Cerámica en 1969, o pasado 30 de xaneiro recibiría o que, por desgraza, foi  a súa derradeira homenaxe en vida. A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) dedicoulle o Día da Ilustración 2025, unha efeméride para celebrar a obra deste incansable traballador que sempre levaba un lapis no peto para realizar, cando menos o esperabas, un debuxo, unha caricatura, alí por onde andara.

Nado en Mondoñedo en 1950, Vizoso vivía en Brión dende hai varias décadas, perfectamente integrado na nosa comunidade. Participou en numerosas actividades organizadas polo Concello, como os Encontros coa Arte. Deseñou, desinteresadamente, os carteis da Romaría de Santa Minia dende 2010, a lona do Entroido de Brión, o busto de Roberto Vidal Bolaño, o Premio Laudamuco para Textos Teatrais, varios logotipos e imaxes para asociacións e eventos, etc.

A pegada que Vizoso deixa en Brión é profunda e indeleble. Quen tivo a honra de coñecelo persoalmente, nunca esquecerá a súa inmensa calidade como persoa, o seu agudo sentido do humor e a súa inmensa  xenerosidade. Porque Xosé foi un home bo e xeneroso, amigo dos amigos e amable e próximo con todo o mundo.

Descansa en paz, amigo.

0 comentarios :

Publicar un comentario