O venres 11 de setembro a biblioteca
municipal permanecerá pechada pola tarde.
Desculpen as molestias.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Vizoso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Vizoso. Amosar todas as publicacións

luns, 10 de febreiro de 2025

Xosé Vizoso. In memoriam

Este domingo espertamos coa triste nova do repentino falecemento do ilustre veciño de Brión e benquerido amigo Xosé Vizoso. Un home xentil, afable e xeneroso. Un incansable traballador que destacou dende neno polas súas habilidades artísticas que o converterían, da man de Isaac Díaz Pardo, en alma mater da prestixiosa cerámica de Sargadelos.

Ceramista e ilustrador, a súa extensa obra léganos numerosos carteis, ilustración de libros, viñetas, caricaturas, cadros e murais. Neles Vizoso inspírase na nosa tradición e cultura popular para crear o inconfundible estilo que o caracteriza e que o inmortalizou como inigualable ilustrador e deseñador.


Premio Nacional de Cerámica en 1969, o pasado 30 de xaneiro recibiría o que, por desgraza, foi  a súa derradeira homenaxe en vida. A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) dedicoulle o Día da Ilustración 2025, unha efeméride para celebrar a obra deste incansable traballador que sempre levaba un lapis no peto para realizar, cando menos o esperabas, un debuxo, unha caricatura, alí por onde andara.

Nado en Mondoñedo en 1950, Vizoso vivía en Brión dende hai varias décadas, perfectamente integrado na nosa comunidade. Participou en numerosas actividades organizadas polo Concello, como os Encontros coa Arte. Deseñou, desinteresadamente, os carteis da Romaría de Santa Minia dende 2010, a lona do Entroido de Brión, o busto de Roberto Vidal Bolaño, o Premio Laudamuco para Textos Teatrais, varios logotipos e imaxes para asociacións e eventos, etc.

A pegada que Vizoso deixa en Brión é profunda e indeleble. Quen tivo a honra de coñecelo persoalmente, nunca esquecerá a súa inmensa calidade como persoa, o seu agudo sentido do humor e a súa inmensa  xenerosidade. Porque Xosé foi un home bo e xeneroso, amigo dos amigos e amable e próximo con todo o mundo.

Descansa en paz, amigo.

martes, 21 de xaneiro de 2025

Narración oral, música e ilustración para render homenexe a Vizoso no Día da Ilustración

O día 30 de xaneiro celebramos o Día da Ilustración, unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Xunta de Galicia na que se homenaxea a unha destacada figura da ilustración en Galicia.

Este ano, por primeira vez, renderase merecido recoñecemento a unha persoa en vida. O elixido non é outro que o veciño de Brión e amigo Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950). Por iso, dende a biblioteca municipal queremos convidar as crianzas brionesas a participar nunha actividade de narración oral, con música e ilustración en vivo, para homenaxear a este destacado ceramista e ilustrador.

Nela descubriremos a biografía de Vizoso, o seu legado artístico e as ligazóns que o unen ao noso Concello. Simultaneamente, un ilustrador realizaría un mural relacionado que ilustrará os contidos deste serán tan especial.

Se desexas participar, anota na túa axenda esta data: venres 7 de febreiro ás 18:00 h. O acceso é de balde ata completar a capacidade da Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). Se o desexas, podes inscribirte na actividade a través deste formulario.

Se queres coñecer máis sobre a vida e obra deste autor, veciño ilustre de Brión, non dubides en participar e pasar un divertido serán cos amigos de Polo Correo do Vento.

O Día da Ilustración 2025, dedicado a Xosé Vizoso

O 30 de xaneiro, data de nacemento de Castelao, celebramos o Día da Ilustración. Unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Xunta de Galicia. Cada ano homenaxéase a unha destacada figura da ilustración en Galicia. Este ano, por primeira vez, renderase merecido recoñecemento a unha persoa en vida. O elixido non é outro que o veciño de Brión e amigo Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950).

Un destacado profesional cunha longa traxectoria como deseñador e ceramista, ademais dunha importante produción como ilustrador. En 1968 recibiu o Premio Nacional de Escultura e na súa carreira profesional destacan os corenta anos como deseñador da cerámica de Sargadelos. A súa obra caracterízase por un estilo profundamente ligado á cultura e ás tradicións galegas. Entre os seus traballos máis recentes destaca a creación do cartel do centenario do Celta de Vigo.

A biblioteca municipal desexa facer a súa humilde homenaxe ao gran Xosé Vizoso. Será por medio dunha mostra bibliográfica e de carteis que ilustran a evolución dun artista plástico polo que sentimos grande aprecio e admiración no Concello.

Dende o 27 de xaneiro, tódalas persoas que se acheguen ao centro poderán visitar a exposición e marchar levando como agasallo un marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro, deseñado por Xosé Vizoso para conmemorar o 23 de febreiro, día do nacemento da poetisa.