O 30 de xaneiro, data de nacemento de Castelao, celebramos o Día da Ilustración. Unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Xunta de Galicia. Cada ano homenaxéase a unha destacada figura da ilustración en Galicia. Este ano, por primeira vez, renderase merecido recoñecemento a unha persoa en vida. O elixido non é outro que o veciño de Brión e amigo Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950).
Un destacado profesional cunha longa traxectoria como deseñador e ceramista, ademais dunha importante produción como ilustrador. En 1968 recibiu o Premio Nacional de Escultura e na súa carreira profesional destacan os corenta anos como deseñador da cerámica de Sargadelos. A súa obra caracterízase por un estilo profundamente ligado á cultura e ás tradicións galegas. Entre os seus traballos máis recentes destaca a creación do cartel do centenario do Celta de Vigo.
A biblioteca municipal desexa facer a súa humilde homenaxe ao gran Xosé Vizoso. Será por medio dunha mostra bibliográfica e de carteis que ilustran a evolución dun artista plástico polo que sentimos grande aprecio e admiración no Concello.
Dende o 27 de xaneiro, tódalas persoas que se acheguen ao centro poderán visitar a exposición e marchar levando como agasallo un marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro, deseñado por Xosé Vizoso para conmemorar o 23 de febreiro, día do nacemento da poetisa.
0 comentarios :
Publicar un comentario