xoves, 27 de febreiro de 2025

Introcución á escrita creativa: un obradoiro con Gisele Mato para celebrar o Día da Poesía e o Día do Teatro en marzo

No mes que comeza, celebramos dúas datas enormemente significativas relacionadas coa literatura: o Día da Poesía, 21 de marzo, e o Día do Teatro, o 27 de marzo. Aproveitando estas efemérides, dende a biblioteca municipal desexamos convidar a toda a cidadanía a participar nun obradoiro de creación literaria dirixido a persoas maiores de 18 anos.
Baixo a denominación “Introdución á escrita creativa”, a actividade vai ofrecer un espazo de aprendizaxe e experimentación no que as persoas interesadas en escribir poden mellorar as súas habilidades, compartir e recibir comentarios das súas creacións. Este interesante serán será impartido por Gisele Mato, psicóloga e escritora, que comezou a escribir dende moi nova, acadando coa súa obra recoñecementos como o Premio de Poesía Pérez Parallé en 2022 ou o Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía en 2024.

Requirimentos para participar

Para participar no obradoiro só será preciso ser maior de idade e ter interese na creación literaria. Unicamente precisas dun caderno e lapis e poderás ter ou non experiencia previa.
A actividade é totalmente de balde. Será preciso realizar unha inscrición previa a través deste formulario. Se o prefires, tamén podes porte en contacto coa biblioteca municipal a través dos medios habituais, ben sexa para recibir máis información ou anotarte na actividade.


 

0 comentarios :

Publicar un comentario