A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, únese ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.
Baixo o lema, “Para TODAS as mulleres e nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento”, Nacións Unidas convídanos a todas e a todos a reivindicar a ampliación da igualdade de dereitos, o poder e as oportunidades para todas, cun futuro feminista no que ninguén fique atrás.
Ademais, este ano é o 30º aniversario da Declaración de Beijing, un documento esencial no avance da igualdade de xénero que conseguiu moito desde a súa adopción en campos como a protección xurídica, o acceso a servizos, a participación das mulleres e os cambios en normas sociais, ideas e estereotipos enquistados no pasado.
A biblioteca municipal celebra a igualdade todo o ano
A temática feminista e de igualdade están sempre presentes no centro de interese permanente que ten a biblioteca. Un punto que se actualiza constantemente con novas obras e que podes visitar en calquera momento do ano.
Nestas datas, a través das redes sociais da biblioteca, regresan as “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”. Un proxecto de difusión que comparte en liña imaxes do arquivo de fotografías antigas, todas elas de temática vencellada ao 8M Día Internacional da Muller. Como novidade, este ano incorporamos Threads ao proxecto, que tamén se poderá seguir no Facebook e no Instagram da biblioteca.
Feliz 8M!, Día Internacional da Muller e da Nena.
0 comentarios :
Publicar un comentario