Despois de rematar co libro de Marilar Aleixandre, afrontamos unha nova lectura no club, agora da man do autor grego-sueco Theodor Kallifatides. Un escritor que nos resulta familiar por ter lido hai algún tempo “Otra vida por vivir”, unha novela que, precisamente, antecede na súa bibliografía a “El asedio de Troya”, o título que agora escollemos para ler e comentar.
“El asedio de Troya” é, por dicilo rápido, unha reformulación da “Ilíada”, na versión que unha profesora conta aos seus alumnos en 1945, para entretelos dos bombardeos ingleses sobre a súa pequena vila grega, invadida dende 1941 polos alemáns. É tamén a obra na que regresa á escrita en lingua sueca despois de empregar o grego na súa anterior obra, aínda que mantendo o vínculo co país heleno na temática.
Theodor Kallifatides é un autor sueco de orixe grega. Cando crianza, trasladouse cos seus pais a Atenas en 1956 e logo emigrou a Suecia en 1964 na procura de traballo. Alí adaptouse ao xeito de vida nórdico e axiña dominou o sueco, o que lle permitiu retomar os seus estudos e converterse nun afamado escritor na lingua escandinava traducido a máis de vinte idiomas.