Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 20 de decembro de 2019

Lembranza importante: Solucionada a avaría na calefacción da biblioteca municipal [Editado]

Debido a unha avaría grave na caldeira do edificio, estivemos varios días sen calefacción nas instalación da biblioteca. Un serio inconveniente , especialmente nesta época do ano, que supuxo unha grave incomodidade para todos os usuarios e todas as usuarias do servizo, especialmente para aquelas persoas que se achegan ata a biblioteca municipal para estudar ou realizar tarefas.

O problema solucionouse este serán, e a calefacción volve a estar operativa. Salvo algunha outra complicación, esperamos volver a normalidade axiña.

Moitas grazas pola vosa compresión e boas festas.

Felices Festas e venturoso Aninovo

Dende a B.P.M. de Brión queremos desexar a todas as nosas usuarias e a todos os nosos usuarios unhas felices festas e un venturoso Aninovo cheo de boas lecturas.
Unha mensaxe que facemos extensible a toda a cidadanía, cos nosos mellores desexos e unha sincera vocación de prestar uns servizos bibliotecarios de calidade un ano máis.

Felices Festas!




martes, 10 de decembro de 2019

XXIV Festival de Títeres: os monicreques regresan a Brión polo Nadal

Os monicreques regresan a Brión en Aninovo para celebrar con todas as crianzas do concello as festas de Nadal cunha nova edición do tradicional Festival de Títeres. Un evento que celebra o seu vinte e catro aniversario presentando no Centro Social Polivalente dous espectáculos teatrais onde os protagonistas son os monifates.

Xoves, día 2 de xaneiro:

"A Xanela do Maxín" presentará a obra “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”. Unha divertida obra dirixida a crianzas dende os dous anos de idade baseada no álbum ilustrado do mesmo título publicado por Kalandraka, ideado por Werner Holzwarth e Wolf Erlbruch.

Unha montaxe a cargo de Celtia Figueiras e Luís Vallecillo, con monicreques de Marcelo Fernández, onde unha toupiña percorrerá a granxa investigando, moi indignada, cal dos animais lle deixou un cheirento pucho sobre a testa. Unha obra simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa pequena toupa, ferida no seu orgullo.

Venres, día 3 de xaneiro:

A compañía valenciana de teatro e títeres “Xarop Teatre” presentará “Los primeros burritos” , un espectáculo a cargo de Carles Benlliure e Rebeca Castro. Nel Dorian, un burro novo que vive a vida cunha inmensa curiosidade e inocencia, pasta e corre na súa pradería xunto con toda a súa familia. Pep, un león que é cazado mentres dorme e metido nunha gaiola de circo. Ningún dos dous alcanzouse a imaxinar o que ía pasar. Un día chegan os humanos, aos burros e ao león cámbialles a vida para sempre.

Ámbalas función terán lugar no espazo multiusos do Centro Social Polivalente a partir das 17:00 h. A entrada será de balde ata completar o aforo do local.

luns, 9 de decembro de 2019

Horario da biblioteca no Nadal

A biblioteca pública municipal de Brión vai modificar o seu horario de apertura nestas tan sinaladas datas. 

Ademais dos días festivos, 25 de decembro e 1 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os sábados 28 de decembro e 4 de xaneiro. Tamén os días 24 e 31 de decembro.

Do 23 de decembro e ata o 7 de xaneiro, o horario de apertura de luns a venres será como segue:

     - Mañás, de 10:00 a 13:30 h.
     - Tardes, de 16:00 a 20:00 h.

  Moitas grazas e desculpen as molestias.
FELICES FESTAS E VENTUROSO 2020!!

luns, 2 de decembro de 2019

Lembranza: O sábado 7 de decembro a biblioteca permanecerá pechada

Informamos ás nosas usuarias e aos nosos usuarios que o vindeiro sábado, 7 de decembro, a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Desculpen as molestias ocasionadas e moitas grazas pola comprensión.

venres, 29 de novembro de 2019

"Un árbol crece en Brooklyn" de Betty Smith, vindeira lectura do club

Despois do “O último barco” de Domingo Villar, deixamos atrás os peiraos de Vigo para poñer rumbo a través do océano ata a cidade de New York. Unha longa travesía que nos transportará cara a outro tempo e outro lugar. Concretamente a un coñecido barrio neoiorquino onde descubriremos a historia dunha nena intelixente obsesionada pola lectura que vive nos anos vinte do pasado século.

Falamos da novela “Un árbol crece en Brooklyn” da autora norteamericana Betty Smith, que ten coma protagonista a Francie Nolan, unha rapariga que vive coa súa familia acompañada polos seus libros. Coñeceremos así aos seus pais, ao seu irmán e á entrañable tía Sissy, que usa aos homes para aplacar os seus instintos maternais. Francie medra rodeada dos libros que tanto lle gustan e pronto empeza a preguntar e a pedirlle á vida algo máis que un triste acomodo na mediocridade.

Un libro publicado en 1943 que acadou un enorme éxito que catapultou á fama internacional a súa autora. Para comentar esta obra reunirémonos o vindeiro día 19 de decembro ás 20:30 h. Como de costume, celebraramos a xuntanza na biblioteca municipal.

mércores, 27 de novembro de 2019

Iriña bailarina: un serán de animación a prol da igualdade en Brión

O sábado 30 de novembro Teatro dos Ghazafellos presenta en Brión “Iriña bailarina”, un serán de narración oral dramatizada baseado no álbum ilustrado do mesmo título creado por Cristina Justo e Paloma Rodríguez, con ilustracións de Spela Trobec, e editado por Embora dentro da colección “A igualdade conta”.

“Iriña bailarina” presenta a historia dunha bailarina de caixa de música e dun moneco de futbolín que queren cambiar de vida e que nos mostran que é posible mudar roles e romper cos estereotipos de xénero. Ghazafelhos e María Canosa propóñennos reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais.

A sesión, dirixida a público familiar, celebrarase na Sala Municipal de Exposicións de Brión ás 12:00 h., con entrada de balde ata completar aforo. O espectáculo conta co patrocinio da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

venres, 15 de novembro de 2019

Contra as violencias, Brión en negro

O día 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha efeméride que conmemoramos anualmente para denunciar a violencia que se exerce contra as mulleres, asemade que reclamamos políticas gobernamentais e compromiso social para a súa erradicación. 

De igual xeito que o fixera en 2018, o Concello de Brión súmase a esa iniciativa e desexa convidar a toda a cidadanía a que participe asumindo un papel activo na loita contra este arrepío que é a violencia contra as mulleres. 

Dende este centro queremos difundir o compromiso desta institución contra calquera tipo de violencia machista. Para facelo, desexamos difundir o manifesto institucional que ven de publicar o Concello de Brión na súa páxina web oficial, un documento que poderás consultar premendo na seguinte ligazón

Unha soa voz, todas e todos proclamándoo ao unísono, os 365 do ano e as 24 horas do día. Aínda que o visualizaremos de xeito especial o vindeiro día 30 de novembro unha gran concentración que terá lugar ás 10:00 h. na Carballeira de Santa Minia, e que culminará coa celebración dunha “Andaina contra a violencia”, na que nos xuntamos, non os políticos nin os xuíces, senón toda a cidadanía de Brión.


venres, 8 de novembro de 2019

VI Concurso de guións contra a violencia de xénero organizado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación de A Coruña convócase por sexto ano consecutivo o Concurso de guións contra a violencia de Xénero. O obxecto do certame é elaborar un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención da violencia económica como forma de control e dominación.

Preténdese que a través da elaboración do guión a poboación adolescente cree debate, mobilización, fomente a súa creatividade mentres reflexionan sobre a violencia económica que inclúe a limitación ou privación intencionada e non xustificada de recursos para o benestar físico ou psicolóxico das mulleres e dos seus fillos e fillas ou persoas que delas dependen, reflexionen sobre a prohibición para traballar de forma remunerada, ameazas continuadas sobre aspectos económicos, discriminación no emprego e acceso aos recursos ou bens materiais compartidos no ámbito da convivencia ou sobre a fenda salarial existente na sociedade onde as mulleres perciben menores ingresos por iguais traballos ou peores condicións laborais.

Poderán participar todas as persoas físicas con idades comprendidas entre 12 e 18 anos, que cursen educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou outro tipo de formación análoga.

A convocatoria tramitarase de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL) e será o centro o encargado de presentar a candidatura.

Prazo de presentación: 11 de decembro ás 14h.

Pódense consultar as bases completas no BOP nº 211 do 6 de novembro de 2019.


Iniciamos con Domingo Villar unha nova xeira do club de lectura

Iniciamos unha nova xeira do club de lectura da biblioteca municipal. Unha actividade na que de xeito periódico poñemos en común experiencias lectoras arredor dunha obra literaria escollida para a ocasión.

Para iniciar esta temporada o autor elixido foi o vigués Domingo Villar, un escritor de éxito consolidado que este ano presentou a continuación da súa popular saga policial traducida a máis de 15 idiomas. Falamos de “O último barco”, unha novela de intriga que recupera ao comisario Leo Caldas e ao seu axudante, o impetuoso Rafael Estévez, protagonistas das aclamadas “Ollos de auga” e “A praia dos afogados”.

Na terceira entrega da serie, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a unha comida familiar na fin de semana nin acudiu o luns a impartir a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios. E aínda que nada pareza ter alterado a casa nin a vida de Mónica Andrade, Leo Caldas axiña comprobará que, na vida coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de devastadoras correntes.

Con esta novela, Domingo Villar volve a transportarnos á ría de Vigo e introdúcenos nunha extensa narración que logra enganchar ao lector dende un principio. Para comentala reunirémonos o vindeiro 28 de novembro na biblioteca municipal.

Se estás interesada/o en unirte ao club, aínda estás a tempo. Só precisas contactar coa biblioteca a través do seu correo electrónico ou chamando pola tarde ao teléfono 981 50 99 69. Recibirás sen compromiso toda a información sobre a actividade e o seu funcionamento.

sábado, 26 de outubro de 2019

O concello de Brión convoca o II Premio Laudamuco para textos teatrais

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, veñen de convocar o II Premio “Laudamuco” para textos teatrais, un certame literario dotado con 7000 € e a edición da obra gañadora por Edicións Positivas. O prazo para a presentación dos textos rematará o 14 de febreiro de 2020 e poderán concorrer autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, escrita en lingua galega. O tema e a extensión das obras son libres.

O Concello de Brión anunciou a convocatoria deste concurso no mesmo acto no que se presentou o libro Roberto Vidal Bolaño. "Unha poética teatral xenuinamente galega", de Manuel Quintáns. Este galardón toma o nome da obra “Laudamuco, señor de ningures”, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía “Antroido”, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.

Ligazón coas bases de participación.

venres, 25 de outubro de 2019

Trémola Teatro pecha a programación da semana das bibliotecas cun contacontos

Para rematar a semana na que celebramos o Día das bibliotecas, o venres 25 de outubro Trémola Teatro presentou en Brión o seu espectáculo “1, 2, 3!, a que non me ves?: en busca dos monstros”.

Un serán de narración oral dirixido a crianzas de 3 a 7 anos de idade que fala dos medos infantís e a súa superación. Porque aínda que a protagonista da historia nunca viu diante un mostro, tenlles moito medo. Por iso decide que, cando sexa maior, converterase nunha audaz exploradora e irá na súa procura. É diso falan as diferentes historias deste contacontos, que nos guían por diferentes países, para deixar de terlles medo.

A sesión de animación comezou as 18:00 h. e celebrouse na Sala Municipal de Exposicións de Brión. Un espazo que desta vez acolleu a 65 persoas, entre público infantil e adulto. Todas e todos gozaron cunha actividade que contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.


xoves, 24 de outubro de 2019

"Estrafalaria" , un serán de animación para celebrar o Día das bibliotecas en Brión

Para conmemorar o Día das bibliotecas, unha destacada efeméride que celebramos o 24 de outubro, a BPM de Brión organizou, co patrocinio do programa Ler conta moito e o apoio de Pacto de estado contra la violencia de género, un serán de animación dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos.

O espectáculo escollido para a ocasión foi “Estrafalaria”, unha sesión de narración oral a cargo de Xarope Tulú que fala das “rarezas” de Alicia, unha meniña que le todo canto cae nas súas mans. Unha nena con amigas raras, segundo a súa avoa; aínda que ela sempre pensou que ser rara é moi relativo.

A representación, que tivo lugar na Sala Municipal de Exposicións, comezou ás 19:00 h. Durante aproximadamente cincuenta minutos, unhas setenta e cinco persoas, entre crianzas e adultos acompañantes, gozaron dun entretido serán que gustou por igual a pequenos e grandes.


Presentación en Brión dun novo libro sobre Roberto Vidal Bolaño


Dentro das actividades organizadas pola biblioteca e o Departamento de Cultura municipais para conmemorar o 24 de outubro, Día das bibliotecas, o mércores 23 celebrouse en Brión o acto de presentación do libro “Roberto Vidal Bolaño: unha poética teatral xenuinamente galega” escrito polo profesor Manuel Quintáns.

O serán literario foi presidido polo propio autor que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo. En representación do goberno local, non faltou José Luís García, alcalde do Concello de Brión.

O acto, ao que asistiu un numeroso público, celebrouse na Sala Municipal de Exposicións. Todas e todos os asistentes foron agasallados cun exemplar da obra do profesor Quintáns, un interesante ensaio dividido en catro partes centrado na vida e obra dun dos máis destacados dramaturgos galegos de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño. 

O evento tamén serviu de plataforma de lanzamento para o "II Premio Laudamuco para textos teatrais", un certame literario ao que poderán optar autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, escrita en lingua galega. Poderán presentar os textos, conforme as bases publicadas na páxina oficial do Concello, ata o día 14 de febreiro de 2020.

Manuel Quintáns foi profesor de Lingua e Literatura e actualmente é colaborador do Centro Ramón Piñeiro. Ensaísta, narrador, investigador e tradutor, Manuel é autor de numerosas monografías e estudos, entre as que se contan os estudos introdutorias de varias obras de Roberto Vidal Bolaño.

martes, 22 de outubro de 2019

O Club Camaléon inicia nova temporada

Por fin chegou o momento esperado: o sábado 9 de novembro iniciaremos unha nova temporada no Club Camaleón. Un proxecto de animación á lectura e normalización lingüística que vai desenvolverse todos os sábados do mes na biblioteca municipal de Brión coa axuda e colaboración dos amigos de Mancuco Animación.

Desta xeira, o Superlectoriño cede o paso a dous entrañables personaxes, a vella do Peto e o vello Sofío que nos van guiar nunha emotiva andaina entre libros e lecturas. Porque no Concello de Brión reside moita xente maior á que o paso do tempo foi enriquecendo en experiencia de vida, converténdoos en persoas moi valiosas con moitísimos recursos para compartir.

Entre elas destacan dúas, a vella do Peto que é unha anciá que vive soa. É tan maior que ninguén sabe os anos que ten. No seu inseparable mandil ten moitos petos dos que saca cousas estrañas, curiosas e ata abraiantes, algunhas delas máxicas. É moi boa e doce coas crianzas.

O vello Sofío non hai libro que non lera. Sabe centos (ou incluso miles) de contos e lendas; é moi sabio, como o seu propio nome indica. Coñece á vella do Peto dende hai moito, pero que moito tempo. Contan algúns que tentaron mocear alá por aquel entón.

Cunha misteriosa manta máxica e coa axuda das nenas e dos nenas de Brión, viaxarán a través do tempo para coñecer a escritoras e escritores e vivir aventuras relacionadas co mundo dos libros, tratando de descubrir que lle aconteceu ao Superlectoriño e a “Os aliados contra o cuarto inimigo”, pois desapareceron sen deixar rastro.

Unha vez máis, da man dos amigos de Mancuco Animación, o club Camaleón estará dirixido a crianzas de 3 a 8 anos e proporá diversas actividades:

- Dinámicas de grupo e xogos de presentación coa linguaxe e as palabras.

- Obradoiros creativos.

- Xogos activos de exterior.

- Lecturas colectivas de libros.

- Charlas formativas sobre as bibliotecas e o seu funcionamento.

- Obradoiros: escritura creativa, banda deseñada, encadernación (como se fai un libro), creación de personaxes.

- Achegamento a outras culturas e lugares xeográficos.

- Sexamos xornalistas: creación dunha revista e un xornal.

- Visitas culturais, de escritores.

- Achegamento ao mundo da dramaturxia con monicreques.

Se estás interesada/o en participar nesta nova xeira do club, ata o día 31 de outubro poderás inscribirte de balde na actividade. Para facelo só debes dirixirte a BPM de Brión ou chamar en horario de tarde (de 16:00 a 22:00 h.). Celebraremos a actividade todos os sábados na biblioteca municipal de Brión a partir das 11:30 e ata as 12:45 h. (aprox.).

mércores, 16 de outubro de 2019

Celebra connosco o 24 de outubro, Día das bibliotecas

O día 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca, unha efeméride impulsada dende 1997 pola “Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil”, e que no noso país se dedica especialmente ao público infantil e mozo. Unha iniciativa na procura de trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como punto de encontro de lectores de todas as idades coa cultura, e coma un instrumento de mellora da formación e convivencia.

Coincidindo con esta data tan especial, e ao longo da semana do 21 ao 25 de outubro, a B.P.M. de Brión quere convidarte a varias actividades. A primeira delas vai ser a presentación en Brión do libro do profesor Manuel Quintáns, “Roberto Vidal Bolaño: unha poética teatral xenuinamente galega”, publicado pola Secretaría xeral de Política Lingüística. Esta obra vai ser presentada o vindeiro 23 de outubro ás 20:00 h. na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Brión. O acto contará coa presenza do autor, que estará acompañado por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro e José Luís García, alcalde do Concello de Brión. Como colofón, procederase coa presentación do II Premio Laudamuco para textos teatrais que, un ano máis, promoverá a creación de textos dramáticos na nosa lingua.

O 24 de outubro, e coincidindo co Día da biblioteca, a compañía Xarope Tulú achegará a Brión un serán de animación a prol da igualdade, especialmente dirixido a crianzas de 3 a 10 anos de idade. Referímonos a “Estrafalaria”, un espectáculo que comezará ás 19:00 h. na Sala Municipal de Exposicións, con entrada libre ata completar o aforo. O serán conta co apoio do programa Ler conta moito de do Pacto de Estado contra la violencia de género.

Para rematar a semana, o venres 25, o mencionado espazo acollerá outro serán de narración oral a cargo de Trémola Teatro que presentará o espectáculo “1!2!3! A que non o ves?”, unha sesión contacontos dirixida a crianzas de 3 a 7 anos de idade. Será ás 18:00 h., con entrada de balde ata completar aforo. Esta actividade conta co patrocinio do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

martes, 15 de outubro de 2019

Presentación en Brión dun novo libro sobre Roberto Vidal Bolaño

De moitos/as é coñecida a especial vinculación de Roberto Vidal Bolaño con Brión. Lugar onde residiu os derradeiros anos da súa vida e clara inspiración creativa para algunha das súas obras, como a celebrada “Animaliños”.

Brión rendeu tributo a este ilustre veciño a través de diferentes homenaxes. Un dos primeiros celebrouse en xuño de 2013 no transcurso do VIII Encontro coa Arte, dedicado a esta destacada figura da dramaturxia galega. Un busto de bronce, obra do artista plástico Xosé Vizoso, converteuse nun dos referentes arquitectónicos da Carballeira de Santa Minia.

Coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convocou a finais de 2018, o Iº Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais. Un certame literario que vai ter continuidade cunha segunda edición.

Esta estreita vinculación é o motivo de que Brión sexa o lugar elixido para a presentación duns dos últimos estudos dedicados á vida e obra do dramaturgo compostelán. Trátase do libro “Roberto Vidal Bolaño: unha poética teatral xenuinamente galega” escrito polo profesor Manuel Quintáns e publicado pola Secretaría xeral de Política Lingüística. Esta obra vai ser presentada o vindeiro 23 de outubro ás 20:00 h. na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Brión.

No acto, ao que está invitada toda a veciñanza, participarán, ademais do propio autor, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro e José Luís García, alcalde do Concello de Brión. Como colofón, procederase coa presentación do II Premio Laudamuco para textos teatrais que, un ano máis, promoverá a creación de textos dramáticos na nosa lingua.

luns, 14 de outubro de 2019

Dous novos seráns de narración oral para celebrar o Día da Biblioteca


O 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca. Co gallo desta efeméride tan especial, a BPM de Brión convida a todas as crianzas a participar nun par de actividades de animación, organizadas por este centro co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A primeira delas celebrarase o xoves 24 ás 19:00 h. na Sala Municipal de Exposicións. A compañía Xarope Tulú achegará a Brión un serán de animación a prol da igualdade, especialmente dirixido a crianzas de 3 a 10 anos de idade. Referímonos a “Estrafalaria”, un espectáculo que fala das “rarezas” de Alicia, unha meniña que le todo canto cae nas súas mans. Unha nena con amigas raras, segundo a súa avoa; aínda que ela sempre pensou que ser rara é moi relativo. Ven a coñecela, e a escoitar as súas rarezas.

O venres 25, ás 18:00 h., a Sala de Exposicións acollerá outro serán de narración oral a cargo de Trémola Teatro que presentará o espectáculo “1!2!3! A que non o ves?”, unha sesión contacontos dirixida a crianzas de 3 a 7 anos de idade. Durante aproximadamente 45 minutos, recorreremos distintos países e coñecermos diferentes historias mentres aprenderemos a deixar de terlles medo aos monstros.

Ámbolos espectáculos serán de entrada libre ata completar aforo.

venres, 11 de outubro de 2019

As historias con maxia de Javier Muro na biblioteca de Brión

A Sala Municipal de Exposicións acolleu este venres, 11 de outubro, unha nova actividade de animación organizada pola biblioteca municipal de Brión. Dentro do outono cultural, e como anticipo da celebración do 24 de outubro, Día das Bibliotecas, o artista Javier Muro presentou “O neno que quería ser mago”, un espectáculo de narración oral que mesturou maxia e fantasía para divertir e espertar nas crianzas o interese polo libro e a lectura.

O serán de animación comezou, como ven sendo costume nas actividades da biblioteca, ás 18:00 h., prolongándose aproximadamente durante unha hora. Dirixido especialmente a nenas e nenos maiores de 5 anos, e con entrada libre ata completar o aforo da sala, o espectáculo contacontos tivo un gran poder de convocatoria, cunha asistencia que superou amplamente o cento de persoas, entre crianzas e acompañantes adultos.

Todo un éxito de participación para unha actividade que contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.



xoves, 10 de outubro de 2019

Soledad Felloza trouxo ata Brión as súas "Bolboretas"

A biblioteca municipal de Brión presentou na Sala Municipal de Exposicións un entretido serán de animación a cargo da animadora Soledad Felloza. Baixo a denominación de “Bolboretas”, Sole presentou unha sesión de animación chea de historias para nenos e nenas que soñan e medran en igualdade.

A actividade, que comezou ás 19:00 h., convocou no mencionado espazo arredor de cincuenta persoas, entre crianzas e adultos acompañantes. Todos gozaron coas historias de Sole e os libros que carga na súa inseparable maleta viaxeira. Historias de nenas e nenos que voan alto para amosar un mundo sen violencias onde a igualdade é posible.

Esta actividade contou co patrocinio do programa Ler conta moito-Igualdade e violencia de xénero, da Rede de Bibliotecas de Galicia e co apoio do Pacto de Estado contra la violencia de género.

 

sábado, 5 de outubro de 2019

Sole Felloza presenta en Brión o espectáculo "Bolboretas"

En outubro, a B.P.M. de Brión convida ás súas usuarias e aos seus usuarios máis pequenas e pequenos a participar en varias actividades de animación para celebrar a igualdade e loitar contra a violencia de xénero. Uns seráns que contan co patrocinio do programa Ler conta moito-Igualdade e violencia de xénero, da Rede de Bibliotecas de Galicia e co apoio do Pacto de Estado contra la violencia de género.

O xoves 10 de outubro visitará Brión Sole Felloza que presentará na Sala Municipal de Exposicións o espectáculo “Bolboretas”, un serán lúdico cheo de historias que falan diferente para nenas e nenos que soñan e medran en igualdade. Comezará as 19:00 h. e está recomendado para crianzas de 4 a 12 anos de idade. O acceso será de balde ata completar o aforo sa sala.

"O neno que quería ser mago" con Javier Muro

Co gallo do Outono Cultural a biblioteca municipal vai organizar o venres 11 de outubro un serán de animación a cargo de Javier Muro que presentará en Brión o espectáculo “O neno que quería ser mago”.

Trátase dun contacontos que narra, a través do teatro e a maxia, como un neno quere converterse en mago despois de ver un espectáculo de circo. Fantasía e maxia mestúranse para facer gozar ás crianzas dun intre moi agradable, transmitindo emocións que fai que os nenos o vivan como reais.

O serán comezará ás 18:00 h. e prolongarase durante aproximadamente 50 min. Está dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos de idade, con entrada libre ata completar o aforo da Sala Municipal de Exposicións.

Esta actividade conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

venres, 4 de outubro de 2019

Maxía en Brión para celebrar a igualdade con Ian & Elisa

Maxia para celebrar a igualdade e concienciar da importancia de loitar contra a violencia de xénero, esta é a principal premisa do espectáculo que os artistas Ian & Elisa presentaron en Brión o día 4 de outubro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións.

Falamos de “Somos iguais na maxia”, un serán de animación para transmitir ás crianzas os valores e a importancia da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Organizado pola biblioteca municipal co patrocinio do programa Ler conta moito-Igualdade da Rede de Bibliotecas de Galicia, o espectáculo resultou un rotundo éxito, cunha asistencia de público que superou o cento de persoas, sumando crianzas e acompañantes adultos.




venres, 20 de setembro de 2019

As crianzas de Brión cantaron con Luís Vallecillo

Co gallo da volta á escola, e para facela un pouco máis lene a todas as nenas e todos os nenos de Brión, a biblioteca municipal organizou un serán musical a cargo de Luís Vallecillo, que presentou o seu espectáculo “Cantamos?”, unha entretida proposta de animación chea de divertidos números musicais de aire rock e blues en lingua galega para cantar, bailar, brincar e soñar.

Celebrado na Sala Municipal de Exposicións, espazo polivalente onde a biblioteca organiza habitualmente as súas actividades de dinamización, a sesión reuniu a máis de cincuenta participantes, entre crianzas e adultos acompañantes. Uns e outros cantaron e bailaron ao ritmo da musica de Luís, con cancións que aparecen recollidas no libro-disco do mesmo título editado por Guindastre Edicións.

Esta actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta Moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.



martes, 17 de setembro de 2019

Romaría de Santa Minia 2019. Horario da biblioteca [Editado]


Con motivo da celebración da Romaría de Santa Minia, a BPM de Brión modificará o seu funcionamento habitual entre os días 23 e 28 de setembro.
 Unha alteración que obedece á programación de eventos festivos que vai desenvolverse na Carballeira de Santa Minia con motivo desta popular festa.
 Por tal motivo, os días 26, 27 e 28 de setembro, a biblioteca permanecerá pechada.
 Os días 23, 24 e 25 de setembro a biblioteca abrirá as súas portas no seguinte horario:

Mañás: 09:00 a 13:00 h.
Tardes: 16:00 a 20:00 h.

Moitas grazas. Desculpen as molestias.

Somos iguais na maxia, un espectáculo pola igualdade

No mes de outubro a B.P.M. de Brión propón ás súas usuarias e aos seus usuarios máis pequenas e pequenos unha serie de actividades de animación para, entre todas e todos, celebrar a igualdade e concienciarnos da importancia de loitar contra a violencia de xénero. Uns seráns que contan co patrocinio do programa Ler conta moito-Igualdade e violencia de xénero, da Rede de Bibliotecas de Galicia.

O primeiro dos espectáculos programados vai celebrarse o venres 4 de outubro ás 18:00 h. A Sala Municipal de Exposicións acollerá ao dúo artístico Ian & Elisa que presentarán en Brión un serán de animación para, a través da maxia, transmitir os valores e a importancia da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Dun xeito ameno e metafórico, as crianzas entenderán a necesidade de cambio rompendo coa sociedade patriarcal.

Cunha duración de aproximadamente cincuenta minutos e baixo a denominación de "Somos iguais na maxia", o espectáculo está dirixido a nenas e nenos, rapazas e rapaces de catro a dezaseis anos de idade. A entrada será de balde ata completar o aforo.

luns, 16 de setembro de 2019

As ondas de Radio Bulebule chegan a Brión

O venres 13 de setembro, ás 18:00 h., a Sala Municipal de Exposicións acolleu o espectáculo de animación “Radio Bulebule”; unha montaxe inspirada no libro-disco do mesmo título, publicado pola editorial Kalandraka e ilustrado por David Pintor, dirixido a crianzas de 5 a 11 anos de idade.

O serán musical estivo a cargo do coñecido artista Paco Nogueiras. Durante aproximadamente unha hora, Paco presentou unha emisora de radio moi especial onde todo o universo é música, humor, baile e cancións.

A sesión celebrouse na Sala de Exposicións de Brión, un espazo situado na Casa da Cultura que a biblioteca municipal utiliza como salón multiusos para organizar este tipo de eventos. O éxito de participación na actividade foi grande, cunha asistencia total que se achegou ao cento de persoas, sumando crianzas e adultos acompañantes.

Esta actividade, organizada pola biblioteca municipal de Brión , contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.



martes, 3 de setembro de 2019

Horario de verán da biblioteca: mes de setembro

No mes de setembro a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.
Dende o 2 e ata o 15 de setembro, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:
Días 2-6 de setembro: 
Luns a venres: 
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.

Do 9 ao 13 de setembro:
Luns a venres:
Mañás: de 08:30 a 14:30 horas.

Os sábados 7 e 14 de setembro, a biblioteca permanecerá pechada.

A partires do día 16 de setembro, o centro recuperará o seu horario habitual.

mércores, 24 de xullo de 2019

Horario de verán da biblioteca: mes de agosto

No mes de agosto a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.
Dende o xoves 1 e ata o mércores 14 de agosto, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:
Días 1-4 de agosto: 
Luns a venres: 
Mañás: de 08:30 a 14:30 horas.

Do 5 ao 14 de agosto:
Luns a venres:
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.

Os sábados de agosto, a biblioteca permanecerá pechada.

Dende o día 15 de agosto e ata o 2 de setembro, o centro permanecerá pechado.

mércores, 17 de xullo de 2019

Un comezo de curso moi musical con "Radio Bulebule" e "Cantamos?"

 En setembro, a BPM de Brión convida ás/aos súas/seus usuarios/as máis pequenas/os a participar nun par de espectáculos de animación onde a protagonista volve a ser a música acompañada pola narración oral.

Co gallo da volta á escola, e para facela un pouco máis lene a todas as nenas e todos os nenos de Brión, os artistas Paco Nogueiras e Luís Vallecillo presentaran os seus espectáculos “Radio Bulebule” e “Cantamos?”, inspirados nos respectivos libros-disco do mesmo título.

O día 13 de setembro, ás 18:00 h., a Sala Municipal de Exposicións acollerá o serán de animación “Radio Bulebule” con Paco Nogueiras, inspirado no libro-disco publicado pola editorial Kalandraka e ilustrado por David Pintor. A sesión, dirixida a crianzas de 5 a 11 anos de idade, presenta unha emisora de radio moi especial. Dentro dela todo o universo é música, humor, baile e cancións.

Pero non rematará aquí a cousa, o día 20 de setembro, tamén as 18:00 h., Luís Vallecillo achegarase ata a mesma sala para sorprender ao público infantil coas divertidas cancións-conto do seu espectáculo “Cantamos?”. Se tes entre 5 e 9 anos de idade, non debes faltar a este serán cheo de divertidos números musicais de aire rock e blues en lingua galega para cantar, bailar, brincar e soñar.

Ámbolos espectáculos serán de entrada libre ata completar aforo e están patrocinados polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.