Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 16 de xullo de 2020

Concurso #hoxeescriboen: Relatos e fotografías dos concellos da Coruña

Este verán, dende a Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña queren animarte a escribir e sacar á luz o teu talento creativo, ao mesmo tempo que fomentas o patrimonio do teu concello.Todo isto a través dun concurso dirixido a todas as persoas lectoras de provincia. O premio é unha noite para dúas persoas con cea, almorzo e acceso ao spa no recentemente inaugurado Parador de Muxía.

Redacta un relato ambientado ou referido ao concello no que vives, neste caso Brión. Pode estar relacionado coa historia local, cunha lenda, cunha tradición da túa vila ou aldea, cun persoeiro destacado, cos valores positivos do teu concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental... calquera aspecto que axude a destacar o lugar no que vives.

Presume de Brión! Envía entre catro e dez folios, acompañados dun máximo de 3 fotografías que axuden a ilustrar o relato e estean localizadas no municipio, a biblioteca.info@dacoruna.gal xunto cos teus datos persoais. Consulta antes as bases completas con atención. En setembro, un xurado valorará os relatos e fotografías e fallará o premio. Tes ata o 31 de agosto para enviarnos a túa participación. 

Ligazón coa información, na web da Biblioteca da Deputación da Coruña.

xoves, 9 de xullo de 2020

Lembranza importante: a biblioteca municipal pechará durante o mes de agosto

Este verán, a biblioteca pública municipal de Brión vai pechar as súas portas dende o 3 de agosto ata o 6 de setembro. Durante este período vanse realizar no edificio obras de mellora e tarefas de mantemento das instalacións aproveitando as vacacións estivais do persoal.
Aquelas/es usuarias/os ás/aos a quen lles coincida a data de devolución de préstamos durante este período, ou teñan materiais pendentes de devolución con atraso, poderán entregalos na Casa da Cultura (de luns a venres, 9:00 a 14:00 h.).
Asemade, lembramos que, dende o 7 ao 15 de setembro, a biblioteca abrirá co mesmo horario de verán do mes de xullo: de 10:00 a 13:00 h. e de 16:00 a 20:00 h., de luns a venres.

Moitas grazas pola atención e un bo verán a todas e todos.