Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 22 de febreiro de 2018

Brión celebra o Día de Rosalía cun amplo programa de actividades

O Concello de Brión, a través da Casa da Cultura e da biblioteca publica municipal, dispóñense a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Para tal fin, e co gallo de conmemorar o aniversario do nacemento da autora, ven de programar unha serie de actividades lúdicas e culturais destinadas a homenaxear a esta senlleira figura das nosas letras.
Programa de actividades:

Exposición "Unha imaxe e mil versos"

A biblioteca municipal recuperará de cara ao Día de Rosalía unha pequena exposición de seu, con imaxes e poemas de Rosalía de Castro: "Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro". Unha mostra que simultaneamente se poderá ver na biblioteca escolar "Roberto Vidal Bolaño" do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros.

"Contando con Rosalía" en Brión, con Marisa Irimia

Contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro. Un achegamento á poesía dun xeito lúdico, divertido e saboroso destinado aos nenos/as e rapaces/zas de Brión. Lugar de celebración: Sala municipal de exposicións, Casa da Cultura. Data de celebración: mércores 21 de febreiro. Hora: 18:30 h.

24 de febreiro, Día de Rosalía

O alcalde de Brión, José Luís García, e en representación do noso municipio, participará ás 11:30 h. nun acto institucional no Hostal dos Reis Católicos onde se desenvolverá unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro no lugar en que foi bautizada hai 181 anos. Nel, o rexedor brionés lerá, xunto con representantes doutras institucións, textos da autora de "Cantares gallegos" e "Follas novas".

Pola tarde, ás 17:00 h., a compañía teatral Os Quinquilláns realizarán no adro da igrexa de Bastavales unha visita guiada e teatralizada con Rosalía e a súa relación con este lugar como referencia. Será de balde e aberta a toda a cidadanía.

  2 de marzo: Homenaxe a Rosalía en colaboración co CEIP de Pedrouzos

O alumnado do centro de Primaria realizará unha pequena ruta dende o alto do Monte Rubial ata San Xiao de Bastavales. Unha visita que rematará cunha visita teatralizada, coa participación da compañía de teatro Os Quinquilláns.

  20 de marzo: Homenaxe a Rosalía co IES de Brión

Pequena ruta similar á anterior. Tamén cunha sesión teatralizada, a cargo de Os Quinquilláns.

  Campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión

Unha acción destinada a fomentar a visibilidade da figura e obra de Rosalía de Castro entre a veciñanza do municipio. Unha campaña que consiste na colocación dunha lona, cun deseño exclusivo de Xosé Vizoso, no balcón da Casa da Cultura de Brión todos os 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía.

  Os Quinquilláns Teatro: "Rosalía en Bastavales", visitas teatralizadas

Visitas guiadas e teatralizadas que difundirán entre a veciñanza a vida e a obra da inesquecible Rosalía de Castro, prestando especial atención á relación da poeta con Brión.

A primeira delas será o 24 de febreiro "Día de Rosalía". Comezará ás 17:00 h. e realizarase na contorna da igrexa de San Xiao de Bastavales. As persoas interesadas en participar só deberán acudir ao adro do templo parroquial. A actividade será de balde.

Con posterioridade a esta data, realizaranse novas visitas (ademais das destinadas ao alumnado dos centros educativos) que serán anunciadas no seu momento. Polo de agora, podemos adiantar as seguintes datas previstas: sábados de maio, días 5, 12, 19 e 26; 17 de maio: Día das Letras Galegas.

Ao tratarse dunha actividade ao aire libre, a realización de mesma quedará supeditada ao tempo atmosférico, podendo suspenderse cando as condicións meteorolóxicas non sexan as máis idóneas. Neste caso avisarase á cidadanía a través das plataformas de divulgación axeitadas: páxinas web e app Brión informa.

  Caldo de Gloria

Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, o Concello de Brión, xunto cos municipios de Ames, Padrón e a Fundación Rosalía de Castro, quere organizar o denominado "Caldo da Gloria", unha actividade na que os diferentes establecementos hostaleiros que así o desexen servirán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que sería ofrecida como tapa aos clientes nos locais adheridos á esta actividade. En Brión, os establecementos hostaleiros que participan na campaña son: BTV, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso. Poderá desgustarse toda a fin de semana do 24 de febreiro.

  Ruta Rosaliana (presentada en FITUR)

Para promover entre a cidadanía o relanzamento da nova Ruta Rosaliana presentada na feira FITUR en Madrid, o Concello de Brión procederá en breve co reparto de marca páxinas, chapas, folleto da ruta e unha bolsa conmemorativa.

Presentación en Brión do último libro de Úrsula Heinze

Sally McMahon é unha muller madura que padece unha fonda depresión. Para saír do pozo, decide buscar a axuda dun especialista. Visita a un mozo psiquiatra, en sesións mensuais, durante dous anos. Nelas, van aboiando os conflitos e problemas máis fondos da súa enfermidade e da súa vida: a vellez, a idea da morte, a sexualidade, a relación cos demais, a desilusión... E tamén o proveito, ou non, das propias citas médicas.
Este é o argumento da última novela da recoñecida escritora Ursula Heinze, "Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás", un libro que a autora presentará en Brión o vindeiro venres 9 de marzo ás 20:30 h. na Sala de Exposicións Municipal. Unha cita á que acudirá acompañada por José Luís García, alcalde de Brión, e polo editor Henrique Alvarellos.
Ursula Heinze naceu en Colonia (Alemaña), aínda que reside e escribe desde 1968 en Santiago de Compostela. É unha vetarana e recoñecida autora de numerosas obras: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego, e poesía e relatos en lingua alemá. Traduciu obras de autores alemáns ao galego e tamén ao castelán.

Créditos da imaxe: Úrsula Heinze. Foto: Praza Pública

mércores, 21 de febreiro de 2018

"Contando con Rosalía" de Marisa Iriamia, un contacontos para celebra o Día de Rosalía por anticipado.

A animadora Marisa Irimia presentou en Brión o seu espectáculo “Contando con Rosalía”, un serán conta contos arredor da figura de Rosalía de Castro. Narración oral e versos para compartir, cargados coa musicalidade da poesía rosaliana. Un achegamento lúdico, divertido e saboroso ao xénero lírico que se celebrou na Sala de Exposicións Municipal para conmemorar o Día de Rosalía.
Adiantándose á data de celebración desta efeméride, a biblioteca municipal convidou a todos os nenos e nenas de 3 a 11 anos de idade a participar nesta actividade, que tivo lugar o martes 21 de febreiro. A convocatoria foi un éxito, arredor de 38 persoas participaron neste serán de animación para celebrar a vida e obra dunhas das figuras senlleiras das nosas letras. 


mércores, 14 de febreiro de 2018

Contando con Rosalía de Marisa Irimia, un serán para conmemorar o Día de Rosalía

Para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro, a biblioteca municipal convídate a participar na actividade “ Contando con Rosalía”, un serán de animación con Marisa Irimia que terá lugar o mércores 21 de febreiro ás 18:30 h.
Unha sesión con contos e versos para compartir, cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro. Un achegamento lúdico, divertido e saboroso ao xénero lírico que terá lugar na Sala de Exposicións Municipal, situada na planta baixa da Casa da Cultura.
Unha actividade dirixida a nenos e nenas de 3 a 11 anos de idade á que está convidada toda a familia. Non faltes, a entrada é de balde ata completar aforo.

venres, 9 de febreiro de 2018

"Las sillitas rojas" de Edna O'Brien, vindeira lectura do club

Despois de dar unha volta pola soleada e calorosa Sicilia da "Mennulara", da man de Simonetta Agnello Hornby, cruzamos Europa dende o Mediterráneo cara ao Atlántico, para visitar outra illa, a verde e evocadora Irlanda. Unhas paisaxes, se cadra, máis familiares que nos sitúan na pintoresca vila de Cloonolila. Un lugar que verá alterada a súa rutina pola chegada dun singular e sedutor forasteiro cun desacougante pasado tras de si.
Unha lectura que nos introducirá na obra da escritora irlandesa Edna O’Brien que con esta novela, "Las sillitas rojas", acadou grande éxito de crítica e público no mundo de fala inglesa. A autora percorre Europa desde o seu Irlanda natal para mostrarnos unha portentosa viaxe sobre o mal, a mentira, a dor e, en última instancia, o poder redentor dos afectos, debuxando ante nós o retrato de personaxes fascinantes.
Un libro que comentaremos na vindeira reunión do club, o mércores 28 de febreiro ás 20:00 h.