Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

martes, 28 de decembro de 2021

Lembranza importante: peche temporal da biblioteca municipal

Informamos ás nosas usuarias e usuarios que, debido a unha inundación na planta baixa do edificio, vémonos na obriga pechar a biblioteca municipal temporalmente por necesidades do servizo ata solucionar os problemas ocasionados por este fatídico incidente. Tan axiña como sexa posible, retomaremos o funcionamento habitual do centro.

Cando isto suceda, informaremos á veciñanza a través deste mesmo medio. Mentres tanto, as persoas que desexen devolver préstamos domiciliarios poderán facelo na caixa habilitada para tal fin no recibidor da biblioteca. A porta permanecerá aberta no horario habitual da biblioteca, que ata o día 7 de xaneiro é de 10:00 a 13:00 h. e de 16:00 a 20:00 h. (luns a venres).

Grazas pola comprensión e desculpas polas molestias ocasionadas.

sábado, 18 de decembro de 2021

Horario de Nadal da biblioteca

Como é costume no Nadal, a biblioteca pública municipal de Brión vai modificar o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas. A entrada en vigor dos cambios horarios está prevista para o día 21 de decembro e estenderase ata o 7 de xaneiro:

Do 21 ao 26 de decembro, o horario de apertura de luns a venres vai ser:

- Mañás, de 9:00 a 14:00 h.
- Tardes, pechada


 Do 27 de decembro ao 6 de xaneiro, o horario de apertura de luns a venres será o seguinte:

- Mañás, de 10:00 a 13:00 h.
- Tardes, de 16:00 a 20:00 h.

Ademais dos días festivos, 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro.

Moitas grazas e desculpen as molestias.
FELICES FESTAS E VENTUROSO 20212!

venres, 17 de decembro de 2021

Brión acolleu a presentación do libro “Rosas y espinas” de María Antonia Cao López

A brionesa de Os Ánxeles residente en Barcelona, María Antonia Cao, presentou o xoves 16 de decembro en Brión “Rosas y espinas”, a súa primeira novela publicada pola editorial Letrame. María estivo arroupada por familiares, amigos e unha numerosa veciñanza que acudiu ao evento para coñecer a obra coa que debuta como escritora.
O acto contou coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da concelleira María Rosa Romero. O rexedor foi o encargado de iniciar o serán literario e, no seu discurso de presentación, destacou as ligazóns que unen a María Antonia con Brión, transmitíndolle á escritora o apoio incondicional de todos os presentes e desexándolle unha longa traxectoria na súa nova faceta como escritora. 
Acompañada na mesa polo seu esposo, José Eduardo Limiñana, e a súa amiga, Vanesa Castro, a autora lembrou emocionada a forte ligazón emocional que a une con Brión, un vínculo inquebrantable a pesares da distancia que separa a Cidade Condal, onde reside na actualidade, da súa parroquia natal de Os Ánxeles, lugar onde transcorreron os seus primeiros anos de vida.
Ao remate do acto, moitas das persoas asistentes achegáronse ata a escritora cun exemplar do seu libro na man, aproveitando a ocasión para saúdala, felicitala e solicitar unha dedicatoria. Un libro que xa forma parte do catálogo da biblioteca municipal e se atopa a disposición de todas as lectoras e todos os lectores por cortesía de María Antonia.

xoves, 2 de decembro de 2021

Club de lectura: "As ramonas" de Ana Cabaleiro

Despois da paréntese na actividade por mor da pandemia, regresa o club de lectura á biblioteca municipal. A lectura escollida para iniciar esta temporada  é “As ramonas”, una novela de Ana Cabaleiro publicada pola editorial Galaxia.

Nela a autora presenta a Mona Otero, unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con desesperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse. Toda a historia que se narra en “As ramonas” emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade.

A autora:

Ana Cabaleiro é unha xornalista e escritora galega nada en Silleda. Colabora en "Sermos Galiza" e no "Boletín Galego de Literatura". É membro do grupo de escritura "Versos soltos". Traballou no campo da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Tamén traballou no gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra. En febreiro de 2017 publicou o seu primeiro libro de relatos, "Sapos e sereas", co que quixo chamar a atención sobre o absurdo dos estereotipos de xénero a través de relatos postos en feminino e dirixidos a unha hipotética lectora, nos que pon en cuestión o modo en que se contou a historia da muller. En 2018 gañou o "Premio García Barros" coa novela que estamos a ler.

Fonte biografía: Wikipedia
Imaxe autora: De Ogalego.gal - Obra propia

martes, 30 de novembro de 2021

Presentación en Brión do libro de María Antonia Cao López

Marian, con mente prodixiosa, emprende unha viaxe cara a un lugar descoñecido coa ilusión de triunfar no amor e deseñar a súa vida. Eduardo perseguía o mesmo camiño e os mesmos soños de Marian. Estes lévanos ao mesmo encontro coas adversidades que lles impuxo a vida.
Este é o argumento de “Rosas y espinas”, a novela publicada por Letrame que María Antonia Cao López, unha brionesa de Os Ánxeles residente en Barcelona, presentará o vindeiro 16 de decembro na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) ás 20:30 h. Será nun serán organizado pola biblioteca municipal e o Departamento de Cultura ao que está convidada todas a veciñanza.
As persoas que desexen asistir a este acto só deberan enviar unha mensaxe coa solicitude ao enderezo de correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org. No correo deberase incluír o nome e apelidos da persoa solicitante e un teléfono de contacto, precisando o número de butacas requiridas. A reserva farase por orde de inscrición ata completar o aforo da sala. 
No acto respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, o hixienizado de mans na entrada con xel hidroalcólico e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan.

martes, 23 de novembro de 2021

25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a biblioteca municipal desexa sensibilizar a toda a cidadanía sobre esta terrible eiva contra a que debemos loitar ata erradicala da sociedade.

A información é a mellor arma para acadar este albo, porque con educación podemos previr e reverter un fenómeno que afecta a milleiros de mulleres ao longo de todo o planeta. Por iso, na semana do 25 de novembro, comprometémonos máis que nunca a dar visibilidade e liberarnos das violencias machistas. 

Asemade, desexamos convidarvos a descubrir unha pequena mostra bibliográfica sobre o tema que atoparás nun dos expositores da sala principal da biblioteca. Son libros que atoparás de xeito habitual no noso punto de interese permanente sobre igualdade. 


 

xoves, 18 de novembro de 2021

O Concello de Brión convoca o IV Premio Laudamuco para textos teatrais

O Concello de Brión ven de convocar unha nova edición do Premio Laudamuco para textos teatrais. Un galardón que persegue estimular e apoiar a creación de obra dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura.  Unha vez máis, o Concello de Brión conta para esta iniciativa co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas.

A este premio poderán optar todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. O prazo de admisión de orixinais rematará o día 11 de febreiro de 2022.

O galardón literario está dotado cunha achega económica de 7.000 euros, unha escultura conmemorativa orixinal do artista Xosé Vizoso, ademais da edición da obra gañadora. O veredicto do xurado darase a coñecer na terceira semana do mes de abril de 2022. A entrega do premio realizarase nun acto solemne, organizado polo Concello de Brión, o 16 de maio de 2022, corenta e catro aniversario da posta en escena da obra "Laudamuco, señor de ningures".

Máis información en www.concellodebrion.gal

luns, 15 de novembro de 2021

Regresa á biblioteca o Club de lectura para adultos

Despois dunha obrigada parada nas actividades presenciais por mor da pandemia, regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de compartir experiencias lectoras con outras persoas.
Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá, realizaremos unha xuntanza na biblioteca co fin de facer unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade.
Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca a través do seus correos electrónicos ou chama ao tfno.: 981 50 99 69 para participar nesta actividade.

venres, 29 de outubro de 2021

"Cantando con Pinocho" de Rigoletto Teatro pecha a programación de "Outubro, mes das bibliotecas"

O grupo Rigoletto Teatro foi o encargado de finalizar este tarde a programación especial de “Outubro, mes das bibliotecas”. Unha serie de espectáculos de animación con música, narración oral, teatro e clown que se celebraron cada venres de mes na Sala Municipal de Exposicións/Carballeira de Sta. Minia para conmemorar o 24 de outubro, Día das bibliotecas.
Rigoletto Teatro presentou “Cantando con Pinocho”, un espectáculo con música, teatro e danza onde a Fada de Cabelos turquesa do conto de Pinocho narrounos unha historia que ligou con música en vivo as cancións compostas para a adaptación da obra teatral de Pinocho, que actualmente xira por Galicia.
Esta actuación, do mesmo xeito que o resto das programas ao longo do mes, espertou un grande interese entre a veciñanza, acadando unha destacada concorrencia de público que nesta ocasión superou as 50 persoas, entre crianzas e acompañantes adultos.
Esta programación, organizada pola biblioteca municipal, contou co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia que patrocinou as catro primeiras actuacións. E, por suposto, grazas ao interese de todas/os vós, converteuse en todo un éxito de participación, acadando unha destacada asistencia de público en todos e cada un dos espectáculos. Moitas grazas a todas/os por facelo posible.
 
 



venres, 22 de outubro de 2021

"Circo na casa" con Moc Moc MeRe Clown, porque as tarefas domésticas son divertidas

Este domingo, 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas, unha efeméride que en Brión conmemoramos cada venres deste mes cunha programación especial de actividades de animación.
Hoxe visitounos Moc Moc MeRe Clown que presentou o espectáculo “Circo na casa”, un serán moi divertido que nos ensinou que nas tarefas domésticas non debe haber roles de xénero e que hai que repartilas, porque non son aburridas en absoluto. Sobre todo cando a roupa sae voando ou o chan é imposible de limpar. O noso amigo clown tan pronto sae dunha lea métese noutra, nun espectáculo cheo de malabares, equilibrios imposibles e moito humor absurdo e directo.
Na actividade, que se celebrou ao aire libre na Carballeira de Santa Minia á beira da biblioteca, participaron máis de 60 persoas, entre crianzas, nais e pais. Un espectáculo para toda a familia que se estendeu durante un cuarto de hora que soubo a pouco. Unha vez máis, este serán organizado pola biblioteca contou co patrocinio do programa “Ler contra moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 


 

venres, 15 de outubro de 2021

Pakolas e Ramona Órbita visitaron Brión coa súa máquina do tempo musical

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha efeméride moi especial que aproveitamos para traer cada venres de mes un espectáculo de animación para toda a familia. Un xeito de reivindicar o libro e a lectura a través do teatro, a narración oral e a música.
 
O venres 15 de outubro visitounos con tal motivo o amigo Pakolas que, en compañía de Ramona Órbita, guiounos por unha viaxe musical a través do tempo. Un espectáculo do que gozaron por igual as crianzas, as nais e os pais que asistiron ao evento, que se celebrou na Carballeira de Santa Minia, aproveitando unha agradable tarde outonal. Un concerto ao aire libre, na espectacular contorna que rodea á biblioteca, ao que puideron asistir máis de 90 persoas grazas a ficar no exterior.
 
O espectáculo, organizado pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia 
 

Imaxes do espectáculo:

 


 

venres, 8 de outubro de 2021

Pakolas presenta en Brión a "Ramona Órbita"

O venres 15 de outubro vai celebrarse na sala de exposicións municipal (planta baixa da Casa da Cultura) un novo espectáculo de animación para celebrar que outubro é o mes das bibliotecas. Unha programación especial que achegará a toda a veciñanza, cada venres do mes, unha actividade relacionada co libro e a lectura.

Neste caso será Pakolas quen presente en Brión o seu espectáculo "Ramona Órbita", que chega a Brión coa súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para aprendernos a protexer a natureza!!!

Aínda que o aforo da sala está ao completo, poderás reservar quedando en lista de agarda. Para facelo, diríxete á biblioteca municipal a través do correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.org ou chamando ao número de tfno. 981 50 99 69 (en horario de tarde). As localidades asignaranse por orde de inscrición. Se o tempo o permite, o espectáculo trasladaríase á Carballeira de Santa Minia, polo que se ampliaría o número de butacas dispoñibles para asistir ao evento.

En todos os espectáculos, respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, a hixienización de mans con xel hidroalcólico na entrada e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan. 

Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Pedro Brandariz converteuse por un día no noso "Médico de familia"

Este venres celebrouse o segundo serán de animación da programación especial “Outubro, mes das bibliotecas”. Un espectáculo protagonizado polo doutor Pedro Brandariz, que durante 60 minutos se converteu no noso “Médico de familia”.

Pedro presentou en Brión esta actividade de animación onde describe os novos modelos familiares, sempre dende unha visión cómica e contando co apoio de libros como “Con Tango son tres” ou “O libro dos porcos”.

A sesión de animación, organizada pola biblioteca municipal co patrocinio do programa Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia, asistiron corenta persoas, entre nais/pais e crianzas. Un público familiar que gozou do espectáculo respectando en todo momento as directrices e recomendacións sanitarias en vigor, fieis á filosofía de que, con sentidiño, a cultura é segura. 

O vindeiro venres, a sala municipal de exposicións acollera un novo serán a cargo de "Pakolas" que vai presentar o sei espectáculo musical "Ramona Órbita" .

Imaxes do espectáculo:


venres, 1 de outubro de 2021

Paco Nogueiras presentou en Brión o seu espectáculo "Extra!"

Paco Nogueiras inaugurou hoxe a programación do “Outubro, mes da biblioteca” coa presentación en Brión de ”Extra!”, un espectáculo para toda a familia baseado no libro-disco do mesmo título editado por Kalandraka.
Un serán de animación que acadou unha gran participación (respectando sempre as restricións de aforo existentes), cun público conformado principalmente por crianzas que acudiron acompañados de nais e pais para gozar dunha sesión musical que se prolongou, aproximadamente, 60 min.
Con Paco Nogueiras comeza un programa de actividades que ao longo do mes de outubro traerá a Brión cada venres un espectáculo de animación que se celebrará sempre ás 18:00 h. Para acudir, so hai que reservar butaca a través do correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org. A entrada é de balde ata completar o aforo.
Os catro primeiros seráns, incluíndo este, contan co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 
Imaxes do evento:
 


 

xoves, 30 de setembro de 2021

Pedro Brandariz vai ser o noso ''Médico de familia''

O venres 8 de outubro vai celebrarse na sala de exposicións municipal (baixo da Casa da Cultura) un novo espectáculo de animación para celebrar que outubro é o mes das bibliotecas. Unha programación especial que achegará a toda a veciñanza, cada ventes do mes, unha actividade relacionada co libro e a lectura.

Neste caso será Pedro Brandariz quen presente en Brión o seu espectáculo "Médico de familia", unha actividade que nos describe os novos modelos familiares, sempre dende unha visión cómica e contando co apoio de libros como “Con Tango son tres” ou “O libro dos porcos”.

Se desexas asistir ao serán de animación, lembra que comezará as 18:00 h. no mencionado espazo. Poderás facelo de xeito gratuíto, con reserva previa de entrada na biblioteca municipal a través do correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.org ou chamando ao número de tfno. 981 50 99 69. As localidades asignaranse por orde de inscrición ata completar o aforo.

En todos os espectáculos, respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, a hixienización de mans con xel hidroalcólico na entrada e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan.

martes, 28 de setembro de 2021

Todos os venres un espectáculo para celebrar o mes das bibliotecas

A biblioteca municipal presenta un ano máis unha ampla programación de contacontos e espectáculos de animación ao abeiro do programa Ler conta moito, patrocinado pola Rede de Bibliotecas de Galicia. Este ano, baixo o lema de “Outubro, mes da biblioteca”, a sala municipal de exposicións acollerá cinco espectáculos que se celebrarán cada venres do mes de outubro a partir das 18:00 h.

Reserva de entradas:

A entrada, coma sempre, será de balde ata completar o aforo, con reserva previa das cadeiras de xeito presencial na biblioteca municipal ou a través do tfno. 981 50 99 69 (tardes) e do correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.org

Programa completo de actividades: 

Venres 1 de outubro:
Paco Nogueiras: “Extra !”

Venres 8 de outubro:
Pedro Brandariz: “Médico de familia”

Venres 15 de outubro:
Pakolas: “Ramona Órbita, a dona do tempo”

Venres 22 de outubro:
Moc-Moc- MeRe Clow: “Circo na casa”

Venres 29 de outubro:
Rigoletto Teatro: “Cantando con Pinocchio”

En todos os espectáculos, respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, a hixienización de mans con xel hidroalcólico na entrada e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan.

mércores, 22 de setembro de 2021

Horario da biblioteca municipal: Romaría de Santa Minia


Con motivo da celebración da Romaría de Santa Minia, a biblioteca municipal modifica o seu horario de atención ao público entre os días 23 e 28 de setembro.

Nestas datas o centro permanecerá aberto:

Mañás: de 9:00 a 13:00 h.
Tardes: de 16:00 a 20:00 h.

Asemade, lembramos que o luns 27 de setembro a biblioteca permanecerá pechada por ser esta data festividade local.

Desculpen as molestias e grazas pola compresión.

luns, 30 de agosto de 2021

Horario de verán da biblioteca municipal: mes de setembro

No mes de setembro a biblioteca pública municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.

Do 1 ao 3 de setembro, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario.
Luns a venres:
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.

Do 6 ao 15 de setembro, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:
Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 19:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.

Dende o 16 de setembro, a biblioteca municipal recuperará o seu horario de apertura habitual.

mércores, 21 de xullo de 2021

Horario de verán da biblioteca municipal: mes de agosto

No mes de agosto a biblioteca pública municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.

Dende o 2 ata o 13 de agosto, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada

 Do 16 ata o 31 de agosto, a biblioteca municipal permanecerá pechada.



martes, 29 de xuño de 2021

Horario de verán da biblioteca municipal: mes de xullo


No mes de xullo a biblioteca pública municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.

Dende o xoves 1 e ata o venres 30 de xullo, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 19:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada

mércores, 2 de xuño de 2021

Os Bolechas cóntanlle aos máis pequenos que é a diabetes

Esta tarde recibimos na biblioteca municipal unha agradable sorpresa, da man de Alicia Yáñez Rodríguez, unha pequena usuaria que con regularidade acode a sala infantil na procura de lecturas. A visita de hoxe foi moi especial, porque Alicia non veu retirar libros en préstamo, como de costume, senón que quixo agasallarnos, xunto co seu irmán Martiño,  en nome da asociación ANEDIA con dous exemplares da colección de Os Bolechas.
Trátase dunhas guías sobre a diabetes dirixidas aos nenos e ás nenas máis pequenos/as para darlles a coñecer en que consiste esta doenza e como as crianzas que a padecen poden integrarse e desenvolver unha vida activa e saudable.
As guías “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e “Manuela é nova na escola: medrando con diabetes”, foron creados polo ilustrador Pepe Carreiro e están publicados pola editorial Bolanda co patrocinio da Deputación da Coruña, ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia) e o Servizo Galego de Saúde.
Dende ANEDIA, a través o seu blog, comentan a importancia de ter materiais propios cos que traballar este tema cos máis cativos, coas familias e cos centros educativos. Da man de Pepe Carreiro crearon estas guías de Os Bolechas, uns recursos didácticos de grande utilidade.
ANEDIA está doando a bibliotecas escolares e municipais de Galicia este interesante recurso lúdico e informativo. A Brión chegou da man de Alicia Yáñez e a súa familia que entregaron os mencionados exemplares á biblioteca municipal para que permanezan accesibles a toda a cidadanía. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o encargado da biblioteca, Armando Patiño, acompañados polo técnico de Cultura Alberto Álvarez, foron os encargados de recibir este agasallo en forma de libro que quedará a disposición de toda a veciñanza do Concello de Brión. 
 

martes, 11 de maio de 2021

Maio Cultural - Letras Galegas Xela Arias 2021

Este ano o Día das Letras Galegas homenaxeará á escritora, poeta, tradutora, editora e docente Xela Arias. Unha creadora inconformista e independente, comprometida co noso idioma e a nosa cultura.
 
Co gallo desta celebración, Brión dedicará o seu Maio Cultural-Letras Galegas 2021 á esta autora. Dende o 14 ao 31 de maio, están previstas unha sería de actividades, algunhas en colaboración cos centros de ensino do municipio, para celebrar o mes no que florecen as Nosas Letras.

 

ACTIVIDADES:

- Do 14 ao 31 de maio: Exposición da obra poética de Xela Arias na Praza do Concello. Con información presencial e acceso a contidos multimedia. A través de códigos Qr impresos nas pezas que compoñen a mostra o público poderá acceder a información complementaria multimedia sobre a biografía e obra poética da autora. Asemade, e a través das redes sociais do Concello e da biblioteca municipal publicaranse varios vídeo-poemas.

- O 16 de maio terá lugar na Sala Municipal de Exposicións a entrega do III Premio Laudamuco para textos Teatrais que recibirá o escritor Francisco A. Vidal Blanco.

- Do 18 ao 21 de maio: Letras na Carballeira “Xela Arias 2021”. Unha actividade consistente en xogos de pistas dirixidos ao alumnado do CEIP de Pedrouzos e que se celebrará en diferentes lugares da Carballeira de Santa Minia.

- 18 de maio: A Xanela do Maxín con Celtia Figueiras presentará na Escola de Bastavales o espectáculo “Os libros da Titiriteira”

- O 21 de maio, Soraya Lema presentará na Escola de Os Ánxeles o espectáculo “O Exército das Paxariñas” 

Un maio cultural que axiña comeza para celebrar, de xeito seguro, a vida e a obra de Xela Arias. 


 

luns, 19 de abril de 2021

23 de abril, Día do Libro

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores.

Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. 

Este ano, dende a B.P.M. de Brión, queremos conmemorar esta efeméride tan especial recuperando a actividade de “bookcrossing” ou solta de libros e impulsando outras propostas e contidos virtuais a través das redes sociais da biblioteca.

Libros desconfinados: solta de libros en formato físico

Tralas experiencias positivas de “Libros para sermos libres” (en colaboración coa Deputación da Coruña) en 2018 e “Libros libres” en 2019, nas que se repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal recupera este ano a solta de libros. Baixo a denominación “Libros desconfinados”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller en calquera dos dous puntos de recollida que habilitaremos para a ocasión. 

O día 23 de abril, a entrada da Sala Municipal de Exposicións acollerá un punto de recollida de 10:00 a 13:00 h. Pola tarde, de 16:00 a 21:30 h., as usuarias e os usuarios da biblioteca municipal poderán retirar exemplares nun punto que se atopará na entrada do centro.

Por mor da actual situación sanitaria, cando nos acheguemos aos puntos de solta de libros, deberemos respectar todas as medidas de prevención establecidas para evitar a transmisión da COVID-19: desinfección de mans con xel hidroalcohólico nos expendedores habilitados, uso de máscara facial, distancia interpersoal e consulta dos fondos da exposición de xeito individual (salvo grupos de persoas que convivan).


Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.

Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.

Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros do venres, ao longo da semana compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e feliz Día do Libro 2021!

xoves, 1 de abril de 2021

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Dende 1967, e coincidindo coa data de nacemento do escritor Hans Christian Andersen, o 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Unha efeméride para promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano, unha sección nacional do IBBY (International Board on Books for Young People) ten a oportunidade de patrocinar o Día do Libro Infantil e seleccionar un escritor representativo e un recoñecido ilustrador do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvase a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librerías, etc.

Este ano correspóndelle á sección de Estados Unidos (USBBY) difundir a mensaxe da escritora Margarit Engle (co título de "A música das palabras"), ilustrada por Roger Mello. Engle é unha poeta cubano americana que obtivo numerosos premios polas súas obras infantís. O ilustrador do cartel, Roger Mello, naceu en Brasília en 1965, traballou en máis de 100 títulos, 25 dos cales son da súa autoría, e tamén obtivo importantes galardóns, como o Premio Andersen en 2014.

De seguido, ofrecémosche a mensaxe publicada na web de IBBY. O texto en galego está traducido da versión en castelán publicada na Revistababar.com.

A música das palabras

Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.

Cando escribimos, os nosos dedos cantan.

As palabras son tambores e frautas na páxina,

paxaros cantores que alzan o voo e elefantes

que tocan a trompeta,

ríos que flúen, fervenzas que caen,

bolboretas que revoan

no alto do ceo!

 As palabras convídannos a bailar:

ritmos, rimas, latexos do corazón,

ruído de cascos e bater de ás,

fábulas antigas e novas,

ficticias e reais.

Non importa se estás comodamente en casa

ou cruzando a fronteira cara a un novo país

e un idioma descoñecido, os contos e poemas

son teus.

Cando compartimos as palabras, as nosas voces

transfórmanse na música do futuro,

en paz, alegría e amizade,

unha melodía de esperanza.

Se o desexas, visita o portal web do IBBY e accede á mensaxe orixinal en inglés. Tamén podes descargar o cartel en tamaño A3 e un folleto con información complementaria sobre o autor e o ilustrador. 

Imaxe do cartel:


 

 

venres, 26 de marzo de 2021

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O 27 de marzo celebramos o Día Mundial do Teatro, unha data para por en valor entre a cidadanía a dramaturxia e espertar a atención dos gobernos, políticos e institucións que aínda non recoñeceron a súa importancia para as persoas e para o individuo, e tampouco se deron conta do seu potencial para o crecemento económico.
Unha vez máis, reproducimos a mensaxe dunha destacada figura vinculada coas artes escénicas. Un manifesto que difunde o Instituto Internacional do Teatro co gallo desta efeméride. Este ano a encargada de redactalo é a coñecida interprete británica Hellen Mirren (Máis información), actriz de teatro, cine e televisión. Preme nesta ligazón para acceder.
Permanece atenta/o ás redes sociais da biblioteca (Facebook e Twitter), nelas publicaremos diferentes contidos e recursos relacionados co teatro e as artes escénicas.
Para máis información sobre este evento, accede ao portal web do Día Mundial do Teatro.
 

 

Horario da biblioteca municipal en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará o seu horario de atención ao público nas seguintes datas:

Días 29, 30 e 31 de marzo, a biblioteca abrirá:
- Mañá: de 10:00 a 13:00 h.
- Tardes: de 16:00 a 20:00 h.

O centro permanecerá pechado o xoves 1, o venres 2 e o sábado 3 de abril, datas que se corresponden cos festivos de Semana Santa. A partir do luns, 5 de abril (inclusive), retómase o horario habitual.

Desculpen as molestias e moitas grazas.

sábado, 13 de marzo de 2021

20 de marzo, Día Internacional da Narración Oral

O 20 de marzo celebramos o Día Internacional da Narración Oral, unha data para reivindicar o valor da arte ancestral de contar historias. O 20 de marzo comezou a conmemorarse en Suecia en 1991, cando os integrantes da rede de narradores suecos decidiron festexar o equinoccio contando contos por todo o pais. 
Un evento que co paso dos anos foi gañando forza a nivel internacional, tamén no noso pais. Este ano en Galicia, ademais da difusión dun manifesto asinado pola escritora Fina Casalderrey que reproducimos ao final deste artigo, o Festival Internacional de Narración Oral Atlántica e os colectivos “Falando a boca chea...”, “Sete Falates Pontevedra” e “Noga-Narración Oral Galega” organizan unha serie de sesións contacontos coa colaboración dos concellos de Santiago, As Neves, Mondariz, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Brión, Fene, Pobra do Caramiñal, Ribeira e o Porriño.
Nelas participarán destacadas/os artistas e narradoras/res.

Contacontos de Charo Pita en Brión

En Brión, contaremos coa presenza da nosa amiga Charo Pita, que presentará un serán de narración oral o sábado 20 de marzo, ás 12:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (planta baixa da Casa da Cultura).
Un espectáculo para toda a familia ao que poderemos asistir de balde. O único requisito necesario será inscribirse previamente para reservar butaca. Poderémolo facer chamando aos teléfonos 981 50 99 69 (biblioteca) ou 981 50 99 08 (Casa da Cultura). Tamén solicitándoo por escrito aos enderezos de correo electrónico da biblioteca.

 Manifesto de Fina Casalderrey

Quen nos cativou algunha vez cun deses contos que nos abrazou, nos sorprendeu e nos sacudiu as emocións todas multiplicando as nosas endomorfinas gozosas? Quizais foi esa mestra que deu coa fórmula máxica para que fósemos á escola felices? O pai que deitou palabras doces no noso oído para borrarnos un pesadelo? Foi acaso a avoa que manexa os rudimentos do narrador de maneira natural para nos desvelar historias do noso rico folclore, as mesmas que ela recibira noutrora da súa avoa onda o lume morno dunha lareira? Talvez foi un narrador ou unha narradora profesional, capaz de sucar os mares e derrubar fronteiras coa autoridade de quen domina os segredos da oralidade? Ben seguro que se trata de alguén que nos ama, pois, como diría o gran contador galego Xabier P. Docampo, “contar é o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar”.
Hoxe, 20M de 2021, imaxino un despregue apoteótico de afectos, de historias marabillosas, vellas e novas, coñecidas e inéditas, de risa, de medo, de amor, de intriga... voando alto, cal aves migratorias, por riba de todos os tellados e de todas as pandemias do planeta —dende Suecia a Australia, dende Galicia ao resto de España, a Canadá, México...—, pousando nos teatros, nas escolas, nos hospitais, nas rúas, nas casas... o seu poder de sedución para entraren polos cinco sentidos de milleiros e milleiros de nenas e nenos, vacinándoos contra todo o feo, sementando no seu espírito as máis ricas e variadas sensacións, esas que fan soñar grande.
Neste xusto instante, nun punto minúsculo do mapa de Galicia, unha nena de ollos preguntóns chamada Sofía abre fascinada as portas ao mundo da narración oral. A piques de cumprir catro meses de vida —e despois de escoitar na voz que a aleita os primeiros contos de lobos e raposos, mouras de longos cabelos que se peitean con peites de ouro, serpes encantadas e carapuchiñas, parrulos feos... —, Sofía experimenta o pracer de ser ela quen balbuce o máis fermoso dos relatos como agasallo á súa nai. Ambas as dúas, felizmente sorprendidas, míranse aos ollos nunha danza única. A nai déixase levar polo entusiasmo da pequena contadora e comproba que o mundo enteiro cabe nas pupilas excitadas de Sofía, a nena que cos seus balbucidos emprende os primeiros voos na arte de narrar. Ese privilexio!
Contar e escoitar, crear mundos... é unha necesidade perenne do ser humano dende o comezo dos tempos e das idades. 
 

 

xoves, 4 de marzo de 2021

8 de marzo, Día Internacional da muller

Dende a biblioteca municipal, do mesmo xeito que o resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, sumámonos un ano máis á defensa dos valores que conmemoramos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Unha data para reivindicar uns principios que desexamos permanezan vixentes o resto ano. 
Baixo o lema: “Mulleres líderes. Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, este ano queremos dar especial visibilidade ás mulleres están na primeira liña da loita contra a Covid-19. Falamos das traballadoras do ámbito sanitario, dos servizos esenciais, da ciencia, da investigación... tamén as que lideran países como Nova Zelandia, Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Islandia, Etiopía ou Eslovaquia. Xefas de Goberno que acadaron un gran recoñecemento internacional pola eficacia da súa resposta fronte a pandemia que estamos a sufrir.
Con ela tamén xurdiron novos obstáculos que frean unha participación en plena igualdade das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade. Fronte a estes atrancos, o Concello de Brión quere manifestar o seu compromiso coa defensa e o fomento da igualdade entre homes e mulleres. Unha implicación que se plasma na aprobación do IV Plan para a Igualdade entre Mulleres e Homes 2021-2024, que quere aproveitar a experiencia adquirida nos últimos anos e afondar na loita contra as desigualdades que aínda seguen pouco visibles na nosa sociedade. Por iso, este 8 de marzo, o Concello de Brión quere compartir coa veciñanza un dos froitos do terceiro Plan: a guía de linguaxe inclusiva, distribuída o ano pasado entre o persoal municipal e que este ano estará a disposición de toda a veciñanza a través da web municipal. Preme nesta ligazón para accede directamente.
Tamén se vai organizar un serán de autocinema no campo de fútbol de Bastavales no que se proxectará o filme “María Solinha”, unha película que fala sobre a intolerancia e a violencia do mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. Cartel.
 
Pola súa parte, este centro vai dar visibilidade nun dos seus expositores, e durante toda a vindeira semana, a unha selección de novidades bibliográficas que forman parte do punto de interese sobre igualdade que ten a biblioteca. Asemade, a través das redes sociais e baixo o lema de “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”, partillaremos novas, curiosidades, recomendacións de lectura e imaxes do noso arquivo arredor do 8M Día Internacional da Muller.
Porque dende o Concello de Brión desexamos reivindicar a necesidade de ligar forzas entre todas e todos para que calquera persoa poida ocupar na sociedade o lugar que lle corresponde por dereito propio, que non é outro que aquel que desexen, independentemente do xénero.