luns, 19 de abril de 2021

23 de abril, Día do Libro

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores.

Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. 

Este ano, dende a B.P.M. de Brión, queremos conmemorar esta efeméride tan especial recuperando a actividade de “bookcrossing” ou solta de libros e impulsando outras propostas e contidos virtuais a través das redes sociais da biblioteca.

Libros desconfinados: solta de libros en formato físico

Tralas experiencias positivas de “Libros para sermos libres” (en colaboración coa Deputación da Coruña) en 2018 e “Libros libres” en 2019, nas que se repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal recupera este ano a solta de libros. Baixo a denominación “Libros desconfinados”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller en calquera dos dous puntos de recollida que habilitaremos para a ocasión. 

O día 23 de abril, a entrada da Sala Municipal de Exposicións acollerá un punto de recollida de 10:00 a 13:00 h. Pola tarde, de 16:00 a 21:30 h., as usuarias e os usuarios da biblioteca municipal poderán retirar exemplares nun punto que se atopará na entrada do centro.

Por mor da actual situación sanitaria, cando nos acheguemos aos puntos de solta de libros, deberemos respectar todas as medidas de prevención establecidas para evitar a transmisión da COVID-19: desinfección de mans con xel hidroalcohólico nos expendedores habilitados, uso de máscara facial, distancia interpersoal e consulta dos fondos da exposición de xeito individual (salvo grupos de persoas que convivan).


Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.

Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.

Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros do venres, ao longo da semana compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e feliz Día do Libro 2021!

0 comentarios :

Publicar un comentario