xoves, 1 de abril de 2021

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Dende 1967, e coincidindo coa data de nacemento do escritor Hans Christian Andersen, o 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Unha efeméride para promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano, unha sección nacional do IBBY (International Board on Books for Young People) ten a oportunidade de patrocinar o Día do Libro Infantil e seleccionar un escritor representativo e un recoñecido ilustrador do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvase a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librerías, etc.

Este ano correspóndelle á sección de Estados Unidos (USBBY) difundir a mensaxe da escritora Margarit Engle (co título de "A música das palabras"), ilustrada por Roger Mello. Engle é unha poeta cubano americana que obtivo numerosos premios polas súas obras infantís. O ilustrador do cartel, Roger Mello, naceu en Brasília en 1965, traballou en máis de 100 títulos, 25 dos cales son da súa autoría, e tamén obtivo importantes galardóns, como o Premio Andersen en 2014.

De seguido, ofrecémosche a mensaxe publicada na web de IBBY. O texto en galego está traducido da versión en castelán publicada na Revistababar.com.

A música das palabras

Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.

Cando escribimos, os nosos dedos cantan.

As palabras son tambores e frautas na páxina,

paxaros cantores que alzan o voo e elefantes

que tocan a trompeta,

ríos que flúen, fervenzas que caen,

bolboretas que revoan

no alto do ceo!

 As palabras convídannos a bailar:

ritmos, rimas, latexos do corazón,

ruído de cascos e bater de ás,

fábulas antigas e novas,

ficticias e reais.

Non importa se estás comodamente en casa

ou cruzando a fronteira cara a un novo país

e un idioma descoñecido, os contos e poemas

son teus.

Cando compartimos as palabras, as nosas voces

transfórmanse na música do futuro,

en paz, alegría e amizade,

unha melodía de esperanza.

Se o desexas, visita o portal web do IBBY e accede á mensaxe orixinal en inglés. Tamén podes descargar o cartel en tamaño A3 e un folleto con información complementaria sobre o autor e o ilustrador. 

Imaxe do cartel:


 

 

0 comentarios :

Publicar un comentario