HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta bookcrosing. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bookcrosing. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de xuño de 2022

Colle o teu libro e corre: solta de libros permanente

Dende hoxe atoparás no recibidor da biblioteca dúas caixas co lema “Colle o teu libro e corre! Trátase dun punto permanente de solta de libros onde ficarán materiais que a biblioteca pon a libre disposición das usuarias e dos usuarios.

Son exemplares en bo estado de conservación, procedente das expurgacións da colección, baixas, materiais duplicados, doazóns, etc. que poderás retirar para darlle unha segunda (ou terceira) vida na túa biblioteca particular.

As caixas ficarán de xeito permanente, renovándose o seu contido con regularidade.

luns, 19 de abril de 2021

23 de abril, Día do Libro

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores.

Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. 

Este ano, dende a B.P.M. de Brión, queremos conmemorar esta efeméride tan especial recuperando a actividade de “bookcrossing” ou solta de libros e impulsando outras propostas e contidos virtuais a través das redes sociais da biblioteca.

Libros desconfinados: solta de libros en formato físico

Tralas experiencias positivas de “Libros para sermos libres” (en colaboración coa Deputación da Coruña) en 2018 e “Libros libres” en 2019, nas que se repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal recupera este ano a solta de libros. Baixo a denominación “Libros desconfinados”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller en calquera dos dous puntos de recollida que habilitaremos para a ocasión. 

O día 23 de abril, a entrada da Sala Municipal de Exposicións acollerá un punto de recollida de 10:00 a 13:00 h. Pola tarde, de 16:00 a 21:30 h., as usuarias e os usuarios da biblioteca municipal poderán retirar exemplares nun punto que se atopará na entrada do centro.

Por mor da actual situación sanitaria, cando nos acheguemos aos puntos de solta de libros, deberemos respectar todas as medidas de prevención establecidas para evitar a transmisión da COVID-19: desinfección de mans con xel hidroalcohólico nos expendedores habilitados, uso de máscara facial, distancia interpersoal e consulta dos fondos da exposición de xeito individual (salvo grupos de persoas que convivan).


Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.

Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.

Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros do venres, ao longo da semana compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e feliz Día do Libro 2021!

sábado, 27 de abril de 2019

Libros ceibes por Brión

O martes, 23 de abril, a biblioteca municipal realizou unha actividade de solta de libros (bookcrossing) para conmemorar o Día do Libro, unha efeméride que celebramos a nivel internacional para promocionar a lectura e dar visibilidade e impulsar as publicacións impresas, a edición e os dereitos de autor.

Con dous puntos de solta, situados pola mañá na Carballeira (trasladouse á Sala de Exposicións municipal por mor da choiva) e pola tarde no recibidor da biblioteca, ceibáronse arredor de 200 exemplares que estiveron dispoñibles como agasallo para toda a cidadanía.

Aproximadamente 120 exemplares acabaron cambiando de mans, pasando a integrar a biblioteca das persoas que ao longo da xornada se achegaron as mesas que se dispuxeron para a ocasión.


martes, 24 de abril de 2018

Gran participación cidadá na campaña "Libros para sermos libres"

O 23 de abril, celebramos en Brión o Día Internacional do Libro. Para conmemora esta data tan especial a BPM de Brión participou na campaña da Deputación da Coruña “Libros para sermos libres”, una iniciativa cultural e de animación á lectura á que se uniron outros 29 concellos da provincia.
Ao longo da xornada repartíronse entre a cidadanía, e de xeito totalmente gratuíto, preto de 300 exemplares, achegados pola Deputación, a propia biblioteca e Casa da Cultura. Os puntos de reparto ficaron, ademais de na biblioteca municipal, no exterior da Casa da Cultura e na entrada da Escola Municipal de Música Magariños.
A campaña pode cualificarse de éxito completo. Ao longo do día, máis de 80 persoas retiraron libros no punto situado na biblioteca municipal. A modo de exemplo, dos 75 libros colocados no punto de solta situado na Escola de Música Municipal, ao remate da xornada, só quedaron dispoñibles 5 exemplares. A oferta bibliográfica estivo composta fundamentalmente por libros de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura e banda deseñada, achegados pola Deputación. Pola súa banda, a biblioteca municipal complementou o lote con exemplares de literatura infantil e xuvenil, que foron dos primeiros en esgotarse.
Con esta iniciativa a Deputación da Coruña e o Concello de Brión quixeron celebrar o Día do Libro achegando á lectura a cidadanía dun xeito diferente. Agora só esperamos que os exemplares ceibados enriquezan as bibliotecas e potencien o hábito lector de todos os veciños e veciñas que se interesaron por esta campaña. A todos e todas, moitas grazas pola vosa participación.

Punto de solta na biblioteca

Numerosa veciñanza achegouse aos diferentes puntos de solta ao longo da xornada. Na imaxe: Casa da Cultura
Punto de solta situado na Escola de Música. Ao final do día, apenas quedaron 5 libros dun total de 75 exemplares

luns, 22 de abril de 2013

23 de abril, Día do Libro

O 23 de abril, celébrase o  "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride creada pola Unesco en 1995 coa intención de homenaxear o libro "animando a todo o mundo, sobre todo ás persoas máis novas, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a insubstituíble achega dos autores ao progreso social e cultural".

Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a grande festa do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. Unha celebración que nesta edición centrarase na promoción da frase "Ler para vivir" (#lerparavivir) nas redes sociais.

Se ven a BPM de Brión concentra as actividades de promoción do libro e a lectura na Feira do Libro de Brión que, coincidindo co día das Letras Galegas, celébrase do 13 ao 31 de maio, queremos animarvos a aproveitar o día coñecendo os servizos que che ofrece a biblioteca. Os clubs de lectura (infantil e para adultos), as actividades bookcrossing (Solta de Libros e Banco de Libros) e toda a programación de actividades da Feira do Libro, coas que este ano se vai homenaxear a figura do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. 

No referente ao intercambio de libros, adiantarvos que en maio imos actualizar e aumentar os puntos “Solta de libros”. Tamén che invitamos a unirte ao “Banco de libros” e compartir con outros usuarios as lecturas que recomendarías a todo o mundo.

luns, 14 de maio de 2012

Bookcrossing: Solta de libros (reeditado)


Hoxe iniciamos o programa "Bookcrossing" Solta de libros na BPM de Brión. A actividade consta de dúas partes; por unha banda, a "solta de libros" en diversos lugares de Brión dos que iremos informando nos vindeiros días, por outra, a creación dun "Banco de libros" na biblioteca.

::Banco de libros::

Consiste na creación dun fondo bibliográfico, xestionado dende a biblioteca, con achegas de particulares que queiran emprestar libros de seu a outros lectores. Para participar só hai que ser socio da biblioteca, inscribirse no programa e aportar algún libro que queiramos compartir. O libro é propiedade de quen o empresta e pode recuperalo cando desexe. O centro comprométese a xestionar o seu empréstito a outros usuarios inscritos no programa.

A idea é compartir libros que limos nalgún momento e nos gustaría recomendar a outros lectores. Trátase dun intercambio de libros e experiencias lectoras dentro dunha comunidade que queremos vaia medrando. Xa podes participar inscribíndote na BPM de Brión.

Para máis información, chama ao 981 50 99 69 de luns a venres de 16 a 22 horas e os sábados de 9:00 a 14 horas.

::Solta de libros::

Xa temos o primeiro punto "bookcrossing" operativo. Onde está?...
Os interesados non teñen máis que visitar o recibidor do Centro Social Polivalente de Brión. Nos vindeiros días, iremos informando de novos lugares de intercambio de libros. Mantente atent@.