luns, 22 de abril de 2013

23 de abril, Día do Libro

O 23 de abril, celébrase o  "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride creada pola Unesco en 1995 coa intención de homenaxear o libro "animando a todo o mundo, sobre todo ás persoas máis novas, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a insubstituíble achega dos autores ao progreso social e cultural".

Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a grande festa do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. Unha celebración que nesta edición centrarase na promoción da frase "Ler para vivir" (#lerparavivir) nas redes sociais.


Se ven a BPM de Brión concentra as actividades de promoción do libro e a lectura na Feira do Libro de Brión que, coincidindo co día das Letras Galegas, celébrase do 13 ao 31 de maio, queremos animarvos a aproveitar o día coñecendo os servizos que che ofrece a biblioteca. Os clubs de lectura (infantil e para adultos), as actividades bookcrossing (Solta de Libros e Banco de Libros) e toda a programación de actividades da Feira do Libro, coas que este ano se vai homenaxear a figura do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. 

No referente ao intercambio de libros, adiantarvos que en maio imos actualizar e aumentar os puntos “Solta de libros”. Tamén che invitamos a unirte ao “Banco de libros” e compartir con outros usuarios as lecturas que recomendarías a todo o mundo.

0 comentarios :

Publicar un comentario