O 23 de abril, celebramos en Brión o
Día Internacional do Libro. Para conmemora esta data tan especial a BPM de Brión participou na campaña da Deputación da Coruña
“Libros para sermos libres”, una iniciativa cultural e de animación á lectura á que se uniron outros 29 concellos da provincia.
Ao longo da xornada repartíronse entre a cidadanía, e de xeito totalmente gratuíto, preto de 300 exemplares, achegados pola Deputación, a propia biblioteca e Casa da Cultura. Os puntos de reparto ficaron, ademais de na biblioteca municipal, no exterior da Casa da Cultura e na entrada da Escola Municipal de Música Magariños.
A campaña pode cualificarse de éxito completo. Ao longo do día, máis de 80 persoas retiraron libros no punto situado na biblioteca municipal. A modo de exemplo, dos 75 libros colocados no punto de solta situado na Escola de Música Municipal, ao remate da xornada, só quedaron dispoñibles 5 exemplares. A oferta bibliográfica estivo composta fundamentalmente por libros de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura e banda deseñada, achegados pola Deputación. Pola súa banda, a biblioteca municipal complementou o lote con exemplares de literatura infantil e xuvenil, que foron dos primeiros en esgotarse.
Con esta iniciativa a Deputación da Coruña e o Concello de Brión quixeron celebrar o
Día do Libro achegando á lectura a cidadanía dun xeito diferente. Agora só esperamos que os exemplares ceibados enriquezan as bibliotecas e potencien o hábito lector de todos os veciños e veciñas que se interesaron por esta campaña. A todos e todas, moitas grazas pola vosa participación.
|
Punto de solta na biblioteca |
|
Numerosa veciñanza achegouse aos diferentes puntos de solta ao longo da xornada. Na imaxe: Casa da Cultura |
|
Punto de solta situado na Escola de Música. Ao final do día, apenas quedaron 5 libros dun total de 75 exemplares |
0 comentarios :
Publicar un comentario