venres, 8 de outubro de 2021

Pakolas presenta en Brión a "Ramona Órbita"

O venres 15 de outubro vai celebrarse na sala de exposicións municipal (planta baixa da Casa da Cultura) un novo espectáculo de animación para celebrar que outubro é o mes das bibliotecas. Unha programación especial que achegará a toda a veciñanza, cada venres do mes, unha actividade relacionada co libro e a lectura.

Neste caso será Pakolas quen presente en Brión o seu espectáculo "Ramona Órbita", que chega a Brión coa súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para aprendernos a protexer a natureza!!!

Aínda que o aforo da sala está ao completo, poderás reservar quedando en lista de agarda. Para facelo, diríxete á biblioteca municipal a través do correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.org ou chamando ao número de tfno. 981 50 99 69 (en horario de tarde). As localidades asignaranse por orde de inscrición. Se o tempo o permite, o espectáculo trasladaríase á Carballeira de Santa Minia, polo que se ampliaría o número de butacas dispoñibles para asistir ao evento.

En todos os espectáculos, respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, a hixienización de mans con xel hidroalcólico na entrada e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan. 

Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.

0 comentarios :

Publicar un comentario