xoves, 4 de marzo de 2021

8 de marzo, Día Internacional da muller

Dende a biblioteca municipal, do mesmo xeito que o resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, sumámonos un ano máis á defensa dos valores que conmemoramos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Unha data para reivindicar uns principios que desexamos permanezan vixentes o resto ano. 
Baixo o lema: “Mulleres líderes. Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, este ano queremos dar especial visibilidade ás mulleres están na primeira liña da loita contra a Covid-19. Falamos das traballadoras do ámbito sanitario, dos servizos esenciais, da ciencia, da investigación... tamén as que lideran países como Nova Zelandia, Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Islandia, Etiopía ou Eslovaquia. Xefas de Goberno que acadaron un gran recoñecemento internacional pola eficacia da súa resposta fronte a pandemia que estamos a sufrir.
Con ela tamén xurdiron novos obstáculos que frean unha participación en plena igualdade das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade. Fronte a estes atrancos, o Concello de Brión quere manifestar o seu compromiso coa defensa e o fomento da igualdade entre homes e mulleres. Unha implicación que se plasma na aprobación do IV Plan para a Igualdade entre Mulleres e Homes 2021-2024, que quere aproveitar a experiencia adquirida nos últimos anos e afondar na loita contra as desigualdades que aínda seguen pouco visibles na nosa sociedade. Por iso, este 8 de marzo, o Concello de Brión quere compartir coa veciñanza un dos froitos do terceiro Plan: a guía de linguaxe inclusiva, distribuída o ano pasado entre o persoal municipal e que este ano estará a disposición de toda a veciñanza a través da web municipal. Preme nesta ligazón para accede directamente.
Tamén se vai organizar un serán de autocinema no campo de fútbol de Bastavales no que se proxectará o filme “María Solinha”, unha película que fala sobre a intolerancia e a violencia do mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. Cartel.
 
Pola súa parte, este centro vai dar visibilidade nun dos seus expositores, e durante toda a vindeira semana, a unha selección de novidades bibliográficas que forman parte do punto de interese sobre igualdade que ten a biblioteca. Asemade, a través das redes sociais e baixo o lema de “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”, partillaremos novas, curiosidades, recomendacións de lectura e imaxes do noso arquivo arredor do 8M Día Internacional da Muller.
Porque dende o Concello de Brión desexamos reivindicar a necesidade de ligar forzas entre todas e todos para que calquera persoa poida ocupar na sociedade o lugar que lle corresponde por dereito propio, que non é outro que aquel que desexen, independentemente do xénero.

0 comentarios :

Publicar un comentario