Despois da paréntese na actividade por mor da pandemia, regresa o club de lectura á biblioteca municipal. A lectura escollida para iniciar esta temporada é
“As ramonas”, una novela de Ana Cabaleiro publicada pola editorial Galaxia.
Nela a autora presenta a Mona Otero, unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con desesperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse. Toda a historia que se narra en “As ramonas” emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade.
A autora:
Ana Cabaleiro é unha xornalista e escritora galega nada en Silleda. Colabora en "Sermos Galiza" e no "Boletín Galego de Literatura". É membro do grupo de escritura "Versos soltos". Traballou no campo da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Tamén traballou no gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra. En febreiro de 2017 publicou o seu primeiro libro de relatos, "Sapos e sereas", co que quixo chamar a atención sobre o absurdo dos estereotipos de xénero a través de relatos postos en feminino e dirixidos a unha hipotética lectora, nos que pon en cuestión o modo en que se contou a historia da muller. En 2018 gañou o "Premio García Barros" coa novela que estamos a ler.
Fonte biografía: Wikipedia
Imaxe autora: De Ogalego.gal - Obra propia
0 comentarios :
Publicar un comentario